Manuel Primitivo Lareu: ''Busco a realización persoal, para min o éxito é o de menos''

Manuel Primitivo Lareu.
photo_camera Manuel Primitivo Lareu.

Adegueiro, escultor, pintor, restaurador e, se me apuran, ata decorador de interiores. Primitivo Lareu é un home polifacético que considera que a vida vai un pouco por fases. Nestes intres el está centrado no mundo do viño e da arte.


EXPLICA PRIMITIVO Lareu (Chantada, Sabadelle 1970) que o topónimo Sabadelle vén do latín Sabatelius, un nome que ten a súa orixe nun cónsul romano que andou pola Ribeira Sacra e que deu lugar a tres Sabadelles, un en Chantada, outro en Ourense e outro en Portomarín. Primitivo Lareu recuperou o termo Sabateluis orixinal para bautizar os caldos que saen da súa adega.

Cando se mete Primitivo Lareu nisto da viticultura?

Un pouco dende sempre. A maioría dos chantadinos vimos de familias que traballaban sempre as viñas para o autoconsumo e vendían os excedentes. O meu caso foi un deses e hai pouco máis dunha década decidín formalizar unha adega e integrarme na denominación de orixe Ribeira Sacra.

Empezou de cero.

De cero non, porque tiña as viñas da familia e a adega da casa, que tras un proceso de restauración e ampliación convertín na adega actual, pero sí que houbo que facer unha inversión importante.

Cal é a súa producción?

É unha adega pequena que saca ó mercado unhas 25.000 botellas ó ano entre o Sabatelius mencía, o branco, o barrica - ó que lle chamos Sabatelius Carballo - e o Ouvenza, que é unha liña específica para algún restaurante.

E de mercado?

A maioría da producción queda no mercado galego, algo en Asturias e Madrid e agora temos un proxecto para Estados Unidos.

Semella que na Ribeira Sacra iso de Estados Unidos dá un plus pero aseguro que os clientes da provincia tamén son bos pagadores.

Sí, a verdade é que agora se non exportas ó estranxeiro semella que non es adega. Pero para min ten o mesmo valor un veciño de Friol que me compra todos os anos e que paga os seus pedidos, ca o de calquera outro punto do mundo. Eu valoro moito os clientes máis cercanos que apostan por nós. Producir e vender no mesmo lugar aforra unha morea de custos e é máis ecolóxico que non hai que andar con tanto transporte.

A maiores de pola calidade dos seus caldos, recoñecida con diversos premios, a adega Lareu é peculiar polo seu enclave e porque conserva unhas instalacións tradicionais que se poden visitar.

Efectivamente. Conservo unha adega de garda do século XVIII da miña familia. Antes o viño facíase nas pequenas adegas que había nas viñas e por xaneiro, na primeira trasfega, traíase ás adegas de garda, máis grandes e frescas. A miña está semienterrada e conta coa porta orientada ó naciente e uns ocos ó poniente, o que permiten que a súa temperatura non varíe en todo o ano, algo óptimo para o viño. Nas instalacións novas tamén se respeta a orientación e aproveito os castiñeiros que hai ó redor para protexela do sol e facer de pantalla vexetal.

Sae ben iso das visitas?

Se a Ribeira Sacra pretende vivir do turismo ten que ter actividades para os visitantes e as visitas ás adegas son iniciativas que gustan moito á xente.

Mencía soa ou hai que aumentar variedades?

Ese é un tema polémico. Considero que a mencía é o noso buque insignia e que o consello regulador debe esforzarse por conservalo. É unha variedae moi adaptada as circunstancias da Ribeira Sacra e que nesta zona toma unhas peculiaridades únicas. Pero creo que os adegueiros teñen na súa man experimentar dentro do que está autorizado.

Barrica ou viño xoven?

Os viños do ano son o noso filón pola frescura e o sabor afrutado co que contan. No noso caso as barrica só van á maderia seis meses para que non perdan esas cualidades. Pero nisto, coma no caso da pregunta anterior, a cousa e experimentar e facer probas.

A Ribeira Sacra é terra de brancos?

Creo que é una zona espectacular para o godello e a treixadura aínda que por agora ten menos arraigo. Pero de todos os xeitos, teño a miña propia teoría de que fai moitos anos había moita presenza de brancos porque na zona hai pezas de vellos lagares. Eu entendo que eses lagares eran para a uva branca e que nalgún momento se arrancaron as cepas para traballar coas tintas e se retiraron os lagares. Pero é unha teoría persoal que estou tentando investigar.

A outra faceta de Primitivo Lareu é a de escultor, pintor... a arte en xeral.

Creo que facer viño e outra forma de facer arte. Pero, si, efectivamente toco varios xéneros, pero a miña esencia é a escultura.

Como empezou a tallar?

Comecei coas raíces a facer formas e experimentar e despois fun evolucionando. Tiven unha fase de traballos de gran tamaño todos en madeira e agora estou centrado noutros materiais coma o aluminio, o cobre ou o granito e na temática da figura humana pero de formas moi toscas.

Na década dos noventa estivo moi metido nese mundo, participou en varias exposicións obtivo varios premios...

Daquelas tiña máis tempo porque non me metera na adega. Vivía de dar clase e adicaba moito tempo á creación. Agora estou un pouco máis apartado pero no inverno sempre teño máis oco. Gustaríame preparar algunha exposición pero primeiro teño que atender ós encargos.

É autodidacta?

Sí, comecei pola miña conta e depois formeime na escola de artes de Lugo, pero máis ca nada eu experimento.

Tamén ten algo de pintura.

Efectivamente, pero o que máis me tira é a escultura, aínda que sei que a nivel de vendas sempre é máis fácil vender cadros ca esculturas.

Que busca na arte?

Satisfacción persoal, o éxito para min é o de menos. Eu guíome polo que a min me apetece facer e non polo que poida ser máis ou menos vendible. De feito, as tallas de madeira de gran tamaño tiñan moita aceptación, sen embargo, agora traballo máis co que che dicía da figura humana. Traballo moito na representación do ser humano e da soidade do mundo actual pese a estar rodeados de xente e barullo.

Tamén é imaxineiro.

Fago tallas relixiosas pero iso é máis ben por encarga. Non podes ser moi creativo porque coas imaxes, especialmente coas virxes, está todo moi cerrado.

DE PRETO
«A satisfacción é que se merquen e expoñan as miñas pezas»

Pódese vivir da viticultura?

Eu vivo. Todo depende da superficie que teñas e da cantidade que poñas no mercado. Aquí hai moita adega que embotella 3.000 ou 5.000 botellas ó ano. Para eles o viño é un complemento. Eu vivo do viño aínda que tamén son unha adega pequena pero teño algo máis de producción.

Algunha vez se arrepentiu de deixar a escultura un pouco máis á marxe e meterse na adega?

Non, para nada, son fases da vida. Ademais, eu non parei de todo, baixei o ritmo pero non parei de todo.

Disfruta da adega?

Si. É un traballo que cambia moito dependendo da época do ano e, por exemplo, a min faime moi feliz o traballo na viña. Os coidados todo o ano, ver como medra, como evolucionan as uvas. Cando estás coa vendima andas algo apurado pero é un traballo moi gratificante.

En canto á escultura, hai algunha peza á que lle teña especial cariño?

Non son moi apegado ás pezas e a gran satisfacción é que alguén as compre e as expoña. Que se vexan nalgún lado, non me leva a nada telas gardadas para min. Quero que se vexan.

Comentarios