María Reimóndez é unha boa noticia

(*)

Fartos de malas noticias nesta lameira onde conflúe o peor da política e os cartos máis sucios, cae nas mans o libro de María Reimóndez ‘Desde o conflito’. Les como se len os libros, cunha mestura de escepticismo e esperanza, que deixar de ler é un dos dereitos do lector anotados por Daniel Pennac. Entre tanta palla que leva o vento este libro hai que colocalo no montón escollido do gran. E non porque lle deran o premio Xerais 2014. Hai premios onde pesa máis o marketing que a literatura, pero o libro de María Reimóndez cómpre lelo.

Ademais trata de xornalismo, profesión amezada e esmorecente desde dentro e desde fóra, desde as balas e desde os medos, desde a censura e a autocensura. Para a nosa desgraza, desde que se inventou a imprenta a liberdade de expresión volve ser a vontade do dono da imprenta.

Da man da protagonista percorremos puntos quentes do planeta, ese lugar inhóspito con tan pouca xeografía temperada. Desde Iraq a Afganistán, de Zaire a Etiopía, desde Haití ata Sri Lanka, pasando polas paisaxes de pedra de Compostela, por esa Vetusta na Chaira luguesa que din Vilalba. E por Berlín, Barcelona, tan europeas, tan estranxeiras, útero morno para se protexer da intemperie do mundo inhabitable, tan desadornado de seres humanos e onde a ditadura dos cartos é o poder mundial máis recoñecible. Engadimos paisaxes do horror en México, en Serra Leona, en Siria, en Gaza, infinitos teatros onde sobreviven os silenciados, os sen rostro.

A xornalista Saínza Combarro vai, mira, fala escoitando e conta a verdade, cousiñas básicas que esquece ese xornalismo entretecido de comunicados de prensa dos gobernos ata a vergonza de se transformar en caxato dos poderes: do poder económico.

Guerras e cascallos, nenos e moscas, amizades e sentimentos, ese norte tan arriba, ese sur tan abaixo, unha fenda de desigualdade imposible de soportar, baseada na indignidade. Unha ollada de muller sobre este caixón de xastre onde só uns poucos atópanse ben e constrúen o seu benestar nas ruínas da inmensa maioría onde predominan as cores femininas.

Novela sobre o xornalismo e sobre a decencia. Neste oficio, nesta novela de Reimóndez non collen os cínicos, axioma do noso Ryszard Kapuscinski. Volve ser imprescindible o de ir, ver, escoitar e contar a verdade, dar voz aos silenciados, vacinarse contra o cinismo e sentir o conflito en carne viva.

Novela para tratar de entender este crebacabezas, este planeta desgarrado, esta fenda cada día máis ancha entre o norte e o sur, entre a opulencia e a miseria, entre o consumismo e a ecoloxía. E de como para sobrevivir precisamos a nosa dose de amizade, de sentimentos, de quentura humana. Si, ‘Desde o conflito’ é unha boa novela. E María Reimóndez, unha boa noticia.

(*) Se mantiene el idioma original del artículo.


Comentarios