"Acabo de crear unha sociedade para pequenas promocións ou rehabilitacións"

Manuel Rego: "En Viveiro en un lustro se podría construir, pero en otras zonas hay stock para 15 años"

Un dos protagonistas do cambio urbanístico da cidade do Landro apela ao equilibrio e ao crecemento moderado e ordenado ao amparo dos PXOM. Di que a maioría das vivendas construídas «non valen» para a xente da zona e cre que dentro duns anos, se a economía segue medrando, se poderán facer primeiras vivendas en promocións pequenas.
Manuel Rego, nas súas oficinas de Cantarrana.
photo_camera Manuel Rego, nas súas oficinas de Cantarrana.

«AQUELO foi un exceso e esto é un defecto», di un dos construtores máis coñecidos da zona en relación ao cambio drástico que se produciu dende os anos previos ao estalido da burbulla inmobiliaria á actualidade. Manuel Rego viu caer a outros promotores pero el vai resistindo. «Sempre que me preguntan digo que moi bo non serei, pero moi malo tampouco, porque levo aquí desde os 22 anos e sigo», di agora que ten 68 e pouca présa por xubilarse. Como foi levando a crise?

Ninguén se imaxinaba que iba ter esta magnitude. O que ocorreu foi que houbo unha xente que foi máis previsora que outra e aos que foron máis cautos afectoulles menos, aínda afectándolles, porque esta crise afectounos a todos.

Vostede inclúese no grupo dos máis previsores?

Eu creo que tiven un dobre sentido, vía que ao ritmo que se iba esto reventaría por algún sitio. De feito puiden facer grandes operacións, especialmente en solo, porque nese momento podíanse facer e había financiamento.

Outras construtoras da zona foron á quebra.

Sei de empresas que o están pasando moi mal. Cada un bastante desgraza ten con expoñer todo o seu patrimonio e perdelo todo. Está claro que ninguén prevía o que pasou. Había moita alegría? Si. Os bancos daban diñeiro? Si. A xente collía diñeiro? Si. Que iba pasar algo? Se en realidade coñecías un pouco o sector, dábaste conta de que algo iba pasar.

Bótaselle parte de culpa aos construtores polo estalido da burbulla inmobiliaria. Vostede como o ve?

Non quero aquí buscar culpables. A miña opinión, que é moi humilde, é que todos xogamos no mesmo campo. Todos tivemos unha pouca de culpa, máis ou menos, porque nós compramos solo a uns prezos desorbitados, e comprámolo; o banco deunos diñeiro, construímos onde nos deixaron construír... Foi un tema de todos.

A que prezos desorbitados se chegaron a pagar os solares?

Había solares de moitos prezos. Habíaos de mil metros que valían 300, 500, 700 millóns de pesetas.

Hoxe non valen a metade?

Hoxe nin a metade, nin de coña.

Como lles afectou a falta de PXOM aprobados?

Son documentos vitais para o desenvolvemento dos pobos e onde non os hai, prexudica sempre ao que quere investir. O noso é comprar solo totalmente legal para poder construír, pero cando non hai PXOM atopámonos ás veces que temos licenzas e logo aparecen problemas. O bo para todo o mundo é que os concellos teñan un Plan Xeral definido. En Xove hoxe haino e se vou comprar un solo para facer un chalé ou un edificio, danme a licenza e fágoo sen ningún problema, e nos outros lados sempre pode habelos e eso non pode ser, porque non creo que ninguén queira investir o seu diñeiro para logo ter un risco.

Aquí pasoulle algo así co caso de Lodeiro, foi o episodio máis delicado que tivo?

Pesoume moito, porque tiña tódolos documentos, tódalas autorizacións, todas, dende a primeira á última, en regla. Eso fíxomo pasar moi mal, porque cando un ten algo en regla e hai unha denuncia e xorde toda a problemática que xurdiu, de verdade que non gusta. Como promotor, pero ante todo como persoa, sentinme mal. Primeiro, porque eu sabía que os documentos que me deron para facer eses edificios os tiña totalmente en regla, e segundo porque había unha xente á que eu lle vendera, que invertiran alí os seus aforros, e eso para min é duro.

Ao final non houbo que derrubar.

Gracias a Deus. Sentín moita felicidade porque ademais tiña alí familiares e amigos aos que lles vendera pisos. Supóñase vostede, a situación non era agradable.

En canto ao mercado da vivenda, baixaron moito os prezos?

En Ribadeo baixaron as vivendas pero teñen uns prezos moi superiores aos de Barreiros ou incluso aos de Foz, Burela ou San Cibrao. E logo Viveiro está máis ou menos coma Ribadeo, baixaron bastante, pero son dúas cidades que están máis estabilizadas que as outras e creo que aí non van baixar máis.

Queda moito por vender?

Esto son pobos pequenos nos que a poboación non aumenta e a venta de inmobles basouse en vista ás grandes urbes, Bilbao, Madrid,... Fíxose un tipo de vivenda para esa xente. Que está ocorrendo agora? Que esa vivenda para a xente de aquí non vale, é invendible.

Polo tamaño?

Si. Son vivendas moi pequenas para primeira vivenda, así que haberá que esperar a que as grandes urbes medren para que unha parte desa xente poida volver a investir, pero terá que pasar un tempo, porque a xente despois dunha crise mira moito o euro.

Como vai evolucionar o sector?

En Viveiro e Ribadeo, seguramente dentro de cinco anos, cun solo a un custo razoable para non volver a facer loucuras e cuns beneficios para a xente que invista razoables, poderíase construir algunha vivenda, grupiños de 12 ou 15, como se fixo hai 20 anos. Serían vivendas xa de 100 ou 110 metros, para primeira vivenda, para familias da zona, pero de forma moderada: facer unhas, vendelas e volver a facer outras. O que non se pode é facer o que se fixo, bloques de cen, porque non se dan vendido.

E no resto das zonas?

Creo que o stock de vivenda en zonas como Barreiros vai para quince anos.

Comentarios