Manuel Sangil: "O custo das festas de San Xoán nos últimos catro anos reduciuse nun 50%"

O encargado da Concellería de Deportes e Xuventude no pasado mandato fai un balance dos festexos do San Xoán e das iniciativas lúdicas
Manuel Sangil
photo_camera Manuel Sangil

Manuel Sangil estivo á fronte durante a pasada lexislatura da concellería que se ocupou de coordinar as festas de San Xoán xunto a Xaora.

En que se centra o programa das festas deste ano dentro das actividades deportivas?
Quedou xa proxectado, e vaise seguir facendo, o maratón de fútbol veterano, con equipos de toda España e incluso de Portugal. Tamén se celebrarán o torneo de béisbol, coma todos os anos, o de baloncesto 3x3, cunha paella xigante que xa é típica aquí en Sarria, e o trofeo San Xoán de fútbol organizado pola SD Sarriana.

Cantas persoas está previsto que participen nestes actos?
Arredor dunhas 800 persoas.

Cal é o obxectivo da inclusión destas actividades deportivas no programa das festas?
É unha tradición en Sarria organizar eventos deportivos durante as festas de San Xoán, e quixemos seguir facéndoo, así que nos gustaría que a quen lle toca organizar as seguintes tampouco se esqueza das actividades deportivas. Dánlle moita vida ás festas, atraen a moitas persoas doutras localidades e o deporte é unha disciplina que move masas; xente nova e persoas que acompañan aos deportistas. É algo moi beneficioso para o pobo.

"As festas para que teñan ambiente festivo canto máis céntricas se sitúen, mellor"

Cal é o balance das festas que faría vostede ao respecto desta última lexislatura?

O custo das festas á organización Xaora, e directamente ao Concello, nos últimos anos reduciuse nun 50 por cento, e nos primeiros anos da lexislatura ata nun 70 por cento. Considero que, non obstante, as festas non perderon, senón ao revés, gañaron en participación. Voltamos a facelas no centro do pobo e contaron cunhas actuacións musicais moi dignas para Sarria. Sei que as valoracións dependen dos gustos, porque sen dúbida haberá quen diga que lle gustarían máis dunha maneira ou doutra, pero cando se fai un balance das festas unha das cuestións importantes a valorar é o número de xente que participou nelas. E segundo os datos nestes últimos anos foi moi superior que nos anteriores.

Que actividades destacaría?
Cabe destacar o concerto de Melendi, que foi o máis grande da historia de Sarria con miles de asistentes, así como os dous cheos monumentais que houbo na praza de touros nas dúas últimas corridas que houbo en Sarria. Pese ás críticas trouxeron grandes ingresos e un grande ambiente ao pobo. Gastando tan só a metade a participación nas festas foi moito mellor. Un dato significativo foi a recollida de lixo nestes días, que o ano pasado acodou a marca histó- rica nuhas festas de San Xoán en Sarria, case duplicando a cantidade que se recolleu hai sete anos.

"Estes últimos catro anos foron nos que máis actividades deportivas se desenvolveron"


Falou de que voltaron a levar as festas ao centro do pobo, cal considera que é a ubicación ideal?

A situación das festas sempre resulta polémica, e sobre todo cando hai locais de hostalaría nesas rúas. Cando se sitúan nunha rúa os empresarios desa zona están a favor, e os que non están aí son quen critican a ubicación. Hai que ter en conta que, aínda coas molestias que poidan conlevar as festas no centro do pobo —porque realmente supo- ñen máis molestias para os veciños que cando se fan na periferia—, hai que recoñecer que as festas para que teñan un ambiente festivo canto máis no centro estén mellor. Iso reflectiuse nesta última lexislatura, porque os primeiros anos, que foi cando máis céntricas estiveron foi cando máis ambiente houbo. Agora tívose que desprazar pola imposibilidade de situar as barracas donde se puxeran daquela, pero as festas, na miña opinión, para que sexan concurridas, canto máis céntricas máis afluencia teñen.

Que iniciativas no eido deportivo destacaría da súa etapa como concelleiro de deportes?
Intentamos ter actividades deportivas e lúdicas durante todo o ano. Algunhas gustaron máis e outras menos pero desenvolvemos iniciativas novas que na miña humilde opinión tiveron unha grande aceptación no pobo e na provincia. Exemplos son o descenso de bicicletas, o concurso hípico que se comezou a realizar o ano pasado, ou a ruta 4x4... entre outras. Estes foron os catro anos que máis actividades se desenvolveron en Sarria.

Comentarios