Márketing eclesial

CON MOITOS ANOS DE RETRASO a respecto do Pelegrín, a sonada mascota posta en circulación no Ano Santo de 1993, agora a Igrexa, que non a Xunta, fai o lanzamento de Xubi, unha mestura da cabaza e o bastón propios dos peregrinos. O seu autor declarou que non é un boneco máis, senón que nace dunha fonda reflexión, xa que se trata dunha mascota alegre, animosa e próxima a todo e a todos. Un pouco excesivo para un debuxo de cor verde, moi parecido a unha pera co mango dun paraugas chantado enriba. O mundo dos logotipos resulta moi complexo, e a capacidade de atinar, ás veces é unha excepción. O propio autor desta nova imaxe de inspiración eclesial, ten realizado creacións de grande altura, ainda que esta seguramente entrará na ampla confraria que conforman a galiña azul das escolas infantís, o 'mono' da anterior consellaria do medio rural —calcado do logotipo dun banco—, e mesmo a primeira imaxe corporativa que usou a Xunta.

Pero o máis chamativo é que a entidade privada que promove a nova marca, Fundación ad Sanctum Iacobum, está presidida polo ex ministro Marcelino Oreja e participada pola Igrexa. De aí o nome de Xubi, sen dúbida apócope de xubileo, e xa se sabe que para gañalo hai que pasar pola Porta Santa e comungar na Catedral. Algo que o distancia do antigo Pelegrín, máis colorista e desenfadado e mais próximo aos aspectos lúdicos do camiño que á compoñente relixiosa. Pensando máis neste aspecto, quizais a Igrexa debeu percurar outra imaxe máis propia, e inspirada nas innumerables advocacións que son fitos das rutas do norte, do sur, do centro e mesmo do mar. Unha palmeira con aura ou un chafarís nimbado, serian máis eficaces para sinalar as inumerables rotas que seguiron ao longo dos séculos os peregrinos, e que agora se van adxudicando nunha especie de imitación da multiplicación dos pans e dos peixes, ao tempo que tal proliferación constitúe un verdadeiro arcano, xa que resulta ben dificil de explicar que a fe e a devoción, mesmo as medievais, levaran aos romeiros a dar incribles reviravoltas para chegar a Santiago, no canto de utilizar o camiño máis curto. Pero as autoridades eclesiásticas optaron por algo máis comercial xa que se trata de explotar a marca a través de cartaces, camisetas, gorras, pins e mercadotecnia variada. Inexplicablemente prescíndese da cuncha e da cruz de Santiago, que ao mesmo tempo servirian de símbolos promotores dos excelentes produtos que son as vieiras e os santiaguiños.

En resume, tendo en conta que a mascota transmite unha mensaxe máis fácil e rapidamente recoñecible que as palabras, e que se relaciona coa identidade da organización promotora, ou do feito en si mesmo, o Xubi resulta bastante ambiguo tanto no deseño como no propio nome. Non hai mais que comparalo co Pelegrín. Compre ter presente que o obxectivo é publicitar produtos para o mercado, pero tamén provocar xuízos favorables para a causa ou a entidade patrocinadora.

Comentarios