«Foi un triunfo por parte da xente que no opuxemos. Fomos a contracorrente»

A marcha contra a central nuclear de Xove que xuntou a 8.000 persoas cumpriu 40 anos

A meirande parte da loita contra o proxecto levárona a cabo asociacións culturais e formacións clandestinas naquel tempo, que conseguiron unha forte movilización popular. A paralización definitiva acordouse no ano 1982
Columna de veciños, na marcha de abril do 1977
photo_camera Columna de veciños, na marcha de abril do 1977

A oposición ao proxecto da central nuclear que fora anunciado en novembro de 1973 por un consorcio conformado por Fenosa, Electra Viesgo e Hidroeléctrica do Cantábrico na Regodela, en Xove, tivo o seu momento álxido o 10 de abril de 1977 cando unhas 8.000 persoas recorreron os 13 quilómetros que separan Viveiro de Xove para opoñerse á súa construcción. Daquel fito histórico cumprironse onte 40 anos, pero a loita por evitar que a central se instalara no municipio arrancou no mesmo momento no que se anunciou.

A oposición ás eléctricas non tardou nada en facerse patente. Naquel mesmo novembro de 1973, o clube cultural Valle Inclán organiza unha mesa redonda en Lugo e, pouco tempo despois, foi a agrupación cultural Sementeira a que faría un acto público en Viveiro cunha importante participación de veciños das zonas afectadas. Naquel acto falaron Xosé Manuel Beiras e Mario Iglesias, enxeñeiro do Concello de Lugo. O papel das asociacións culturais sería determinante no proceso de sensibilización e clarificación social sobre a problemática que tería para o territorio a posta en marcha da central nuclear. Nesta liña, Sementeira voltou a organizar unhas palestras en novembro de 1974 coa participación de Ramón López Suevos, Francisco Bermejo e Pedro Costa Morata, que máis tarde se recollerían nun libro baixo o título de ‘A contaminación en Galicia’.

Tamén a organización da UPG na comarca, aínda flebe daquela, ve favorecida a súa actuación por parte de militantes como Pencha Santamaría ou África Leira, que eran funcionarias da extensión agraria de Viveiro e desenvolvían o seu traballo cos labregos de Xove. Estas dúas mulleres foron dous dos nomes propios da loita contra a central, aínda que non foron as únicas féminas con protagonismo neste cruzada, posto que as veciñas de Vilachá, en Xove, conseguiron paralizar o intento de Fenosa de iniciar as obras durante catro días no marco dun duro enfrontamento coa Garda Civil.

Sería no 1977 cando a movilización social superaría todas as expectativas xuntando esas 8.000 persoas na marcha de Xove. Non fora este de abril o primeiro intento de manifestación senón que xa en xaneiro as forzas do nacionalismo intentaran convocar unha protesta coa idea de expresar a súa oposición ao proxecto e de socializar o coflito a nivel nacional. Pero este intento foi prohibido.

A fin de sortear os impedimentos gobernativos, acordase entón organizar unha marcha pola beira da estrada. Tampouco nesta ocasión contou cos permisos legais, peor tampouco foi reprimida e remataría despois de tres horas en Lago. Alí, no adro da igrexa tomaron a palabra Manuel Barbeito, veciño das Encrobas que expresou a solidaridade desta localidad coa loita de Xove; Antonio Pernas, membro das Comisións Labregas de Xove; Emilio López Pérez, ‘Milucho’, dirixente de Comisións Labregas; e Ramón Valcarce, crego das Encrobas. Ao remate da marcha, unha delegación da UPG mantivo un encontro cos afectados nos terreos nos que estaba prevista a central.

Finalmente, a paralización definitiva do proxecto foi en 1982 tras outra manifestación celebrada en 1979.

Comentarios