Perfil

Pérez: "Hai moita vida na ría de Viveiro e empezan a verse outras especies"

O Centro de Actividades Subacuáticas (CAS) de Viveiro, que Pérez dirixe, fai mergullos todas as semanas na ría, onde ademais de ver a vida dos fondos atopan pecios como o do mercante Tromp, que se cre que foi afundido en 1917 por un submarino de guerra alemán. Fan cursos de iniciación ao submarinismo, saídas con outros clubes e preparan un proxecto de historia náutica co Concello
Manuel Pérez Díaz, presidente do Centro de Actividades Subacuáticas (CAS) de Viveiro
photo_camera Manuel Pérez Díaz, presidente do Centro de Actividades Subacuáticas (CAS) de Viveiro

MANUEL PÉREZ iniciouse no mergullo da man do anterior presidente do CAS, o falecido José Manuel Barros, que era amigo seu e animouno a probar a disciplina hai xa dúas décadas. Comezou aí un período de formación e traballo conxunto co expresidente e acabou por integrarse na directiva do colectivo, que encabeza desde hai dous anos.

Por que engancha esta afección, cal é a sensación?
A sensación é que estás nun medio que non é o teu. Na primeira práctica de todos os cursos de iniciación ao mergullo, que se fai na piscina, a sensación de estar respirando debaixo da auga non se olvida, porque na vida cotiá respiras inconscientemente e cando te tiras á auga, encima con tódolos bártulos que levamos, sempre intentas aguantar a respiración. E despois, ver toda a vida que hai debaixo da auga.

Como é a ría de Viveiro, o que o resto da xente non vemos?
Hai moitísima vida. Creo que duns anos para aquí empeza a verse máis, non sei se ten que ver coa contaminación ou coa pesca. Ademais, antes a auga estaba moito máis fría, agora méteste nela e prácticamente non hai día que collas frío. E co quentamento da auga empezan a aparecer outras especies, por exemplo morenas, que son de auga máis quente e xa se ven por aquí.

Tamén teñen mergullado entre golfiños e atopado restos arqueolóxicos de afundimentos, como o mercante alemán Tromp que descubriron hai pouco.
Si, hai moitísimos pecios. No caso do Tromp fomos cun amigo noso de Portocelo, Javi, que ten un barco e avisounos de que o sonar lle detectaba algo alí. Fomos con compañeiros de Divermanía da Coruña, que teñen titulación para poder baixar ata cen metros, e atopámolo. Diso hai moitísimo: a fragata Magdalena que coñecemos todos, os canóns do San Bartolomé, áncoras, ou o mercante Galdstar, que está á altura da Coelleira e coa marea baixa está a uns 50 metros, polo que é unha inmersión que podemos facer coa nosa titulación.

Que pensa cando ve os restos dun naufraxio?
A primeira impresión é de pánico, de pensar que pasaría, como iría isto para o fondo. Pero cando empezas a imaxinarte como era o barco, onde están os motores... é unha sensación moi bonita.

Falárase dun proxecto en conxunto co Concello de Viveiro para poñer en valor o patrimonio subacuático. En que quedou?
Resultaba moi custoso. Agora, en colaboración con distintas asociacións e o Concello, imos facer un traballo sobre a historia náutica do municipio, sobre as embarcacións que había antes en Celeiro, e incluso facer algunha maqueta de réplicas dos barcos, pero aínda está todo no aire.

Que actividade ten a asociación?
Facemos saídas todas as fins de semana do ano e no verán tamén pola semana, todo na ría de Viveiro, aínda que en ocasións achegámonos ata preto de San Cibrao ou Estaca de Bares. Tamén imos a un centro de mergullo que hai en Vilagarcía e facemos saídas con outros clubes como o Illa Pancha de Ribadeo ou o Maremasma de Foz, para darlle máis servizos aos socios, que son agora uns 80.

Hai moita afección ao mergullo pola zona?
Vai habendo. Este ano fixéronse preto de 30 cursos de iniciación.

É unha afección perigosa?
É moi importante saber o que se fai. Aínda hai pouco morreu un compañeiro que era da directiva e foi buceando, pero aínda non sabemos as causas exactas.

Independentemente desta traxedia, que hai que ter en conta sempre á hora de mergullarse?
No momento en que te metes na auga tes que estar acompañado e ter sempre á vista o teu compañeiro de mergullo, porque é un deporte mínimo de dous. Se o perdes de vista, hai que subir á superficie e esperar a que suba el tamén. Ademais, hai que ter en conta cousas como non baixar máis metros dos que se deben ou ir pendente do manómetro para non quedar sen aire na botella e subir a superficie. Non é unha afección perigosa, pero hai que facer as cousas como se deben e ter a formación precisa.

Que formación ten vostede?
Teño titulación deportiva para axudante de instrutor, o curso de primeiros auxilios en rescate acuático ou o curso de mestura de gases Nitrox para poder mergullar durante máis tempo.

Algunha vez tivo algún apuro?
Eu persoalmente non, grazas a Deus, pero si que lembro que hai anos un rapaz que estaba facendo un curso entrou en pánico, pero estando en superficie, non mergullado, e non pasou nada.

Comentarios