Domingo. 17.12.2017 |
El tiempo
Domingo. 17.12.2017
El tiempo

EN RIBADEO: NON SE PREVÉ COBRAR ENTRADA NO AREAL

A Mariña recibe un aluvión de visitas na praia das Catedrais e na senda do Fuciño do Porco

Visitantes este xoves no Fuciño do Porco, no Vicedo
Visitantes este xoves no Fuciño do Porco, no Vicedo
No areal ribadense pódese superar o tope permitido porque ninguén controla o acceso

Os mariñáns quedaron este xoves abraiados, non só por gozar dunha especie de verán en pleno outono, algo pouco habitual, senón pola cantidade de visitantes que seguen chegando fóra da tempada alta. Na praia ribadense das Catedrais, onde xa por estas datas non hai persoal que controle o acceso, quizais se superou o tope de 4.812 persoas fixadas como máximo para un mesmo día, coa fin de preservar o enclave. Tamén o miradoiro vicedense do Fuciño do Porco rexistrou centos de camiñantes polas súas sendas.

"Dende as catro e media da tarde, o aluvión de turistas xa era impresionante, cos aparcadoiros cheos e a xente buscando onde aparcar", sinalaron este xoves os policía locais de Ribadeo ao pasar polo monumento natural. A Xunta contrata persoal –doce en total neste verán– para atender as visitas, vixiar que non haxa accidentes e controlar o acceso só na tempada alta, é dicir, de xullo a setembro e na Semana Santa. Pontes festivas de tanta afluencia coma esta sáense do previsto e agora é o Concello de Ribadeo quen asume este aluvión.

A oficina de turismo que o Concello, en colaboración coa Deputación, mantén nas Catedrais está aberta e tamén están operativos os aseos, cunha soa persoa que os atenda, a diferenza dos tres operarios que hai no verán –ir ao baño custa 50 céntimos–.

A basílica de San Martiño de Mondoñedo en Foz tamén recibiu este xoves un centenar de visitantes e, en xeral, A Mariña ofrece esta fin de semana unha serie de ofertas lúdicas, dende a Feira do Mel do Valadouro mañá sábado, ata a Festa Labrega dende este venres en Landrove de Viveiro e a feira de stocks de Vegadeo ata o domingo.

A Mariña recibe un aluvión de visitas na praia das Catedrais e na...
Comentarios