Margarita Ledo anima a que se lean obras escritas por autores lucenses

Margarita Ledo Andión, durante a lectura do pregón. PEPE ÁLVEZ
photo_camera Margarita Ledo Andión, durante a lectura do pregón. PEPE ÁLVEZ

A escritora e académica Margarita Ledo Andión animou onte á lectura de escritores lucenses como Uxío Novoneyra, Álvaro Cunqueiro ou Lois Pereiro, durante o pregón inaugural da Feira do Libro de Lugo, unha apertura que se fixo coincidir co Día das Letras Galegas, e que se prolongará ata o próximo domingo.

Margarita Ledo, durante a súa intervención, imaxinou «unha paseata pola cidade de Lugo» que lle acordaron «o pracer da lectura». Así, destacou que o desaparecido Café do Méndez, «onde se reunían escritores todos os días e tertuliaban sobre as letras», o Círculo das Artes, «onde teño escoitado concertos da Sociedade Filharmónica, aquel mesmo lugar onde Ánxel Fole se sentaba nas primeiras filas» e unha antiga librería ao carón do Café do Méndez que se dedicaba ao «aluguer de libros usados», así como as letras de moitos escritores, foi o que a «animou» a escribir en galego.

Ledo Andión contou que andou «a carón dos que un día decidiron poñerlle a esta terra Galicia»,e aproveitou para reivindicar o idioma galego, do que «hoxe atopamos non poucos atrancos para utilizalo». «Sexa Galicia unha gran biblioteca atravesada polo río Miño», rematou.

No acto participaron tamén o alcalde de Lugo, José López Orozco, a concelleira de Cultura, Nuria Mundiña, o director xeral do libro, Francisco López Rodríguez, o presidente la Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño Pérez, a directora da Feira do Libro de Lugo e da librería La Voz de la Verdad, Ana Isabel López Fandiño, e o xerente da libraría.

No acto inaugural fíxoselle entrega a Ana Isabel López Fandiño, directora de La Voz de La Verdad, e ao seu xerente, dunha placa conmemorativa dos cen anos de aniversario da librería.
Todos os participantes no acto destacaron o «mérito» de levar un século como libreiros, «tanto da empresa como de quen a goberna».

O xerente de La Voz de la Verdad agradeceu esta homenaxe, da que descacou que «vindo dos colegas é moito máis satisfactoria», e adicou este recoñecemento a todos os que fixeron posible a súa traxectoria, «en especial aos nosos clientes».

O acto oficial de inauguración da Feira do Libro estivo amenizada por polo grupo de música tradicional galega ‘Airiños de Orbazai’, unha actuación que os lucenses acompañaron con palmas.

Comentarios