María Teresa Teijo Miranda: ''No volvería a participar en un 'reality' para evitarle un disgusto a la familia''

O PREZO da fama pode ter un sabor amargo. Iso aprendeuno ben a trabadense María Teresa Teijo despois de participar nun espazo televisivo de telerrealidade, no que viviu un intercambio con outra familia. Ela admite que volvería gozar dunha experiencia similar, pola que lle pagaron «3.000 euros» e pola que ademais o seu teléfono, trala emisión do programa, «botaba fume» con chamadas de amigos e de veciños que a fecilitaban ou lle daban o seu parecer. Pero, aínda así, confesa que preferiría non volver participar nalgo similar polo «disgusto» que levaron o seu marido e os seus fillos.

Por que razón di que, a pesares de que para vostede persoalmente ten sido unha boa experiencia, non volvería participar nun ‘reality’?

Máis que nada polos meus fillos, que chegaron a coller un forte disgusto por algúns momentos de impotencia que viviron coa outra muller que veu á nosa casa.

E por que outros motivos repetiría, que ten aprendido do vivido neste programa de máxima audiencia televisiva?

Primeiro, que son capaz de facer o que me propoña, porque xamais pensei que me escolleran de entre miles de solicitudes e de cástings que fan por toda España para este programa. Logo, o mellor que levo é o abrazo, o cariño, que ó final conseguín ter do neno, Jordan, do que fixen de nai por uns días. Son feliz en medio da xente nova, pásoo xenial con eles e propúxenme que me colleran cariño, el e a súa irmá, e para min o maior logro é que penso que o teño conseguido. De feito, cando marchei, o pequeno foime buscar unha pedra da praia e deuma dicíndome: «Toma, para que me recuerdes». Iso emocionoume profundamente, como o feito de que a rapaza dixera de min que eu era unha boa muller. Foi moito máis que gratificante.

É vostede afeccionada a estes formatos televisivos?

Para nada, nunca os vexo. De feito, decidinme a participar ó ver o cartel publicado no Concello no que dicía que buscaban unha muller de Trabada para facer o intercambio e ocorréuseme chamar. Logo a selección que fan é moito máis seria do que a xente pode pensar, fixéronme unha entrevista de catro horas e media para coñecerme ben e sempre cumpriron con todas as condicións pactadas. Marchei a Tenerife, á casa de Nora, a muller coa que tiña que facer o intercambio de familia, o 25 ou 26 de febreiro, sen saber sequera onde ía. A miña familia tranquilizoume para que non estivera nerviosa, pero ó final, foi todo o revés, porque o peor o viviron eles.

Como foi entón a experiencia para o seu marido e os seus dous fillos?

Pois hai que entender que viña á nosa casa unha muller moi distinta a min, que nese momento estaba no paro e que se tiña que encargar de pronto dunha granxa de 24 vacas, dous touros e cinco cabalos. Pero o resultado foi que os meus fillos e o meu marido chegaron mesmo a chorar. Eu vivo nunha aldea, como é Abaira, e ela, Nora, estaba acostumada a ir almorzar todas as mañás ó bar. Nunca unha vaca vira. Cambioulle a vida. Mesmo teño unha cociña de pizarra e ela pensou que era un azulexo cheo de graxa.

Durante a primeira semana, deben vivir segundo o estilo de vida da outra participante, pero a seguinte xa poden poñer as súas propias normas en casa allea. Que fixo Nora que molestou á súa familia?

Nada máis chegar, quitóulles os cinceiros para evitar que fumaran na casa, pero logo ela fumaba na súa habitación; escondeu chourizos e xamóns no seu armario porque dicía que iso non era comida, que estaba moi gordo o meu marido. Tamén gardou os adornos que non lle gustaban e recolleu todas as alfombras porque dicía que acumulaban moito pó. E tildounos de machistas porque non cría posible que eu me encarga soa da granxa, pero é que eles traballan moito fóra da casa. Houbo discusións fortes e sentinme menospreciada porque dicía que vivir na aldea era algo frío, escuro e gris, pero eu estou moi orgullosa de ser galega, de esta terra e dos seus costumes.

E como vivíu vostede en Tenerife?

Pois fun vivir a un dúplex á zona da Candelaria, que é preciosa, co marido de Nora, duns 40 anos, un caballero por certo; coa súa preciosa filla de 17 anos, Sara, que é unha promesa da canción, porque quedara xa segunda no concurso de televisión ‘Lluvia de Estrellas’, e co seu neno de 8 anos, preciosísimo. Atopei unha familia desestructurada, onde nunca saían xuntos a ningures, onde comían cada un polo seu lado; onde era a nena a que lle facía de comer ó seu irmán, que comía demasiados ovos cada noite, porque é que alí a nai non cociña.

O seu estilo de vida era moi diferente ó seu?

Moito, porque ela érguese ás dez da mañá; son os fillos os que limpan a casa. Adícanse demasiado ó seu físico. Ó final conseguín que cearamos todos xuntos, ensineilles receitas máis variadas e que lle prestaran atención ó cativo que é moi intelixente. Creo que necesitaban vivir con algunhas normas. Disfrutei moito dos Carnavais de Tenerife que puiden vivir con eles, todos xuntos.

Volveu ter contacto con eles?

Chamoume o marido de Nora, antes da emisión do programa e despois do reencontro entre as dúas parellas que tivo lugar na casa de turismo rural de Trabada, O Pazo de Terrafeita; creo que estaba preocupado polas repercusións. Os que me coñecen dixéronme que fun coma era sempre e agradeceron que presumira de Trabada, pero o que teño por seguro é que nunca vou esquecer ó neno; sei que Jordan volverá contactar comigo.

Comentarios