Maneiras de facer política

NON ME cansarei de repetir, nestes tempos en que a política e os políticos espertan desconfianza e rexeitamento, que dedicarse á cousa pública é un oficio nobre. Mais a afirmación é discutíbel se non se lle engade esta condicional: «se se fai nobremente».

Para exercer a política nobremente o primeiro é ser persoa e ter vocación de servizo. A ser persoa non se aprende na universidade. Coñezo homes e mulleres eruditos, multititulados, que non alcanzan ese rango e resultan nefastos para a causa que pretenden defender. Outros coñezo, case analfabetos, posuidores de gran sabedoría, a dignificar a súa tarefa. Porén, un certo nivel agradécese e nunca está de máis. En todo caso, nin o saber nin a ignorancia xustifican a mala uva e, moito menos, a perversión dos obxectivos.

Porque sucede con demasiada frecuencia que se confunden rivais políticos con inimigos e, como se dunha guerra se tratase, o programa de goberno vén ser a destrución e ataque sistemático ao que fixeron ou propoñen quen os precederon no cargo. Non se analizan a conveniencia ou non das medidas, a xustiza ou parcialidade das decisións, a dilapidación duns cartos que son de todos: importa retribuír o ego dalgúns votantes e, asemade, practicar a vinganza. Entenderán que iso é a democracia, pero erran. Quen gaña e se vinga, non merece gañar.

Isto acontece a nivel estatal, autonómico e municipal; pero é neste último ámbito onde se percibe con maior clareza por se tratar da que poderiamos chamar política ‘de proximidade ’. Por iso estes días venme á memoria Emilio Sinde, o que fora alcalde de Castro de Rei de 1963 a 1983, no franquismo e na democracia polo tanto. Era un home bo e culto que empregaba o diálogo para conseguir todo o que era de proveito para o pobo. Non o imaxino valéndose das forzas de orde pública para reprimir protestas pacíficas. Tampouco existirían estas protestas porque respondería ás alegacións dos veciños e, imparcialmente, buscaría a mellor solución e procuraría o consenso.

Malia sentirme implicada no acontecer político, cunhas ideas e unha militancia que non disimulo, endexamais pensei en formar parte dunha lista electoral; aínda así, posta a fabular con algo que non acontecerá nunca, de ser alcaldesa, non querería pasar á historia por dividir aos veciños, senón por xuntalos na común tarefa de facer un concello máis habitábel. Iso daría a miña medida e non precisaría outro recoñecemento que o de vivir na memoria agradecida da xente. E, desde logo, faría o firme propósito de non me deixar aconsellar polo resentimento. Así o penso, así o digo, e quen teña oídos para oír, que oia.

Comentarios