Lamas: "Tiven que voltar a ser nena para escribir o meu novo poemario"

A autora María Xosé Lamas vén de publicar o seu último poemario, ‘Cantigas para aprender a soñar’, que presentará na casa da cultura da súa vila natal este venres ás 20.00 horas. Trátase do seu primeiro libro infantil, co que xa gañou no 2013 o prestixioso premio Arume de Poesía
María Xosé Lamas, escritora e mestra deVilalba
photo_camera María Xosé Lamas, escritora e mestra deVilalba

Apaixón pola escritura vénlle dende que era unha cativa. Para Lamas a poesía é "a expresión dos sentimentos máis profundos" e asegura que "calquera elemento pode servirme de inspiración". Esta polifacética vilalbesa —mestra de música, escritora e colaboradora con medios dixitais e actriz de teatro— asegura que aínda lle queda moito por facer "para conseguir que os nenos se sintan máis atraídos pola maxia da lectura". Agora enfróntase ao seu último reto, presentar na súa vila natal o seu último poemario.

Dende cando se sentiu atraída pola escritura?

Gústame escribir e debuxar dende que era unha cativa.Eran as mi- ñas prácticas favoritas cando quería pasalo ben, e iso que daquela xa tiñamos xoguetes.

Tivo a alguén que lle servise de inspiración ou foi unha vocación?

Penso que foi algo de todo, miña familia somos bastante creativos, pero eu dende sempre admirei moitísimo a un tío de meu pai. Era un artista que facía gaitas artesanais, recibíate sempre con cancións e gustáballe moitísimo facer poemas a raíz da música. Se atopaba unha melodía que lle gustaba inventáballe el a letra, para min sempre foi un referente.

Por que se decantou pola poesía e non por outro xénero? 

Non é que me decantara pola poesía unicamente, ben é certo que todo o que publiquei foron poemarios, pero tamén escribín teatro — ningunha obra foi editada, pero case todas foron representadas— e tamén creei algúns contos para usar nas miñas clases.

Como definiría o seu estilo?

Para min é unha inspiración, definiríaa como poesía lírica bastante intimista baseada na natureza. Parto dunha temática clásica e gústame facer poemarios moi redondos para que fagan un todo, pero ao mesmo tempo tamén quero romper co establecido. Gústame facer ese xogo poético que racha co establecido pois creo que non todo está inventado.

No 2001 sacou o primeiro poemario, ‘Catro palabras caladas’. Como decidiu dar o salto e editalo?

Sempre fun reacia a editar, creaba poemas no meu tempo libre pero deixábaos esquecidos. Para min a poesía é algo moi profundo e íntimo, é como espirme diante da xente e deixar ao descuberto os meus sentimentos. Por iso eu non me atrevía, e foi o pai da miña filla quen mo editou por sorpresa. Levei unha alegría ao ver as miñas creacións alí plasmadas, pero non o saquei á luz ata anos despois, cando llo ensinei a Manuel María e me alentou a publicalo.

‘Cantigas para aprender a soñar’ é a súa última creación. Que nos pode contar nestes 33 poemas para o público infantil?

Comecei a escribilo hai uns dez anos para a miña nena pequena, que lle encantaba cantar, e ocurríuseme facer letras de cancións infantís, de aí o título. En canto á temática, centreime na miña profesión, son profesora e os mestres estamos faltos de poesía galega infantil editada e sempre estamos buscando poemas para os meses, as estacións... Entón escollín poemas que falan do tempo entendido como tal, falan das partes do día, fases da lúa... e todo voltando á miña infancia. Tiven que volverme pequena para escribir este poemario e fíxeno dende unha perspectiva de cativa, cos meus pensamentos e sentimentos inocentes. Dunha nena para os nenos.

No ano 2013 gañou o premio Arume de Poesía por este libro. Que lle supuxo este recoñecemento?

Pois ante todo unha enorme sorpresa, pois presentoumo a miña parella sen eu sabelo. Recordo o momento no que me chamou Neira Vilas para anunciarme que era a gañadora do certame e eu non sabía nin que estaba presentado. A verdade é que para min foi un gran recoñecemento á miña paixón. Foi un gran orgullo gañar un premio tan importante.

Este venres presentará o seu libro na casa da cultura de Vilalba. Como agarda este momento?

Moi ilusionada. Dende que o escribín tardei case tres anos en sacalo ao mercado por culpa da crise que afogaba as editoriais e agardo este momento con moita ansia, sobre todo por facelo aquí, na miña vila.

Atópase somerxida nalgún proxecto actualmente?

Agora mesmo estou inmersa nun novo xénero, pois estou escribindo unha novela de aventuras. Gustaríame algún día poder editala.

En canto ao futuro, quédalle algo por facer a María Xosé Lamas?

Si, moitas cousas (ri). Cando me xubile espero adicarlle todo o tempo que agora non teño a crear e seguir escribindo. Ademais, gustaríame facer talleres de literatura para fomentar máis a lectura, sobre todo entre os máis pequenos, pois coido que en Galicia se le moi pouco.

Comentarios