martes. 24.05.2022 |
El tiempo
martes. 24.05.2022
El tiempo

'Marron glacé'

ALGÚNS DÍAS, cando o tempo axuda e nada hai que me leve por outras rotas, vou dar unha volta polas ‘costas do parque’ —supoño que se lles sigue chamando así— co que participo das boas prácticas que os médicos nos recomendan ao mesmo tempo que lle concedo á memoria a posibilidade de se espreguizar evocando vellos tempos —e ben vellos, por certo— de partidos de fútbol con pelotas que tiñan unha teimosa querenza polos arredores de ‘Volta da Viña’ o que demasiadas veces nos obrigaba a dedicar máis tempo e esforzo a baixar e subir aquelas pendentes que á propia contenda deportiva ou lembrando aquelas primeiras ocultacións compartidas, máis imaxinadas que reais, nas que contemplar o solpor co que daquela estarías disposto a definir como poética actitude.

Pois ben, un deses días cadrou a mediados da semana pasada e ía eu subindo, agora moito máis amodo, claro, a versión actual do antigo camiño tantas veces andado de rapaz co balón baixo do brazo e paraba, xogando, a debullar cos pés algúns dos ourizos caídos dos castiñeiros que por alí hai. Pouco e ruín o froito que puiden ver, supoño que dando a razón ao refrán que di que a castaña precisa «en agosto arder e en setembro beber», condicións que este ano non se deron. Como a temperatura era agradable e a hora propicia polo que non é de estrañar que por alí andásemos ao mesmo tempo oito ou dez persoas de distintas idades e sexos. Estiven durante algúns minutos sen afastarme moito do sitio e así puiden comprobar que non eran poucos os que facían o que eu fixera: debullar un ourizo e baixarse a coller as castañas para velas de cerca, abalar a cabeza e facer algún comentario ao respecto. Todos os que iso fixeron eran homes ou mulleres xa de certa idade e ningunha das rapazas nin ningún dos rapaces novos que pasaban demostraron o máis mínimo interese polo que había estrado no chan.

Seguín o meu camiño e ía dándolle voltas ao que a min me parecía unha pouco lóxica falla de curiosidade e pensando en que, se cadra, habería entre aquela mocidade quen, a diferenza dos máis vellos, podería informarnos de que o nome científico daquelas árbores é ‘castanea sativa’ aínda que nunca se picase nos dedos ao coller un ourizo cando batín cunha antiga compañeira de profesión coa que comentei aquelas miñas cavilacións.

Ela ollou ao lonxe e dixo: «Se cadra é que acabamos dándolle case toda a importancia ao ‘marron glacé’».

'Marron glacé'
Comentarios