De preto: "A miña primeira exposición foi hai 35 anos no Fardela. Teño un bo recordo, pero lonxano"

Manuel Carballeira: "A arte é infinita, outra cousa é o gusto de quen observa unha obra"

O pintor chairego Manuel Carballeira vive dende hai tempo da súa arte e aínda que recoñece que a situación actual é complicada anima a todo aquel que queira coller os pinceis a intentalo porque, di, "vivir do que a un lle gusta é o que máis se pode desfrutar na vida"
Manuel Carballeira
photo_camera Manuel Carballeira

Afincado en Valdoviño dende hai varios anos, Manuel Carballeira, un cospeitense nado na parroquia de Sistallo, vén de inaugurar unha mostra pictórica na sala de exposicións do Mercado Vello pontés, que estará aberta ao público ata o 27 deste mes e poderá visitarse de luns a venres, en horario de 18.30 a 20.00 horas, e os sábados de 12.00 a 13.30.

Que se atopará o visitante na mostra?

Unha selección de cadros pintados nos últimos anos, nos que a temá- tica é moi variada, dende paisaxe ata figura e cunha ampla gama de cores, onde están reflectidos diferentes lugares da nosa comunidade.

Que intenta transmitir coa súa pintura?

Intento transmitir a miña maneira de ver o que nos rodea, o contexto no que estamos inmersos, na máxima extensión da palabra, ao meu estilo, e entender facendo unha interpretación libre e persoal.

Un artista pode vivir das súas obras actualmente? Como afecta a crise?

Hai que traballar moito e intentar superarse día a día, a constancia é unha máxima requerida, ao igual que en calquera outro traballo. A crise económica afecta como noutros eidos, xerando unha forte competencia que te obriga a superarte, entendendo isto como algo positivo.

Dá clases de pintura na Casa da Xuventude de Vilalba. Desde cando e que intenta ensinar aos seus alumnos?

Hai sobre uns 15 anos que colaboro coa Casa da Xuventude de Vilalba na actividade de pintura, e neste tempo creo que contribuín a que as persoas que por alí pasaron adquiran outra visión e coñecementos que lles sirvan para aplicar tanto no eido laboral como no persoal. De feito, algunhas destas persoas adícanse a día de hoxe ás artes plásticas.

É máis importante fomentar a creatividade que un resultado final perfecto?

Ao meu entender, a creatividade é un dos piares básicos na pintura, a perfección só existe como palabra. Durante anos traballou nunha empresa que se adicaba ao deseño gráfico e industrial.

É moi diferente ao traballo no lenzo?

O traballo nesta empresa en concreto non era tan distinto porque requería da creatividade, porén, a forma de traballar é diferente e o resultado final pódese aplicar en calquera material que poidas imaxinar.Tamén traballou nun proxecto de debuxos animados para a televisión.

Como foi a experiencia de dar vida ás súas creacións?

Foi un proxecto único, no que tiven a sorte de traballar co meu mestre Oitabén, no que foi o primeiro proxecto de debuxos animados en Galicia a finais dos anos 80. Supuxo unha nova aprendizaxe e outro xeito de facer as cousas. Na súa pintura utiliza moito o óleo.

Que ten que non teñan outras técnicas pictóricas? 

O óleo foi case co primeiro que aprendín a traballar. É o material que máis perdura no tempo, polas súas características, o que non quere dicir que outros materiais cos que traballo —acrílico, pastel, acuarela, plumiña— deixen de ter a mesma importancia porque non é o continente o que cualifica a obra senón o contido.

Como definiría a súa obra?

Como arte figurativa, que non esixe esforzo para entendela. Cando vemos unha paisaxe, un retrato, unha natureza morta... enténdese inmediatamente a mensaxe que se quere transmitir. Non pasa o mesmo as veces na arte moderna.

Cre que na arte serve todo?

A arte é infinita, e polo tanto todas as posibilidades son factibles, outra cousa é o parecer e gusto de quen observa unha obra. Como no resto da pintura, inflúen varios factores que determinan a calidade da obra.

Que é o máis difícil para un artista hoxe en día. Vender obras ou encontrar espazos para poder expoñer?

Evidentemente vender é moi complicado no momento que estamos a vivir. Por outro lado, o xeito de expoñer ten máis variantes xa que a través das novas tecnoloxías pódese chegar a moito máis público, ao tempo que cambiou o xeito de expoñer, agora achégase a arte á xente a través de espazos que antes non se usaban con este fin.

Ten un blog no que mostra parte da súa obra. Internet é unha fiestra ao mundo? Que papel xoga actualmente no mundo do arte?

É un medio que nos abre ao mundo, sen límites. Que a túa obra poida ser vista ou valorada noutros puntos do planeta é un gran avance. Tal e como está a situación, que lle diría a alguén que soña con ser pintor, que se lance ou que repense o futuro? Vivir do que a un lle gusta é o que máis se pode desfrutar na vida, polo menos débese intentar.

Comentarios