sábado. 19.09.2020 |
El tiempo
sábado. 19.09.2020
El tiempo

Manuel Martínez: ''Pódese perder o 80% dos fondos da UE para obras por culpa do PP''

Manuel Martínez, no seu despacho de Becerreá (Foto: Ana Lamas)
Manuel Martínez, no seu despacho de Becerreá (Foto: Ana Lamas)

Manuel Martínez, actual responsable de Vías e Obras na Deputación e alcalde de Becerreá, asumiu hai un ano un dobre reto: sanear a rede de estradas provincial e rescatar do endebedamento extremo o Concello de Becerreá. Cunha férrea vontade forxada na oposición toma as rendas do goberno coa esperanza posta na xestión eficiente e responsable.

Ocúpase vostede dunha das seccións máis vistosas e tamén máis criticadas pola oposición.
Na Deputación teño un coñecemento amplo de tódalas áreas polo simple feito de pasar oito anos facendo oposición. Iso permitiume cando me pediron que fora responsable de Vías e Obras afrontar con relativa tranquilidade o que supón pasar dunha institución que leva 24 anos gobernada por unha soa persoa a un sistema de delegacións. A verdade é que esperaba ter máis dificultades na xestión pola ampla rede viaria, que acapara unha gran cantidade de actuacións, pero o apoio do persoal en xeral está facendo que ese labor se leve a cabo.

Como vai a revisión do plan de obras?
Había obras dende o ano 2004 ata o 2007 que tiñan un prazo de tres anos para a súa execución e estaban sen facer. O problema principal era a falta de terreos e o primeiro que fixemos foi potenciar o servizo de expropiacións, que este ano traballou ó 200%. Pero os trámites administrativos son os que hai e fixeron que en moitos casos empezaramos a facer a obra a un mes do prazo de remate. É unha mostra de incompetencia e falta de xestión do PP e moitos concellos gobernados por populares están na mesma situación. Acábanse os prazos e non teñen maneira de xustificar os traballos. Podemos perder o 80% dos fondos europeos nestas obras por culpa da xestión do PP.

Acúsano de ter as cunetas cheas de maleza.
O desbroce é un dos aspectos que queremos mellorar. É certo que tivemos dificultades. Aprobamos os presupostos tarde, xurdiron novas prioridades e houbo imprevistos en seis ou sete concellos, pero a finais deste mes estará todo desbrozado e espero que non volva ocorrer. A empresa á que se lle adxudicou o traballo neses concellos non presentou a documentación e houbo que reiniciar o proceso de contratación. Asumo a miña responsabilidade, pero con estes condicionantes. Para o ano que vén imos poñer prazo para que o desbroce estea feito entre o 15 de maio e o 31 de xullo. Se os fallos se volven repetir, entón si que terei que tomar outras medidas e incluso dimitir. A política é así.

Gañou fama de grafiteiro por comprar spray para sinalizar baches.
O que sorprendeu foi a iniciativa. Foi importante para que os capataces da Deputación pisaran tódalas estradas provinciais e para coñecer o seu estado de deterioro, que era moi elevado. De feito, este ano gastamos nove millóns de euros en reparacións. O PP utilizou o spray como anécdota, pero a iniciativa foi positiva. Este ano imos dedicar outros nove millóns a conservación e eu espero que pouco a pouco o aglomerado en quente se vaia impoñendo.

Dende a oposición cualificaba a Cacharro como o rei da grava. Quere pasar vostede á historia como o rei do aglomerado en quente?
Espero que si. Quero dotar ás estradas da Deputación dunha boa base e dunha boa sinalización horizontal e vertical. Imos reducir as expropiacións de terreo porque condicionan moito os prazos. Coas vías en bo estado ás veces sobran ampliacións e autopistas.

Pasou da oposición ó goberno tanto na Deputación como no Concello de Becerreá. Como se ve a política dende o outro lado?
Eu tiña experiencia política suficiente, non me colleu por sorpresa. Ás veces dende a oposición eres máis reivindicativo. Eu creo que a oposición é tan importante ou máis que o goberno. Tamén é certo que pensei, sobre todo no Concello, que tiña un coñecemento máis profundo, porque estaba peor do que eu prevía. O que fixen nos dous casos foi non mirar para atrás. Creo que na Deputación me acusaron de ser duro con Cacharro, porque estaba convencido de que era a miña función, pero hoxe traballo cos seus colaboradores con total tranquilidade e rendemento satisfactorio. En Becerreá asumimos unha situación difícil, miramos para adiante e espero que cunha administración seria e controlando o gasto nun par de anos poidamos permitirnos o luxo de ter un concello con débeda controlada, porque eu creo que as administracións teñen que ter débeda. Se tivera seguido a xestión que había tanto na Deputación como no Concello a situación rozaría a bancarrota.

Xa tivo que sufrir dende o goberno as consecuencias das súas actuacións na oposición, como é o caso da anulación do plan de emprego do 2007.
O tema de persoal da Deputación denunciámolo sempre porque estabamos convencidos de que era un sistema de contratación irregular e ilegal. Foi unha decisión tomada con tódalas consecuencias porque naquel momento xa pensabamos que tiñamos moitas posibilidades de gobernar a Deputación. É certo que houbo presións despois de xente interesada en que retiraramos o recurso, pero mantívose porque un político debe ser coherente e responsable.

As malas linguas din que hai deputados que van por libre.
É unha batalla do PP, que en lugar de facer unha oposición seria se dedica a tirar fogos artificiais e a buscar conflitos onde non os hai. Lévome ben con todos e cada un dos deputados. Pode haber algún roce coas competencias, pero ata agora o resultado é positivo e estou satisfeito dos compañeiros de partido, dos compañeiros do BNG e do goberno da Deputación en xeral.

Que proxectos inmediatos ten para a área de Vías e Obras?
Dotar todas as estradas dun firme bo de aglomerado en quente con sinalización horizontal e vertical. Facer o maior número de quilómetros que poidamos porque iso vainos permitir á larga aforrar recursos e dedicarnos basicamente a desbrozar porque con ese firme en varios anos non imos ter que tocalas salvo temas puntuais. Imos seguir tamén co plan de viabilidade invernal. O sal xa está disposto e haberá que comprar máis camións e cuñas. O ano pasado houbo unhas 500 incidencias que foron resoltas nun prazo máximo de dúas horas, non houbo ningunha estrada pechada.

E para Becerreá?
Temos moitos proxectos, pero o problema é o financiamento. Vanse meter 200.000 euros en renovar parte da traída de auga da zona alta e temos un proxecto de dous millóns de euros para dotar o núcleo de Becerreá de saneamento. Pido paciencia ós veciños porque non se pode cambiar nun ano o que non se fixo en trinta. O tema das piscinas preocúpame porque tivemos moitas trabas administrativas, pero espero que para o ano que vén funcionen a pleno rendemento. Logo está a residencia, o gran obxectivo desta corporación. Estamos en negociacións con Presidencia para construír un novo concello e estamos recuperando os antigos colexios para usos sociais. Os proxectos son moitos, as dificultades tamén, pero iso é a vida. A satisfacción é maior canto maior é a dificultade.

Está cómodo na área de Vías e Obras ou preferiría un despacho máis grande?
Eu considerábame preparado para ser presidente da Deputación, nunca o neguei. Actuei con transparencia, pero ocorreu o que ocorreu e eu son leal á persoa que está como presidente, obedezo entre comiñas as súas ordes sen ningún problema. Por encima del e de min está o partido e eu son leal ó PSOE dende hai trinta anos.

Como compaxina os cargos de alcalde e de deputado?
Ó principio foi difícil. No concello espertas expectativas porque a xente pensa que fas milagres e as demandas son bastantes. Do que me foron pedindo na época electoral debe estar feito un 80%. Estamos lastrados polo síndrome de Pepe Gotera e Otilio, polas chapuzas, por ter que reparar todo o que estaba mal. Por exemplo, o tema da auga tráenos de cabeza, temos unha avaría diaria.

Como se sobrevive cos cartos contados?
Administrando moi ben, coma na casa.

Manuel Martínez: ''Pódese perder o 80% dos fondos da UE para obras...
Comentarios