Manuel Botana: ''O teatro galego montou obras espesas durante moitos anos''

Manuel Botana sabe que unha boa parte do éxito dun artista reside na súa capacidade para vender a súa obra. Yasmina Reza levou a idea ao extremo para escribir Arte. Esa obra é representada por Botana e o resto de Fulano, Mengano e Citano este xoves na Mostra de Teatro Galego de Lugo. A peza Arte fala do xeito en que a compra dun cadro en branco por 60.000 euros por parte de Serxio afecta á súa amizade con Marcos (Manuel Botana) e o indiferente e conciliador Iván.

Unha decisión tan persoal como a compra dun cadro pon en cuestión unha amizade.
Si, por culpa dese elemento descobren cousas que non lles gustaban deles e bótanse en cara cousas.

A máis da amizade, a obra cuestiona o xeito no que se vende a arte.
Marcos di que o cadro en branco é merda, que é un timo, pero non dá un motivo. Serxio, que é un entendido en arte, argumenta as razóns polas que mercou o cadro.

Supoño que a montaxe para contar esta historia será sobria.
Si, a autora indica na obra que a montaxe debe ser o máis sinxela posible. Hai tres casas diferentes que se diferencian por ter cadros diferentes.

Buscan resaltar os personaxes?
O público debe estar pendente dos personaxes, que son os que falan e critican. Realmente é unha obra de texto, non ten alardes.

Esas características inclináronos por montar Arte?
A obra gustounos e tiña as nosas características. É a primeira vez que non montamos unha peza escrita por nós.

Si, son tres homes...
Yasmina Reza indica que Arte non pode ser representada por mulleres.

Será polo xeito masculino de comunicarse, que é menos transparente?
Non sei a razón.

Levan xuntos quince anos, pero é a primeira vez que actúan en Lugo.
Si, actuamos en localidades da provincia, pero nunca en Lugo capital.

O teatro galego non sobra nesta cidade.
Nalgunhas cidades pasa que se programa pouco teatro galego. Pero pouco a pouco vai gañando terreo. Tamén é certo que durante moitos anos montáronse obras moi espesas, moi de texto rebuscado que non atraen ao público. A xente tamén quere ir ao teatro para divertirse.

Vostedes tamén usan o humor nas súas pezas orixinais. Por que as escriben vostedes mesmos?
Escribimos nós porque temos un xeito particular de facer humor intelixente, que non é soez nin chabacano. Sempre criticamos cousas que acontecen en Galicia.

Volverán traballar cun texto de seu.
Si, Nunca menos. Será un repaso ácido á Historia de Galicia, dende os celtas ata a actualidade.

Comentarios