Marca Galicia

Como nos vén de lembrar o estudo do antigo presidente da Xunta Fernando G. Laxe e o xornalista José Luís Gómez, a Marca-País é esencial para a identificación da economía e cultura dun país no contexto dos mercados internacionais. A Marca-País esixe de amplos consensos na construción dunha imaxe corporativa común, na que non só han participar
os Gobernos e demais axentes institucionais e empresariais, senón as institucións cívicas e
culturais. Porque a Marca Galicia require do consenso cos empresarios e demais sectores económicos, mais tamén do acordo coa sociedade civil e cos sectores máis dinámicos e
activos da cultura e da cidadanía.

Malia que no noso País botáranse importantes alicerces para a Marca Galicia (Galicia Calidade foi a máis importante achega), moi decote esqueceuse tamén da proxección de Galicia non só como territorio de moi altas cualidades produtivas no sector agroalimentario, senón tamén da proxección doutros sectores produtivos vencellados con outras tecnoloxías, do seu turismo e da súa identidade cultural. Neste senso, os Centros galegos no exterior constitúen unha oportunidade moi aprezábel para espallar Marca-País, malia que haberíamos ter en conta o devalo demográfico e de actividades de moitos destes Centros, pezas esenciais para apoiar nesta rede de galeguidade e identidades partilladas parte destas estratexias.

Iberoamérica, a lusofonía, as Illas Británicas e a Europa central, setentrional e occidental, xunto co pulo do Camiño xacobeo (outro dos nosos principais recursos para presentarmos ao mundo) na Corea e no Xapón son os ámbitos máis permeábeis para espallar esta Marca-Galicia, esencial no que atinxe á nosa promoción turística (que non pode repenicar o modelo español de sol e praia), ás nosas producións alimentarias e forestais e á presentación das nosas realizacións no ámbito empresarial e institucional do coñecemento, incluída a acción exterior das nosas Universidades e demais axentes da investigación e innovación.

Mais a Marca-Galicia, como lembran Laxe e J.L. Gómez, precisará sempre dunha identificación cultural para sermos coñecidos como País. Sen a definición exterior da nosa identidade será imposíbel a identificación dos nosos produtos, recursos e realizacións humanas. O que sería fulcral para a nosa recuperación económica.

Comentarios