"Non son de Muimenta, pero aquí acolléronme ben, por iso estou na obriga de colaborar"

Manuel Seijas: "Pusimos en marcha la subasta en el año 99 para atraer a más gente y acabamos satisfechos"

Manuel Seijas participa por sexta vez na comisión organizadora da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu), sendo un dos empresarios da vila con máis experiencia. O «traballo e esforzo» que supón programar a cita gandeira por excelencia da comarca chairega, que se celebrará os días 10, 11 e 12 de abril, vese recompensado co éxito de cada ano.
Manuel Seijas, no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta.
photo_camera Manuel Seijas, no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta.

RECOÑECE QUE organizar unha cita como a Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) non é nin moito menos sinxelo. Require traballo, constancia e perder moito tempo libre para falar entre os compañeiros e concretar os detalles coa fin de que todo saia a pedir de boca. Pero iso non incomoda a Manuel Seijas, que presidirá con ilusión, un ano máis, a comisión organizadora da cita gandeira máis importante da comarca chairega, que se celebrará os vindeiros días 10, 11 e 12 no recinto feiral Manuel Vila López de Muimenta.

Cando entrou a formar parte da comisión organizadora?

Foi na cuarta edición -vai xa pola trixésima primeira- cando tomei o relevo xunto a outros compañeiros para organizar a quinta cita. Nos primeiros anos xa se escollía e se nombraba a comisión días antes da celebración da exposición, era un xeito de ir coñecendo e familiarizándose cos expositores e cos participantes o propio día.

Que recordos ten daquela primera experiencia?

Había moitas máis dificultades, non existía un recinto feiral nin un local cuberto como o que temos agora. Tocábanos traballar arreo, construíndo os postos de madeira e xestas os días previos. Eran moito máis vistosos para os visitantes, sempre e cando o tempo nos acompañase.

Como era aquela Moexmu? Cre que evolucionou moito?

Antes facíase onde está o colexio e a mostra de artesanía, para min das mellores que se podían visitar naqueles tempos, no parque infantil. Viñan afeccionados e artesáns de Asturias, Portugal e de distintos puntos de Galicia. E tamén os gandeiros, xa que por aquel entón os da zona aínda non coñecían moi ben as vacas de raza de leite que viñan de Alemaña ou Holanda. Co tempo, tamén os gandeiros chairegos comezaron a desprazarse a outras nacións para gozar dos concursos. A evolución foi moita e moi positiva.

Cando empeza e en que consiste o traballo da comisión?

Comeza a finais de agosto. Tócanos preparar a lotaría de Nadal, de Reis... Calquera opción é boa para recadar fondos. Ademais, polo mes de marzo adecentamos un pouco o recinto e as naves e xusto nestes últimos días, percorremos decenas de quilómetros para colocar os letreiros e a cartelería que anuncia a cita. Todo o conxunto é un traballo custoso que tes que facer no tempo que se supón que é para descansar. Compaxinalo co traballo na empresa, non é fácil para ninguén.

Esta é a sexta vez que participa na organización. A experiencia é un grao?

Algo axuda ter participado antes, xa tes máis ou menos a rutina de traballo. Aínda que boto en falta un pouco máis de implicación por parte da xente nova.

Gustaríalle seguir sendo membro da comisión en vindeiras edicións?

Para a próxima, que me tocaría dentro de cinco ou seis anos, xa me pillará xubilado. Así que non sei se terei máis ganas, pero máis tempo seguro.

Pensa que a continuidade da cita é posible?

Si, eu creo que está practicamente asegurada, sempre e cando haxa ese compromiso dos novos empresarios que se asenten en Muimenta. Pecharon algúns negocios, pero os que abren de novo é importante que se unan e colaboren con nós.

Vostede foi partícipe da posta en marcha da exitosa poxa de gando selecto. Como se fragou esta iniciativa?

No ano 99 tocoume participar na comisión, estivemos discorrendo entre os compañeiros actividades que poderían axudar a atraer máis xente á Moexmu e a que a cita tivese máis peso a outros niveis, e a poxa pareceunos a mellor opción. A verdade é que quedamos satisfeitos co resultado.

E agora supoño que aínda o estarán máis.

Non cabe dúbida. Houbo anos nos que se subastaron tres ou catro animais nada máis. Na XVIII Poxa de Gando Selecto, unha das mellores da historia da Moexmu, temos preinscritas 41 cabezas, o que nos obriga a modificar os horarios, que é precisamente unha das grandes novidades desta edición. Así, a poxa pasará de celebrarse o domingo pola mañá ao sábado 11, a partir das 12.00 horas.

Ademais dunha exitosa poxa, esta mostra é a única que conseguiu manter vivo o concurso de gando.

Así é. De momento seguimos aguantando como o único concurso de toda a provincia de Lugo. Os anos de crise máis difíciles parece que xa pasaron, e nós soportámolos máis ou menos ben. Este ano vai ser bo. Temos prevista a participación de 141 animais neste concurso, procedentes de 40 ganderías da Coruña, Pontevedra e Lugo -tanto da comarca chairega, como da mariñana e de Chantada-.

É fundamental contar co apoio das administracións para que citas como a Moexmu teñan percorrido no tempo?

Por suposto. O orzamento da cita ascende este ano a preto de 100.000 euros. Sen a axuda do Concello de Cospeito e da Deputación de Lugo, entre outras institucións, sería impensable sacala adiante. Estamos moi agradecidos pola axuda prestada durante tantos anos.

Que nivel de afluencia de público esperan ter este ano?

Cremos que será moi similar ou a mesma dos últimos. Na pasada edición achegáronse a Muimenta unhas 10.000 persoas, así que esperamos que as cifras sexan parecidas.

Comentarios