Sábado. 25.05.2019 |
El tiempo
Sábado. 25.05.2019
El tiempo

Por que a auga da Mariña está máis cálida que a do resto de Galicia?

Bañistas na praia da Rapadoira de Foz
Bañistas na praia da Rapadoira de Foz
Neste agosto, os bañistas da zona perciben a auga máis tépeda que en anos anteriores. Moitos días, iguálanse a temperatura do mar e a ambiente. Preguntámoslle a Anabela Neto de Meteogalicia todos os porqués

Nun día caloroso de verán, a ollada ao mar dende a tumbona incita non soamente a pasear pola orela sentindo bater as ondas nos pés, senón a mergullarnos de cheo na auga co fin de intentar evadir as altas temperaturas. Mais na distancia entre a area e a auga, probablemente, alguén matinará: "E estará moi fría?".

Na Mariña son escasos os días de calor afabante e a temperatura da auga adoita estar entre catro e cinco graos máis alta que na costa atlántica galega, polo que o contraste non adoita sen grande.

Concretamente este verán, os bañistas do Cantábrico lugués salientan o boa que está a auga e, moitos días deste mes de agosto atopamos que a temperatura do mar en praias coma O Torno ou Area é máis alta cá ambiente neses mesmos espazos.

Anabela Neto, do departamento de Investigación e Predicción numérica de MeteoGalicia, explica que muda a temperatura da auga nas praias: "Pode depender da penetración da luz solar na columna da auga, así como das propiedades ou condicións locais, tal como a turbidez, materia sólida en suspensión, etc".

Así mesmo, tamén puntualiza que pode haber outros factores como que se trate dun punto que se atopa "baixo a influencia dun curso de auga doce, pois a auga dos ríos está relacionada coa temperatura ambiente e cos ciclos de radiación".

Á súa vez, Neto sinala que é preciso ter en conta unha serie de principios básicos para entender as razóns das temperaturas que colle a auga en cada momento.

Por unha banda, é fundamental saber que os graos "varían coa radiación solar e os ventos", pois cando na costa galega "o vento sopra de compoñente Norte, o que é habitual no verán, a auga superficial é arrastrada cara fóra no océano". Este feito provoca unha depresión que fai posíbel que "as augas máis frías e ricas en nutrientes do fondo se eleven", un fenómeno que recibe o nome de upwelling ou afloramento.

Porén, se sucede todo o contrario e os ventos sopran de compoñente sur dáse o inverso nomeado como downwelling, factor que favorece a melloría das temperaturas, as cales oscilarán neste caso entre os entre os 17 e os 20 graos.

Neto non esquece tampouco mencionar que o proceso de quecemento da auga por mor dos raios de sol que chegan a tocar a súa superficie forma "unha capa cunha temperatura uniforme, a cal pode acadar ata os centos de metros ou máis".

Así mesmo, cómpre ter en mente que "se a profundidade aumenta, vai penetrando menos a radiación polo que a temperatura diminúe".

Ante a cuestión de se hai unha certa normalidade en torno á evolución da auga este verán, Anabela Neto sinala: "Foi de acordo coas condicións meteorolóxicas que se fixeron sentir" e cita o exemplo da boia de Silleiro (Baiona), que cando tivo lugar esta conversa rexistraba "un descenso de aproximadamente 2 graos" por causa dos ventos do Nordés.

Porén, tamén é mester ter en conta as diferenzas entre as augas da costa atlántica e da cantábrica, pois tal e como explica Neto, "ten que ver co réxime de ventos", xa que xeográficamente a costa atlántica está orientada norte-sur, mentres que a cantábrica sitúase oeste-leste.

Este feito ocasiona que cando sopran os ventos do Nordés "dáse o afloramento na costa atlántica, mentres que na costa cantábrica ocorre o contrario".

De tal xeito, esta explicación que ofrece Anabela Neto vén explicar a razón pola que ao sumerxirnos na agua das praias das Rías Baixas sentimos a auga máis fría en comparación coas do norte da Galiza.

O proceso que realizan desde MeteoGalicia para estudar o nivel de calor da auga baséase na oceanografía operacional, "é dicir, todos os días executamos modelos hidrodinámicos que nos dan a temperatura da auga, salinidade, correntes, para o propio día e máis de dous a tres días de previsión", salienta Neto .

Dende o departamento tamén executan un modelo coñecido como ROMS, "cunha malla de dous quilómetros para costa galega que fai unha predición a catro días". Asemade, o modelo Mohid aplícase nas rías galegas de Vigo, Pontevedra, Arousa, Noia, Muros e arco Ártabro, "a 300 metros de resolución e que fai unha predición a tres días", matiza Neto. Os datos obtidos poden consultarse na páxina Meteogalicia.gal.

En canto á fiabilidade das previsións, Neto sinala que os modelos hidrodinámicos empregan os patróns atmosféricos, encargados de recoller as condicións meteorolóxicas.

Por tanto, as predicións máis fiables son as que se acadan nun periodo xa mencionado, que non poderá superar os tres días. Porén, tal como aclara esta científica, se reflexionamos en torno ao mencionado vemos que resulta complicado realizar este tipo de análises.

Por iso Neto, ao ser preguntada por unha predicción a grandes rasgos para o longo prazo para o que queda de verán, resposta: "Tendo en conta todo o mencionado, non podemos dicir nada máis, xa que teríamos que referirnos a estudos climáticos dos que neste momento aínda non dispoñemos".

Por que a auga da Mariña está máis cálida que a do resto de Galicia?
Comentarios