Manuel María e os 50 anos do Basanta Silva, piares do calendario do Iescha

A entidade cultural de Vilalba programa unha trintena de actos para este ano
Santamariña, Barreiro e Gómez, da directiva do Iescha.
photo_camera Santamariña, Barreiro e Gómez, da directiva do Iescha.

O Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) programa unha trintena de actos para este ano, que se centrarán, a maiores das actividades clásicas da entidade vilalbesa, en dous temáticas: Manuel María e o 50 aniversario do IES Basanta Silva.

«En setembro todos os anos celebramos o cabodano de Manuel María e este ano, loxicamente, farase de maneira especial», apunta o presidente do Iescha, Manuel Santamariña, que recorda que a entidade promove unha recollida de sinaturas para solicitar que se lle poña o nome do poeta homenaxeado este ano coas Letras Galegas, «pai espiritual da Terra Chá», á casa de cultura de Vilalba.

Ao día da Cultura Chairega en setembro, sumaranse en maio unha mesa redonda con Lois Diéguez, Marica Campo e Mini e Mero e un concerto de Uxía.

No marco dos actos para conmemorar outras das grandes efemérides, os 50 anos do Basanta Silva, o Iescha participa en abril cunha exposición sobre bichos chairegos e outra de fotos dos primeiros anos do instituto.

Sara Jato foi nomeada a primeira Socia de Honra da asociación, que conta con 350 membros e cun orzamento de 25.000 euros

En maio, colaborarán cun concerto dos D’Abaixo, poesía con Lucía Aldao e María Lado, teatro co grupo Fantoches e contacontos con Celso F. Sanmartín, ao que se sumará un ciclo de cine da época. E en xuño, hai programado teatro e un concerto de Magical Colors.

O Iescha, que acaba de celebrar a súa asemblea anual, presentou a maiores outras actividades, entre as que destacan a celebración da terceira ruta cultural, que será por Pontevedra; a XVI Ruta Chairega, que se trasladará a Outeiro de Rei, ou unha excursión ao Ézaro.

Tamén haberá unha conferencia de Xosé Manuel Beiras, outra de Lourenzo Fernández Prieto no centenario das Irmandades da Fala, un festival de teatro, a publicación do oitavo Caderno de Estudos Chairegos e dúas presentacións de libros, ás que se sumarán varias exposicións fotográficas que recordarán a memoria da parroquia vilalbesa de Alba ou o pasado da capital chairega e Guitiriz.

O Iescha, que suma ao redor de 350 socios na actualidade, inicia 2016 cun orzamento de 25.564 euros, similar ao de outros anos, pero cun novo nomeamento e un local na casa da cultura, unha petición moi demandada pola entidade nos últimos anos.

«Por primeira vez fixemos Socia de Honra do Iescha a unha muller», explica Santamariña, que asegura que viviron un «momento moi emotivo» cando lle entregaron a distinción a Sara Jato, socia da entidade dende hai moitos anos, voluntaria de Cáritas e doutras agrupacións e unha persoa involucrada con Vilalba.

Comentarios