''Maria Callas no era tan fiera ni rivalizaba con las otras soprano''

Mabel Rivera, como Maria Callas (Foto: EP)
photo_camera Mabel Rivera, como Maria Callas (Foto: EP)

Maria callas soubo dende os seis anos que sería cantante de ópera. A súa nai «reparou en que era un diamante en bruto e explotouno, aínda que nunca lle deu amor», comenta a actriz Mabel Rivera, que comezou a interpretar tamén porque a chamaron, «pero era porque facía falta xente para formar un grupo de teatro en Ferrol». Apuntouse sen unha convición rotunda, pero acabou deixando o seu traballo de tradutora en Astano. A súa nova aposta é ‘Master class’, unha obra de Terence McNally sobre unha leccións maxistrais que deu Maria Callas anos despois de retirarse dos escenarios.

O máis complicado de montar a personaxe foi a parte do canto...
Ela xa non cantaba nese momento; eran os principios dos anos 70. O que fago é marcar un par de intentos que se prevé que sexan fallidos. Na obra cantan unha soprano, Julia Cea, e un tenor, Enrique Martínez. A maiores están os actores Lino Braxe, que simula tocar o piano, e María Torres, á que Callas non deixa cantar.

Daquela é certa esa sona que tiña Callas de ser indiferente cos tenores e cruel coas sopranos?
Unha das características deste texto é recoller o que se pensaba dela no senso de que era fera e que rivalizaba coas colegas. Iso non chegou a ser certo, pero Mc Nally trasládao ao texto para crear conflitos dramáticos. Si que tiña enfrontamentos con empresarios, pero cos directores era respectuosa. Houbo algunha bronca potente da que se fixo eco a prensa, pero hai declaracións de colegas sopranos que a admiraban e falaban do que ela as axudara. O que acontece é que era moi eficiente e non esperaba menos dos demais; tiña unha profesionalidade exacerbada e cantaba a plena voz nos ensaios, non se limitaba a marcar.

Culpárona de que a soprano Renata Tebaldi marchase da Scala de Milán.
Foron as artes vocais da Callas as que a botaron. Callas era moi ambiciosa e os seguidores de Tebaldi non soportaban á estranxeira advenediza que se inmiscou na Scala,
por iso se dixeron esas cousas.

Pero hai unha visión asentada de que era caprichosa, mesmo de que deixaba as responsabilidades para ir a un desfile ou a unha festa.
Ela podía deixar plantados a todospor non estar en condicións. Nun momento deixou de facer un concerto que non estaba en contrato, pero a xente da Scalla forzouno e ela marchou a unha festa. Teresa Berganza fala marabillas de Callas. Tiña medo porque debutou con ela de contrincante, pero foi moi amable.

Como era o seu comportamento cos alumnos das ‘master class’?
Era amable e moi divertida. Enmedio daquelas tensións bromeaba cos alumnos. Sabémolo porque houbo varias que están gravadas. A roupa que uso na obra imita a que levaba Callas nesas clases.

Por que a criticaron tanto?
Callas foi vítima das súa obsesións, dos seus medos a saír ao escenario, pero, cando estaba nel, crecíase porque tiña técnica e sentumento. Callas era unha criatura maltratada da que se aproveitaron todos, empezando pola súa familia. Ela rexeitaba o seu físico porque non se vía; rexeitou ser gheisa en ‘Madame Butterfly’ porque pesaba cen quilos e non se vía. Ela tiña un sentido tráxico das cousas; chegou a perdelo todo por amor. Era unha desas ‘medeas’ abandoadas polo home que interpretou.

De feito, Maria Callas introduciu a interpretación na ópera.
Ela dicía que non abonda coa gran voz, que hai que vivir os papeis. Foi unha renovadora, pero moita xente rexeitaba que se implicase demasiado nos personaxes.

Resultáballes histriónica.
Si, o público non sempre estaba disposto a verse interpelado. Era «Viva Callas!» ou «Morra Callas!»

Semellaba sentirse cómoda no centro desa polémica. As ‘master class’ nas que se ambienta a obra foron un intento de volver ser o centro de atención?
Esas ‘master class’ son un intento de reiniciar a súa carreira; non tanto de volver cantar como de ter presenza. Despois, fixo unha xira mundial, que foi moi controvertida
porque non estaba en condicións de aguantar unha ópera.

Callas ‘morreu’ ao deixar de cantar.
A súa vida persoal era unha ruína, polo que deixar de cantar foi deixar de vivir. Dende os seis anos viviu para a música polas esixencias da nai; sen cariño. A súa nai viu nela
un diamante en bruto, pero era pouco agraciada, tímida e torpe. Unha muller co seu físico ten que ter unha certa impostura.

Nas ‘master class’ referíase a si memesma como Anna María Kaikilía Sofía Kalogeropoúlou, o seu nome completo. Quería deixar claro que era persoa a maiores de artista.
Había un divorcio entre ambas as dúas. Anna María pouco durou,porque tivo que asumirse como María Callas. Chegou un momento en que reparou en que non existían nin a persoa nin a artista. Iso resolveuse coa súa morte.

Callas achegou teatro e ópera coas súas interpretacións.
Ela sabía que a música en directo debe ter emocións.

Cales son as diferenzas, á parte da obvia de cantar ou non?
O mundo da ópera require unha maior disciplina; un cantante debe ter sempre o seu instrumento afinado. Unha aria de ópera non se pode improvisar. Eles fan un traballo que lles permite cantar obras dun día para outro. Nós temos que preparar máis cada traballo, temos que memorizar textos quilométricos.

Como preparou este papel para non sobreactualo tendo en conta a xestualidade de Maria Callas?
Tratei de non facer un debuxo de Callas, senón de entendela. Empecei a preparala hai máis de tres anos, facendo a tradución do texto. Como non teño compañía propia, tiven que tocar puntos moi diferentes para montar a obra. Iso axudoume a entendela e a representala mellor enriba do escenario. A miña interpretación é o máis natural posible, metínme no personaxe facendo un traballo orgánico ata sentirme cómoda con el. Non quería representala grandilocuente, non me gusta esaxerar.

O vestiario e a maquillaxe tamén son discretos.
Teño rasgos físicos compartidos con ela, que tiña unha presenza moi particular. Non fago unha xestualidade esaxerada porque xa digo que non pretendín facer un debuxo de Maria Callas.

Comentarios