María Fe Sixto: ''El tiempo y la falta de floración de los eucaliptos mermó en un tercio la producción de este año''

Ferreira do Valadouro acolle hoxe unha nova edición da Feira do Mel, coa que o Concello tenta potenciar este produto típico do val. Ademais de mel, haberá outros expositores con doces, licores e cosméticos, que o teñen como ingrediente principal e outros relacionados, coma velas ou artigos para o labor do apicultor.

mel do trobo é a máis laureada das firmas adicadas na comarca á produción de mel, un recurso que na meirande parte dos casos sirve de complemento á economía familiar e ao que se adican por pura vocación. No caso de Mari Fe Sixto segue a estela familiar de varias xeracións. O seu expositor será un dos once que se atoparán na carpa instalada no parque de Santa María, en Ferreira, durante toda a mañá de hoxe e na que haberá tamén degustacións gratuítas de filloas con mel.

Como foi a produción deste ano?

A verdade é que este ano foi máis ben escasa e podemos estar a falar dunha produción un tercio inferior a do pasado.

Cales foron as causas?

Unha das principais foi o mal tempo que veu en maio, pouco despois de poñer as alzas que se colocan na primavera. As abellas foron comendo parte do que tiñan para producir, porque lles fixo falla tirar das súas propias reservas e houbo moitas que morreron. A verdade é que foi un ano moi atípico, porque as abellas comezan a saír en maio ou xuño e neste ano non o fixeron ata xullo; ademais, atopáronse con outro problema, como foi a falla de floración dos eucaliptos, algo que aquí nunca sucedera, e que ó mellor foi o máis grave, porque aínda que fixo bastante mal tempo, os días que puideron saír as abellas non tiñan flores ás que ir .

Pero setembro veu moi bo.

Si, e foi o que nos salvou, sobor de todo os quince primeiros días, pero hai que recordar que é cando remata a floración e caseque se chegou á metade e, ademais, os días de moita calor tampouco se pode saír a recoller, non só porque non é bo para as abellas, senón que tamén é moi incómodo para os apicultores, por andar co traxe que pesa moito. Falla todavía de recoller os colmeares que están ubicados en zonas de montaña, onde aínda está florecendo.

Terá problemas para cubrir a súa demanda?

En principio conto que non, porque espero ter de sobra para abastecer nos sitios nos que vendemos de maneira habitual, ubicados en varias zonas da comarca mariñana e mesmo en Madrid, onde tamén estamos notando que baixaron as vendas.

Cal é prezo ao que venderán este ano na Feira do Mel?

Mantemos o mesmo de hai tres anos, porque non se pode subir pola crise, porque todos notamos que se compra menos e tampouco a nós nos subiron moito os produtos. O quilo de mel vaise vender a 6,50 euros; a 3,50 o de medio e a 7,50 o litro. É un prezo igual para todos os apicultores que estaremos na feria, que xa está consolidada é que é unha maneira de dar a coñecer un produto de calidade e moi noso, porque todos os apicultores son da comarca.

Ten en proxecto algunha novidade en Mel do Trobo?

Quería ofertar máis produtos relacionados co mel, pero ao final non o vou facer este ano e estou pendente de abrir, conto que para o 2012, o Museo da Apicultura e o Lagar de Cera, que espero que estea listo algo antes, se todo vai segundo o previsto.

Cal sería o seu obxectivo?

A idea é poder mostrar ao público en xeral todo o que son capaces de facer as abellas, que non só pican, ademais de que todo o mundo entenda que o da reciclaxe non é só de papel e de plásticos senón que das abellas se aproveita todo, o mel, a cera para facer os paneis e moitas máis cousas, incluso para cosméticos e ungüentos. No Lagar da Cera exporanse antigos útiles de facer as velas, algo ao que xa se adicaban os meus ancestros, e no museo explicaranse todo os pasos da producción do mel, dende a flor ata o envasado.

Comentarios