miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

María Yáñez: ''La gente ahora tiene más contacto gracias a internet''

María Yáñez debutará como pregoeira na súa casa, en Muimenta, lugar de onde son os seus pais. A xornalista lucense está de noraboa e non só por ser a elexida para ler o pregón, senón porque a súa empresa, A Navalla Suíza, vén de gañar un premio no prestixoso MipTV de Cannes. Antes de embarcarse neste arriscado e gratificante traballo que lle consome practicamente todo o seu tempo, esta especialista en internet puxo en pe un exitoso blog, dirixiu o portal Vieiros ou traballou na produtora Continental.

PREGUNTA: Que lle parece iso de ser pregoeira da Festa da Filloa?
RESPOSTA: Paréceme curioso, porque nunca din un pregón, así que é unha novidade e un reto que me fai ilusión, sobretodo pola familia. Aínda non me puxen a preparalo, pero será difícil, porque falarei diante de xente que coñezo e que me coñece, que vai estar moi pendente do que digo.

P: Pode adiantar algo do discurso?
R: Non sei, xa me deron algunha indicación dende a comisión organizadora e supoño que o primeiro é falar da filloa e da miña relación afectiva con Muimenta, pero ata que me poña a escribilo... Tamén quero eloxiar á xente que segue vivindo no rural e que fai cousas, que ten iniciativas, como poden ser a propia Filloa ou a Moexmu. Teñen que ter autoestima, porque este labor de dinamización é moi importante. Outro aspecto que me gustaría abordar é que xa non hai diferenzas entre un rapaz de Muimenta e outro da Coruña, porque no mundo global xa dá un pouco igual onde vivas. Grazas a internet podes ter acceso a calquera cousa e iso é unha riqueza.

P: Cre que Galicia realmente está dixitalizada ou vai atrasada?
R: Nas estatísticas, Galicia sempre está á cola da implantación en temas coma a banda ancha, pero iso tampouco pode ser unha excusa. Unha vez que tes o acceso á tecnoloxía, tes unha oportunidade que hai que saber aproveitar. Falta introducila na xente que supera os 40 anos e que vexan que lle poden sacar partido igual cós novos. É importante que os de máis idade non se sintan analfabetos en internet, teñen que verse útiles e saber sacarlle partido.

P: Cre que esa sociedade informatizada cara a que se camiña pode reducir o contacto e as relacións directas entre as persoas?
R: As relacións están cambiando, pero a xente agora ten máis contacto grazas a internet. Se vivías nunha aldea era fácil ter a sensación de estar illado, de non ter xente da túa idade ou coas túas inquedanzas, pero con internet xa é posible relacionarte con xente cos mesmos gustos e afeccións. Non creo que por iso as relacións cara a cara se perdan, creo que se complementan e que todo é máis accesible con internet, incluso as relacións físicas entre as persoas. Non lle hai que ter medo á perda de contacto e póñoche un exemplo: antes, cando un emigraba podía pasar anos sen contacto coa familia e agora iso é impensable.

P: Vostede foi a creadora dun blog cun grande éxito...
R: Foi hai moito tempo, do 2003 ó 2006 e dende aquela seguín facendo cousas en internet, nun plano máis profesional. Teño tanto ó que atender que xa non sinto a necesidade que motivou a súa creación. Calquera día pode ser que abra outro, pero manter un blog implica traballo e o servizo que prestaban xa o cumpren outras redes coma facebook, twitter...

P: Como xorde A Navalla Suíza?
R: Da necesidade e das ganas que tiñamos de xuntarnos e abordar proxectos. Somos cinco persoas que xa tiñamos traballado xuntas e no verán do 2008 creamos un equipo de traballo para cousas puntuais, pero foron xurdindo máis proxectos e tivemos que crear a empresa. Imos pouco a pouco, o ano pasado collemos un local e hoxe temos unha dedicación ó 100%. Pasou de ser algo para os ratos libres a ser o noso traballo.

P: Quen acode a súa empresa e para que?
R: Facemos cousas moi variadas porque nos piden contidos, produción de vídeo para internet, asesoría, deseños de webs... Interésannos os proxectos máis complexos, que teñan carácter social ou impliquen unha nova maneira de entender a comunicación en internet. A verdade é que rexeitamos case máis proxectos dos que aceptamos, porque somos cinco e non damos abasto, así que tentamos facer o que nos gusta: campañas políticas, temas sociais, audiovisuais...

P: Veñen de recibir un importante premio en Cannes, é o máximo ó que se pode aspirar?
R: Non!, Nós esperamos que sexa só para empezar. Estamos moi contentos, porque o noso reto era a internacionalización e estamos dando pasos nese campo, cun portal de cine documental para Portugal ou o proxecto co que probamos sorte na Nacional Film Board de Canadá, que resultou ser o máis valorado e grazas ó que firmamos un contrato. É unha satisfacción competir e gañar, pero esperemos que non sexa un punto de chegada, senón de partida e que nos permita traballar con xente de todo o mundo.

P: Hai algún proxecto que lles faría especial ilusión desenvolver?
R: Non temos moito tempo para pensar en ideas propias porque traballamos moito para terceiros. Estamos moi contentos co documental sobre a lingua Eufalo.tv, un experimento que fixemos cos nosos recursos e ó que nos gustaría darlle a maior vida posible. É o primeiro proxecto propio e esperamos ter máis, aínda que agora estamos ben posicionados no tema do audiovisual e iso é algo no que nos gustaría seguir traballando.

P: E a nivel persoal, cal é a faceta do seu traballo que máis a atrae?
R: Interésanme as novas narrativas, o audiovisual e investigar sobre el, porque está cambiando o modelo de comunicación audiovisual e a forma de contar historias. Experimentar con iso é o que me move.

P: Que queda por inventar na rede?
R: Todo, e eso é o máis guay porque esto está só empezando. Estamos entrando na era da mobilidade e a conexión a internet xa non está ligada á casa ou á oficina. Creo que acabaremos por ter un ordenador preto sempre e para todo.


"Sen internet a xente estaría coma hai 20 anos, máis illada e aburrida"
PREGUNTA:
Que relación ten con Muimenta?
RESPOSTA: Meus pais son de alí e boa parte da miña familia. Vou menos do que quixera e teño máis relación coa Ponte de Outeiro, porque é onde está a casa do meu avó.

P: Que recordos lle trae?
R: Eu era aldeana de fin de semana e na miña adolescencia a Hermo é un referente. Había que ir. A min marcoume e aínda marca.

P: Un recuncho para desconectar?
R: Estou moi a gusto en tres sitios relacionados coa familia. En Lugo, nunha mecedora, na Ponte de Outeiro, debaixo dunha figueira, ou en Foz, no verán, onde paseo, leo... e non teño nin internet.

P: Un medio de comunicación?
R: A BBC. Cada vez que vou a Inglaterra danme ganas de quedarme...

P: Unha web imprescindible.
R: O Google Reader, que é onde gardo as páxinas que vou atopando que me interesan, e o Twitter, onde estou moito ultimamente.

P: A que renunciaría por un ordenador?
R: Con wifi? Porque senón non vale para nada. Non sei, pero se o cambio por un móbil con acceso a internet ben paso sen el.

P: E para que non o usaría nunca?
R: Non sei, porque o uso para todo. Comprar roupa non me mola, prefiro probar e mercar in situ.

P: Como sería o mundo sen a informática e internet?
R: Coma hai 20 anos. A xente estaría máis illada e aburrida. Se algo se inventa é que hai a necesidade.

María Yáñez: ''La gente ahora tiene más contacto gracias a internet''
Comentarios