Martiñán, un pan de renome

Negocio con tradición ► Se o capón é a ave con máis fama de Vilalba e o San Simón o queixo que leva o sabor da Terra Chá ao redor de medio mundo, o bolo de Martiñán ten o éxito no mundo panadeiro dende hai máis de medio século de tradición co sabor de sempre
Loli Ramil e Virginia Pico (dereita).
photo_camera Loli Ramil e Virginia Pico (dereita).

Non ten unha feira coma o capón ou o queixo de San Simón, pero o bolo de Martiñán, un pequeno barrio da parroquia vilalbesa de Corbelle, ten a fama da tradición que traspasa fronteiras co sabor de sempre. "Podería facelo cos ollos pechados", di Virginia Pico, que aos seus 65 anos segue dando forma ao pan igual que empezaron seus pais, Olegario e Lola, hai máis de medio século.

"Viviamos en Abadín e tiñamos uns tíos aquí e en 1961 meus pais colleron un garaxe e puxeron un forno. Facían pouca cousa. Cocían dúas veces por semana", rememora Virginia, que ten que remontarse a 1961 para contar o xermolo do que hoxe é unha das panaderías con máis fama de Vilalba.

"Meu pai repartía nun carriño en bicicleta", relata unha muller que recoñece, pese a que a súa filla, Loli Ramil, xa está embarcada dende hai anos na tradición familiar, que non é capaz de xubilarse. "É moi difícil desengancharse. Foi a túa vida e non me dou decidido", di, e fala dun negocio que evolucionou sen perder as raíces.

"Aos tres anos compraron esta casa -na que hoxe cocen e venden o pan- e puxeron o forno -un dos tres que aínda traballa- e a panadería. Pero facíase pouco pan. Agora cócese tódalas noites, excepto Nadal e Aninovo, e un día normal fanse unha media de 700 pezas", que aumentan a máis de mil as fins de semana ou aos 2.000 nestas datas navideñas que, xunto co verán, é a época máis forte. "Veñen por sacos porque este pan mantense moito", di.

Actualmente traballan no negocio dez persoas, con tres coches repartindo por semana e catro a fin de semana, por toda Vilalba, Xermade e algo de Abadín. "Tamén veñen dende As Pontes, Mondoñedo ou Ferreira do Valadouro para levar para vender en tendas", comenta co orgullo de recoñecer que o produto funciona pero sen a necesidade de darse máis importancia da que cre que considera.

"Non queremos protagonismos, pero o pan ten moita fama. Se falas de Martiñán xa é no primeiro no que pensa a xente", e trata de dar as razóns do éxito: "É moi boa zona de trigo e de auga e séguese facendo igual que sempre. Non hai cámaras de fermentación".

Sexa como sexa, nin a crise económica nin a apertura da A-8 mermaron as vendas da panadería vilalbesa. "O pan viaxa moito. Vén moita xente de Asturias a propósito e moitos camioneiros saen na autovía para compralo. É algo moi bo que teña éxito, pero ás veces supón un exceso de traballo e, como vivimos aquí, teñas aberto ou pechado, búscante para compralo", explica unha muller que sabe que a mellor forma de vender o que amasa cada noite, cando toca o espertador ás 3.30 horas, é degustalo un mesmo.

"A mellor recomendación é probalo. É moi macizo, consérvase moi ben e vale para comer con calquera cousa", di, despois de contar unha anécdota inesperada: "Un rapaz de Burela sorprendeunos un día porque fixo unha páxina de Facebook do bolo de Martiñán e pide unha foto do bolo na autovía". Hoxe suma 1.400 seguidores. Alguén aínda non o probou?

Comentarios