María Casares

A celebración na vindeira semana da gala de entrega dos XII Premios de Teatro María Casares, concedidos pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, testemuña un longo camiño cara á profesionalización do oficio, ao tempo que evoca a figura da artista galega
levada a Francia polo exilio familiar. Filla de Santiago Casares Quiroga, ministro no goberno republicano de Azaña, María Victoria, Vitoliña ou María Casares abandonou Galicia con nove anos tras o levantamento militar e instalouse no país francés, onde se formou como actriz e triunfou nos escenarios e mesmo no cinema, ás ordes de Marcel Carné, Robert de Bresson e Jean Cocteau. A extraordinaria popularidade que a actriz chegou a acadar no seu país de acollida contrastaba co silencio e o esquecemento da súa figura na noite de pedra da Galicia interior.

María Casares foi nomeada filla predilecta da Coruña e recibiu a Medalla Castelao, galardón que non acudiu a recoller, alimentando deste xeito o enigma acerca da imposibilidade do seu retorno. En 1996, ano do seu falecemento, accedeu porén á petición da Asociación de Actores e Actrices de Galicia de bautizar co seu nome os premios anuais que este colectivo vén concedendo cada ano ás diferentes actividades da profesión teatral.

A figura de María Casares, que fora obxecto dunha biografía elaborada por Arantxa Estévez e dun estudo centrado na súa carreira cinematográfica (Entre o exilio e o reino: María Casares, unha actriz fronte á cámara), atopou tamén acubillo nas páxinas de ficción de narradores como Manuel Rivas (Os libros arden mal) ou, máis recentemente, Inma López Silva (Memoria das cidades sen luz). Hai uns meses vía tamén a luz o libro Cartas no exilio, preparado por María Lopo. O volume reúne o epistolario de María Casares co seu pai e achéganos páxinas cómplices e entrañábeis que combinan a relación familiar cos avatares cotiáns da súa profesión. A personalidade da actriz que deixou a súa cidade nos días escuros do levantamento militar volve estar especialmente presente pola publicación da tradución ao galego do seu exitoso libro de memorias aparecido en 1980, Residente privilexiada (Résidente privilégiée), un verdadeiro testemuño sobre o exilio, a estranxeiría, a paixón pola escena e a vida.

A aparición da versión galega do libro de María Casares prodúcese nun momento no que a memoria da guerra e o exilio segue sendo, contra o agoiro dalgúns e a contrariedade doutros, obxecto de novas miradas que van da investigación rigorosa ao testemuño íntimo, pasando polas factorías da ficción. A noticia da publicación do libro resalta ademais un Día Mundial do Teatro cuxa celebración, cada 27 de marzo, recibe un discreto tratamento por parte dos medios, e resalta tamén a festa grande dos profesionais da escena que debe o seu nome á dama galega das táboas francesas.

Comentarios