María do Ceo: ''As poesías de Rosalía ou Curros son fados pola súa melancolía''

La fadista María do Ceo
photo_camera La fadista María do Ceo

María do Ceo converteuse en cantante profesional grazas á súa idade: era maior de máis para facela fixa e botárona. Daquela dedicidiu desenvolver a súa vocación. Sete discos e milleiros de concertos despois, actúa este mércores en Lugo.

María do Ceo repasa este mércores un repertorio baseado no fado na Fundación Caixa Galicia de Lugo. A artista, nacida en Porto e que reside dende hai tres décadas en Ourense, vén acompañada polos músicos portugueses Mañá Armindo Fernández (guitarra portuguesa), Miguel Gonçalvez (viola) e Filipe Pereira (acordeón).

—A súa concepción do fado é clásica. Considérase da escola de Amalia Rodrigues?
—Escola non tiven. Admiro moito a Amalia, por suposto; pero comecei cantar por accidente. Eu cantaba grupos de amigos, en festivais benéficos,... e con iso ía matando o bechiño da música, pero non sabía se servía para isto. Cando fiquei no paro houbo alguén que me animou e fun comprobando que gravava discos e que enchía escenarios. Agora levo 16 anos cantando.

—Que representaron eses 16 anos para súa voz?
—Foron moi positivos. A voz mellora cos anos porque a voz do fado precisa de solera, repouso e matices voz e no sentimento.

—Vostede logrou a rareza de ter un disco de platino en Galicia con Dúas almas do Miño.
—É un disco ben bonito, con poemas de Moncho Borrajo e música de Arlindo de Carvalho. Graveino con Segundo Grandío en Casa de Tolos. Agora veño de gravar en Ourense outro disco, No bico un cantar, con poemas de poetas das terras de Celanova. Ten, sobre todo, poemas de Curros; pero tamén de Celso Emilio Ferrreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín e Castor Elices. Será un libro-disco e sairá no vindeiro mes de xuño.

—Por que tivo un maior interese por Curros?
—Este ano cúmprese o centenario da súa morte, pero eu sempre fun unha admiradora de Curros. Hai anos que levo no repertorio poesías súas musicadas, como Unha noite na eira do trigo ou O maio. Neste álbum gravei, por vez primeira, canciones musicadas por min. Son nove en total e entre ellas está o poema de Curros chamado Ai!.

—E a poesía galega casa ben co fado portugués?
—Casan ben porque o sentimento é igual. Se nacesen en Portugal, estes poetas estarían cantando fados; as poesías de Rosalía ou Curros son fados porque son melancólicos. O que ten que ter un bo fado é unha boa letra, cando cantas Unha noite na eira do trigo, cantas unha historia de abandono pola emigracion cun final tráxico.

—Vai soar algún destes temas novos en Lugo?
—Si, sempre fago un adianto do disco que vou tirar. Pero o repertorio de Lugo vai estar baseado no meu último traballo, Tan lonxe, tão longe. Os discos fanse vellos enseguida. No momento en que subo  ao escenario a xente quere A casa portuguesa, María la portuguesa e outros clásicos. Por iso canto durante dúas horas, porque tamén repaso os discos anteriores.

—Usa acordeón e achega o fado ao boleiro. Como se adaptan?
—Ao público gústalle porque escapa do tradicional. A xente purista non entende que o importante no fado é a alma do que se quere transmitir, sen importante tanto se se é máis ou menos melodioso.

—Os puristas andan tamén enfadados coas novas fadistas, coma Katia Guerreiro ou Mariza.
—As novas fadistas teñen unhas voces espléndidas e son polivalentes. Katia é médico e canta porque lle gusta. Mariza é un produto moi ben feito. Iso non quere dicir que non sexa unha cantora estupenda, das mellores. Eu gusto de Dulce Pontes como cantora, é a que chega máis das vivas. A nova xeración ten poderío enriba dos escenario e teñen imaxe, mercadotecnia. Eu son distinta, máis da liña de Amalia Rodrigues. Visto de negro e teño un xeito moi clásico de estar no escenario, mesmo fisicamente.

—Móvese pouco, logo?
—Si, transmito máis coa gorxa, coas mans e a ollada ca co corpo. Nos meus concertos non hai nada feito. Observo ao público para ir cambiando o repertorio sobre a marcha, miro se quere máis fado ou máis música popular.

—Por que nomeou ao espectáculo Fado e outras músicas?
—Porque canto fados e tamén boleiros, tangos e mesmo aires de música dos anos 30, como o swing. Curros ou Celso Emilio Ferreiro foron emigrantes e os emigrantes traían e levaban sons. Pensei en que podería musicar os poemas galegos con sonoridades de todas as partes nas que estiveran os emigrantes galegos. Tamén os portugueses emigraron moito.

—De feito, vostede é filla da emigración.
—Si, de feito, o meu pai era de Barcelos e foi para Ourense coa encarga de pintar o escudo do Banco de España. Logo, atopouse tan ben, que non deu marchado.

Comentarios