María Dolores Rouco Vázquez: ''Na cociña gústame facer de todo, ata pelando patacas son feliz''

Dolores Rouco (Foto: C.L.F.)
photo_camera Dolores Rouco (Foto: C.L.F.)

Esta viveirense foi seleccionada para continuar a súa formación na cociña dun dos máis prestixiosos chefs españois, Martín Berasategui, co que pasará os seis próximos meses. Cre que na comarca é necesaria moita máis profesionalidade no sector da hostelaría


hai oportunidades que se presentan unha vez na vida e non se deben desaproveitar. Eso é o que pensou Dolores Rouco, vivariense que estuda na Escola de Hostelaría do IES de Foz e que, unha vez rematado o seu módulo, foi seleccionada para traballar nun dos restaurantes do prestixioso cociñeiro Martín Berasategui no País Vasco.

Como vai parar unha vivariense a ese restaurante?

O ano pasado empecei o ciclo superior de restauración e todo xurdiu a través dunha profesora do instituto que me deu a oportunidade de ir para alí. Normalmente collen estudantes, xa hai moitos, de Francia, Italia... Dá a oportunidade de aprender con el.

Sabe xa cal vai ser o seu cometido?

Vou a cegas, non sei o que vou encontrar, pero moi ilusionada. Hai unha compañeira que xa está do ano pasado, acabou o ciclo medio de cociña e leva cinco meses alí con el, nos segundos pratos, e moi contenta. Eu non sei, depende do rango onde me poñan.

Ganas non lle faltan, non?

Levo moitas ganas, moitos nervios pero moita ilusión. É un cociñeiro moi importante e ademais sempre me gustou a cociña. Esta é unha oportunidade que nin me imaxinaba que podía tela. A miña idea é estar seis meses e a ver que pasa.

Vai por ese tempo determinado?

El non fixa un tempo, pero polas miñas circunstancias, en principio quero estar seis meses.

Será un tempo ben aproveitado...

Si, non só polo restaurante, senón por él, que é dos cociñeiros que máis estrelas Michelín ten, en total son oito. Cada restaurante pode ter un máximo de tres, e el ten tres restaurantes.

A cal deles vai?

Ó que está en Lasarte, en San Sebastián.

Ten xa todo preparado?

Danme aloxamento. Saio o venres á noite de Ribadeo en bus e chego alí o sábado pola mañá, está moi cerquiña de San Sebastián.

Gustaríalle quedar alí?

Si, gustaríame quedar por alí e traballar con el.

É tan alto como parece o nivel da escola de hostelería de Foz?

Eu estiven tres anos en Barcelona, volvín para facer algo que quería facer, púxenme a estudar e a través de Foz un volve ó redil. Esta escola eu recomendaríalla a todo o mundo. Teño 38 anos e volver a estudar dá pereza, pero estou moi contenta. É máis, se volven saír ciclos novos penso en seguir facendo, porque hai que reciclarse, na cociña nunca se para de aprender. Levo desde os 22 traballando e agora quedei alucinada con todo o que aprendín aquí.

Debería tomar exemplo o sector da comarca?

A xente da hostelería de Viveiro debería. Non hai ningunha formación. Xa o notei cando saín fóra, porque fóra a xente está máis preparada. Nós podiamos facer o mesmo pero pechámonos, pensamos que xa sabemos. É un problema do ser humano, cóllense malas costumes... hai moito para mellorar.

Que é o que máis lle gusta facer na cociña?

De todo. Agora acabei o ciclo con respostería, que nunca fixera moito, pero tiven un bo profesor e aprendín moitas cousas. Pero estou a gusto con todo, estou feliz en calquera sitio. Na cociña pásanseme as horas e non me entero, ata pelando as patacas son feliz.

Con tanto coñecemento de cociña, disfrutaráo a súa familia non?

O que din de en casa de ferreiro coitelo de pau é certo. Na miña casa a que cociña é miña nai e faino moi ben.

Comentarios