Marrar o tiro

Co paso do tempo tendemos a ver como absolutamente normais fenómenos que hai ben pouco xulgábamos de extraordinarios. E dun xeito destacado as novas tecnoloxias da información e da comunicación, ou sexa todo aquilo que pasa por internet. Neste sentido son frecuentes os estudos e as opinións que vaticinan cambios estruturais radicais en mundos como o dos periódicos, por exemplo. Pero para nós a última sorpresa ou fenómeno relevante son os chamados ‘blogs’, unha especie de caderno particular ou de periódico propio e persoal, que se situa na rede para coñecimento e participación de quen queira asomarse a el. Algúns son de consulta obrigada para os mesmos medios de comunicación, dada a relevancia do seu propietario ou creador; aí esta o caso do de Iñaki Anasagasti, por exemplo. Outros son de visita mais restrinxida, limítase aos amigos e coñecidos que son os principais participantes cos seus comentarios, case sempre os mesmos. Ainda asi, resulta un fenómeno moi curioso e aleccionador, xa que constituen unha especie de trasunto das antigas tertulias, co engadido de que a letra escrita non a leva o vento.

Dito o cal compre engadir que non somos consumidores habituais de ‘blogs’ e que realmente témonos asomado a algún por indicación dos propios autores, para descubir, tal e como nos sucedeu hai poucas semanas, que se inxeria un longo traballo en resposta a outro noso inexistente. O autor, cuxo nome non ven ao caso, daba por feito que un traballo anónimo publicado nunha páxina web era da nosa autoria, e sentado tal principio científico, dedicábase a zoupar en nós sen reparo. E claro, aberta a veda prodigáronse outros tertulianos que, con matices, completaban a faena. Incrible, pero en absoluto inédito.

Coñezo o caso dun periódico local de hai xa bastante tempo, que respostaba ás cartas ao director que un teimoso e fidel lector lle enviaba, pero non as publicaba, ou sexa que se criaba unha situación bastante pintoresca, xa que os lectores estaban obrigados a intuir a liña argumental da anónima e inédita carta que nunca aparecia. No caso que nos ocupa, atribuiselle a alguén un texto que nunca escribiu e respóstase ao artigo en cuestión pero con caracterizacións do suposto autor.

Non obstante o caso é que nunca enviamos traballo algún a tais páxinas, nen asinado nen anónimo. Tense dado o caso de que algunhas os recolleron, concretamente tirados desta mesma columna. Con todo o certo é que mola, como agora se di, saber das opinións e xuízos, tanto políticos como persoais, de xentes ás que coñeces e mesmo tratas,  nalgúns casos. En canto ao mangado de virtudes sobre a miña persoa, naturalmente que poderia opinar, ainda que o único que fixemos foi aclarar que non compuxemos o escrito que subscitou tal encabuxamento, por cuxa razón seria unha temeridade polemizar sobre algo que se nos atribue con bastante lixeireza. Comprenderase que para discutir de política seria mais pertinente referirse ás ducias de entregas que si compuxemos sobre tal temática. 

Comentarios