domingo. 17.11.2019 |
El tiempo
domingo. 17.11.2019
El tiempo

"TODO O QUE SOMOS DEPENDE DO NOSO ESFORZO PERSOAL"

Manuel Núñez Singala: "Se a lingua desaparece, os galegos desapareceremos como tales"

Manuel Núñez Singala
Manuel Núñez Singala
O IES Basanta Silva recibiu, no marco dos actos do cincuentenario, a visita deste exalumno. O escritor e director do servizo de Normalización Lingüística da USC falou cos estudantes das súas lembranzas do centro no que creou as súas primeiras obras teatrais, coma '‘O achado do castro'’, ou do idioma, na ponencia titulada ‘'A lingua galega, unha oportunidade'’.

Manuel Núñez Singala volveu a Vilalba, ao instituto no que se formou, para falar das súas lembranzas e da súa ocupación como director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, onde traballa para impulsar o uso do galego na universidade, «nada máis, nada menos». Antes da súa charla, explicaba que tiña "moi bos recordos daquela época e non volvera dende hai uns 30 anos. A miña familia mudouse de Vilalba e eu vivo en Santiago dende que me fun estudar, de modo que perdín o contacto. Teño ganas de ver as aulas e sobre todo ese salón de actos magnífico no que tan ben o pasei co teatro. Faime ilusión dar unha charla alí mesmo, despois de tantos anos". Por iso, contaba con falar cos estudantes "un pouco daquela época, finais dos 70, das miñas lembranzas como estudante en Vilalba, das funcións teatrais que faciamos, e veremos algunhas fotos da estrea de ‘"O achado do castro"’, recuperadas grazas a algúns amigos que mas fixeron chegar estes días e das que mesmo eu ignoraba a súa existencia. Falareilles tamén da lingua, da oportunidade que supón".

En que nota máis o cambio da época na que era estudante a hoxe?

En moitas cousas, o mundo cambiou abondo nestes últimos tres decenios. Hoxe existen aparellos como os móbiles, que daquela eran pura ciencia ficción, ou avances como internet, que nin sequera podiamos imaxinar. Iso contribúe a que o mundo agora sexa máis pequeno e estea máis conectado, que as distancias sexan máis curtas. Pero imaxino que a idade do instituto, a adolescencia, segue sendo similar, unha época fascinante polo que ten de apertura á vida, de promesas e descubertas.

Estudantes do centro representaron hai uns días ‘'O achado do castro'’, que recordos lle trae?

Moi bos. Teño unhas lembranzas moi agradables das funcións do instituto, do contacto cos compañeiros e do profesorado. Agora doume conta de que a influencia que os profesores poden exercer nos seus alumnos é enorme nesas idades. ‘O achado do castro’ xerouse nese centro, motivada polo traballo excelente dalgúns docentes que amaban o teatro e que así nolo souberon transmitir.

"Teño unhas lembranzas moi agradables das funcións do instituto, do contacto cos compañeiros e do profesorado"

É una obra moi representada, que non perde vixencia, a que cre que se debe?

Non o sei moi ben, eu mesmo estou sorprendido. Imaxino que ao estar escrita por un rapaz que daquela só comezaba a abandonar a adolescencia conecta ben con esa franxa de idade. Hoxe non sería capaz de escribir algo similar.

Que se sente cando o proxecto dun acada esta proxección?

Pois é un orgullo, claro. Síntome satisfeito malia que hai anos, cando máis novo, non me fixese moita graza. ‘O achado do castro’ é unha comedia moi sinxela, houbo unha época en que non souben valorar como é debido esas dúas características, a sinxeleza e a capacidade para divertir que son, seguramente, as súas maiores virtudes. Eu quería ser un escritor serio...

Pois moitas das súas obras son comedias ou teñen un compoñente humorístico, as ideas entran mellor a través da risa?

Estou convencido de que é así. O humor é un lubricante fantástico á hora de asegurar a transmisión das mensaxes. Prestámoslle atención a aquilo que nos divirte e ignoramos o que nos resulta aburrido. Unha das miñas obras de teatro comeza cunha cita de Darío Fo, que o explica mellor ca min: "O humor fainos entender o valor da verdade".

Os seus últimos libros son de narrativa, volverá ao teatro?

É posible que volva ao teatro, non sei aínda se me atreverei con outra obra. Hai unha demanda importante de textos dramáticos porque hoxe en día existen moitos grupos de teatro afeccionado que con poucos recursos e moito entusiasmo fan montaxes con frecuencia dunha calidade excelente.

Vén de publicar ‘'Camiños na agua'’, preséntea.

É unha novela na que se ligan tres tipos de narración: a novela de iniciación, a de viaxes e a de aventuras. Síntome moi satisfeito do resultado final e penso que pagou a pena o esforzo. Conta a historia dun rapaz africano, albino, que decide fuxir acosado pola pobreza e o handicap da súa condición e busca chegar a Europa. A súa viaxe, faralle descubrir o amor, a amizade, o desprezo e a traizón.

 "O humor é un lubricante fantástico para transmitir mensaxes, prestámoslle atención a aquilo que nos divirte"

A súa charla leva por título ‘'A lingua galega, unha oportunidade'., Cal é o seu estado de saúde?

Non é o desexable, pero é moito mellor do que moita xente pensa. Temos unha lingua cun gran potencial, falta que os galegos tomemos conciencia diso e apostemos por ela. Hai diglosia e están activos prexuízos difíciles de combater, pero teño fe en que os galegos, que sempre fomos xente lista, saibamos reaccionar a tempo.

E estase a facer o que se debe?

Sempre se pode facer máis, e a política lingüística institucional debería de ser máis decidida. Nos últimos anos, co pretexto da crise, houbo un enorme retroceso nos recursos dedicados a esta cuestión. En todo caso a opción lingüística é sempre, en última instancia, unha decisión persoal. Se os galegos lle teñen lei ao seu idioma este pervivirá, se non é así, non. As linguas viven na boca dos seus falantes. Se os galegos usamos a lingua haberá mil primaveras máis, se renunciamos a ela non terá futuro. Depende de nós.

Hai futuro se cada vez se fala menos, pódese inverter a tendencia?

Estou convencido de que o galego ten futuro, pero insisto, dependerá do que o pobo galego decida. A tendencia pódese inverter, desde logo que se pode, pero para iso precísase a colaboración de todos e tamén unha decidida vontade política da que, nestes momentos, carecemos. E por suposto creo que si nos interesa facelo, a todos os galegos. Para dicilo cun verso de Manuel María: «precisamos a lingua se queremos vencer». O idioma é o principal sinal de identidade dun pobo, se a lingua desaparece os galegos despareceremos como tales.

Manuel Núñez Singala: "Se a lingua desaparece, os galegos...
Comentarios