Manuel Díaz: ''Non demonizamos enerxías; buscamos provocar reflexións''

MANUEL DÍAZ FERNÁNDEZ é o responsable de divulgación do parque eólico experimental Sotavento, localizado ó longo de catro kilómetros na Serra da Loba, entre o concello chairego de Xermade e o coruñés de Monfero, dende a súa posta en marcha no 2001. Nesta entrevista defende a diversificación enerxética e afirma que as fontes renovables e as convencionais teñen que coexistir polo momento, polo que o máis importante é incidir nas políticas de aforro.

Con que obxectivo nace o parque experimental Sotavento?
Sotavento, que aglutina iniciativa privada, un 49%, e pública, o resto, nace como unha iniciativa da Xunta de crear un parque que non fose só produtor, senón con outros obxectivos, entre os que destacan, ademais da produción, a investigación no eido da enerxía eólica e outras enerxías renovables e a divulgación das mesmas.

A investigación e a divulgación van da man ou pesa unha máis que a outra?
Compleméntanse e o parque xa se crea pensando neso. Sotavento é un parque atípico. É relativamente pequeno, só ten 24 aeroxeneradores pero de cinco marcas diferentes e nove modelos. Ademais, dótase doutras instalacións renovables como a solar para abrir o abano e entrar de cheo noutro tipo de enerxías. Dende aquí, tratamos de divulgar as investigacións a toda a poboación e de facer comprensible para a xente cousas que non coñecen, porque non hai organismos que se dediquen a divulgar ese tipo de coñecementos. Buscamos fórmulas para que tanto nenos coma maiores o entendan e para que descubran como, por exemplo, funciona unha placa fotovoltaica.

Cantas visitas recibe?
Unha media de 20.000 visitas ó ano. Vén xente de todo o mundo, aínda que loxicamente a maioría son de Galicia, sobre todo das provincias da Coruña e Lugo, seguidas de Pontevedra, porque a proximidade tamén conta. Os principais visitantes son ou técnicos ou escolares.

Que balance fai destes anos, esperaban espertar o interese co que contan agora e atraer a Xermade a tanta xente?
A verdade é que non esperabamos isto. Plantexabámonos: Como van desprazarse 100 quilómetros dende a cidade máis próxima para vir ata aquí, sobre todo cando a política de Sotavento é de coñecemento, e canto tempo vai durar? Os escépticos dicían que duraría un ano, pero equivocáronse, porque levamos sete de funcionamento e con tendencia a alza cada ano. O 35% dos centros de secundaria galegos veñen regularmente e a visita ó parque entra practicamente dentro das actividades curriculares do centro. Foi unha agradable sorpresa. 

A cantas familias podería abastecer o parque? Xermade podería sobrevivir enerxeticamente?
Coa enerxía xerada, Xermade podería vivir cunha máquina, pero é variable polo que son necesarias outras fontes de enerxía. O parque podería abastecer a 12.000 familias.

Que supón ter As Pontes tan preto, é a imaxe do oposto?
Ter As Pontes ao noso carón é moi importante, é unha riqueza absoluta para visualizar de xeito real o que é unha instalación como a central térmica e axúdanos para provocar reaccións. Apoiámonos nela para que a xente vexa de onde sae a enerxía e que é un proceso moito máis complexo do que parece. Pero non tratamos de demonizar nin unha nin outra, senón que a xente coñeza e provocar reflexións. Non é iso o malo e isto o bo. Dicir branco ou negro sería ocultar a realidade. Estamos no gris. O que intentamos nós e promover o aforro e a eficiencia enerxética, que é o que vai facer que esa cheminea fumee menos e que haxa instalados menos aeroxeradores.

Se estamos no gris, non poderíamos vivir no futuro só das enerxías renovables?
Ao traballar aquí quizais teña ideas de Quixote, pero gustaríame pensar que si. Pero o que si podemos facer é consumir a metade do que estamos a consumir sen cambiar a nosa calidade de vida.

E a xente está concienciada ou queda moito por facer?
Temos moita información, non excesivamente ordenada e sesgada, o que crea conflitos que non conseguimos dirimir. Queda moito que facer, pero en tódolos aspectos e non só no mundo infantil, que é onde se está a facer máis fincapé. Necesitamos información destinada a tódalas idades para que rememos na mesma dirección.

Un dos problemas das renovables é a dificultade da súa xestión e previsión porque, por exemplo, non sempre hai vento. O proxecto de acumulación de hidróxeno, único en Europa, é a solución?
Non sei se solución, pero este proxecto podería provocar unha maior facilidade de xestión da enerxía eólica. Prevemos o que producimos diariamente e se hai erros correxímolo co hidróxeno. É dicir, se producimos máis da que temos calculada acumulámola en hidróxeno e se producimos menos convertemos o hidróxeno. O proceso de acumulación faise cun electrolizador que separa o osíxeno, que manda o aire, do hidróxeno, que gardamos.

Apostan pola diversificación e xa realizaron probas con biomasa.
Si. Fixemos un ensaio demostración coa Universidade de Santiago no que realizamos diferentes cultivos para comprobar a súa viabilidade térmica.

Se lle preguntan cal será a enerxía do futuro, con cal se quedaría?
Non me quedaría con ningunha. Creo nun futuro no que haberá unha tremenda diversificación das fontes enerxéticas, un mix. En Galicia probablemente pasará pola biomasa, debido á riqueza forestal dos nosos bosques, combinada coas outras renovables e co apoio dalgunha convencional. A eólica e a hidráulica xa son moi importantes en Galicia, a xeotérmica apenas se utiliza excepto nalgúns lugares de Ourense, e a solar e a mariña seguirán desenvolvéndose.

Na súa opinión, cal é a situación de Terra Chá no uso das enerxías renovables?
Respecto á produción, a comarca da Terra Chá está ben posicionada. Hai un repunte en instalacións e, mediante a observación, cada día se ven máis placas instaladas en edificios particulares, que demostra que está en aumento.

Que lle aconsellaría a unha persoa para que aforre enerxía?
O cambio de tódalas lámpadas polas de baixo consumo e a boa utilización dos aparatos eléctricos. O consumo sen uso (apagados dende o mando) dos aparatos de EE.UU e Xapón equivalen ó consumo de toda Suramérica. E outra cousa fundamental é a utilización responsable do coche. O 45% dos desprazamentos son de menos de tres quilómetros e un 10% destes son de menos de 500 metros e o automóbil é o responsable do 27% da enerxía consumida en España. Facer estas cousas, que non custan nada, achega vantaxes económicas e de saúde. Aquí facemos cursos de condución eficiente gratuítos que demostran que podemos aforrar un 15% do combustible.

Todo un exemplo de eficiencia será a casa bioclimática, non?
É unha resposta á demanda dos visitantes. Hai moitas instalacións reais pero moi industriais e non as vían cercanas. Con ela, que estará a punto no verán, queremos amosar que a eficiencia e o aforro enerxético comezan na propia construción: orientala ben, illala, colocar as fiestras... Ademais ímola dotar de elementos enerxéticos para que vexan as posibilidades que teñen ó seu alcance.

Comentarios