Mamotretos

Unha terra fascinada pola creatividade en todos os seus aspectos non pode deixar pasar o tren da arquitectura-espectáculo sen subir a el. E Galicia, grazas a aquel visionario chamado Manuel Fraga, tivo a súa Cidade da Cultura. Non vai ser doado baixar o mamotreto de Peter Eisenman do alto do podio da nosa arquitectura contemporánea.  Visto o estado do erario público, tampouco é conveniente. Entrevistando a Eisenman nunha CdC aínda en obras, a dúbida que quedou no aire foi como o ego do americano collía naquela orxía espacial; é o que teñen os arquitectos-espectáculo. A posteriori, todo o xurdido do Gaiás para abaixo foron fillos pequenos, copias pálidas, incluído o novísimo Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL). Por fin en Lugo unha síntese limpa e clara do que é a arquitectura-espectáculo: unha parte á vista que se esgota na función decorativa e conduce á zona útil, humildemente subterránea. A exposición permanente é unha mestura arbitraria de pezas históricas, vídeos que soan en polifonía e maquetas urbanas tan “interactivas” como para que unha presión dixital active luces e rótulos de rúas. Ao final está o diploma mundial da Muralla co monte de xornais que recolleron o fito histórico. A nivel de exposición escolar, o resultado é moi aceptable. O custo declarado do edificio (custo de obra) foi de 10 millóns. Os criterios de musealización son un misterio que quizais algún espectador saiba desvelar; non é o meu caso. A incompetencia entre nós ten rango de fenómeno natural. E tan contentos

Comentarios