PERFIL

"Promocionamos a comarca da Ribeira Sacra en España a través do voleibol", di Martínez

Estudei Inef durante catro anos en Madrid. Especialiceime en ximnasia deportiva e en fútbol, práctica na que iniciei a miña etapa coma adestrador. No 1987 axudei a fundar o clube de voleibol A Pinguela, unha disciplina que non era a miña nun principio e que me deu moitas alegrías. Durante moito tempo mantivémonos na elite, na Superliga feminina
Manolo Martínez, adestrador do CV Ribeira Sacra e profesor de Educación Física
photo_camera Manolo Martínez, adestrador do CV Ribeira Sacra e profesor de Educación Física

A VIDA DE Manolo Martínez non se entende sen o deporte. Son moitos anos de traxectoria coma adestrador e profesor de Educación Física. Xa deixou as aulas, pero anda de volta polos bancos como parte do corpo técnico do Ribeira Sacra.

Fálenos un pouco de Manolo Martínez coma adestrador de fútbol.
Vivín unha primeira etapa de catro anos no Chantada, na que estivemos a piques de ascender de Preferente a Terceira. Logo marchei ao filial do Lemos, onde sacamos moitos xogadores interesantes. Co Taboada subimos a Primeira Autonómica e adestrei un tempo ao Calasancio en Liga Galega.

Por que o deixou?
Porque non tardei en comprobar que o fútbol non era o meu lugar e iso que sempre o practiquei. No seu día ata tiven que escoller entre marchar estudar a Madrid ou fichar pola Segoviana. Tiña un bo medio de vida e chegou un punto en que non estaba disposto a aturar un domingo tras outro a mala educación e as actuacións tan violentas de moita xente. O fútbol gústame moito coma xogo, pero non o que o rodea. A nivel profesional parécenme unha esaxeración os salarios que se manexan, sobre todo tendo en conta que é o deporte no que menos se adestra. Pásase iso por riba da cultura, que para min está por diante de todo.

"Deixei o fútbol porque non tardei en comprobar que non era o meu lugar e iso que sempre o practiquei"

Como foi a súa etapa en Chantada coma docente?
O instituto Lama das Quendas foi o meu primeiro destino coma profesor. Alí estiven oito anos moi intensos. Deixei moi boas amizades en Chantada. Naquela época tivemos equipos de fútbol sala, atletismo, campo a través ou balonmán, con moi bos resultados nalgúns casos. No balonmán, por exemplo, conformamos un grupo que foi dúas veces campión de Galicia e participou nun campionato de España. Era un bo equipo, que contribuiu a que en Lugo houbera daquela un bo nivel en balonmán. O valor deste deporte na provincia caeu en picado.

Pero polo que vostede é coñecido especialmente é polo voleibol.
Pois non era o meu deporte. Cando viñen a Monforte despois de aprobar as oposicións comecei a adestrar a un grupo de nenas no instituto Río Cabe. Logramos o subcampionato de Galicia e iso animounos a seguir. Eu xa tiña o primeiro nivel de adestrador de voleibol convalidado coa carreira, así que tiven que sacar o segundo e o terceiro. Neste último asistín a un curso moi bonito. Déronme clase Pepe Díaz, con moi boas nocións sobre como levar equipos, ou Gilberto Herrera, que foi seleccionador nacional de voleibol nos Xogos Olímpicos de Barcelona.

A partir de aí veu a etapa co clube A Pinguela.
Fundámolo no 1987. Os comezos foron duros, porque non había moito para traballar. No noso segundo ano sacamos un equipo sénior en Segunda e logo de dúas tempadas logramos o ascenso á Superliga. Adestrei ao equipo nove campañas consecutivas. Despois tiven que deixalo por cuestións persoais. Volvín espontáneamente, cando A Pinguela tiña dificultades. Comigo sempre se foi mantendo.

Sobre o futuro do voleibol en Monforte: "Desexo que volva a cordura e formemos un único clube con gran capacidade para ter equipos en cada categoría e ir a campionatos de España"

Como foi posible que Monforte mantivera un equipo na elite do voleibol tanto tempo?
Foi difícil porque esta é unha cidade pequena e non hai universidade, así que moitas rapazas marchaban cando cumprían os 18. Ou deixaban o voleibol ou fichaban por outro clube. Pero había unha enorme afección e unha directiva moi comprometida. O ano que subimos trouxemos a dúas xogadoras que estiveran no Emevé, Susana Cortegoso e Cris Lage, e a dúas extranxeiras, a internacional venezolana Yoraxy Meleán e a rusa Ana Komarova, que nos deron un plus na promoción. O día do ascenso non se cabía no pavillón, foi marabilloso. Unha vez chegamos á Superliga seguíamos traendo xogadoras de fóra, pero comprometéndose a que tiñan que adestrar a un equipo das escolas deportivas de Monforte para manter unha boa base. Entre elas e as de aquí que se estudaban fóra e exercitábanse durante a semana con outras entidades formábamos o equipo.

Que balance fai desa etapa?
Moi positivo. Levamos o nome de Monforte por toda España. A través do voleibol axudamos a promocionar a Ribeira Sacra.

Como ve actualmente o voleibol en Monforte?
Baixou o nivel. Desexo que volva a cordura e formemos un único clube con gran capacidade para ter equipos en cada categoría e ir a campionatos de España. Penso que ese sería o camiño para recuperarse. Volvín porque Verónica Contreras me pediu axuda. O noso equipo estaba en perigo, viñan a buscar as nosas xogadoras.

Comentarios