Máis que indignado, decepcionado

ESTÁ o país case en bancarrota. Aquí debe todo o mundo; familias, concellos, autonomías, goberno, universidades e equipos de fútbol. Imos tirando porque seguimos a pedir cartos prestados, si non me equivoco, ao gran capital, á banca internacional ou aos chamados ‘mercados’. O debate que concluíu esta semana coa aprobación dun límite de gasto deixou a moita xente preocupada, porque se teñen dito e feito bastantes disparates. Chegouse a argumentar que a reforma constitucional era antidemocrática, por non se ter convocado un referendum, malia o feito de que se atén ao pé da letra ao que dicta a propia Constitución. Quíxosenos vender que España deu unha lección de responsabilidade e a miña impresión e case a contraria. Se queriamos parecernos a esa Europa responsable, que sabe organizarse para construír unha sociedade moderna e avanzada, fracasamos, e a proba é que a prima de risco continuou subindo. Os que se opuxeron á reforma desde a esquerda baseábanse en que, ao limitar o teito da débeda estabamos doblegándonos ante o gran capital estranxeiro. Así que estes sectores, nos que se inclúe tamén a sindicatos e indignados, acaban recoñecendo que a garantía do noso estado de benestar, e a vacuna contra os recortes sociais, reside nin máis nin menos en seguir pedindo diariamente millóns de euros aos mesmos banqueiros aos que se presenta como chupasangues, axiña que piden que se lles devolvan os préstamos cos correspondentes intereses. Tampouco quedan moi ben os entusiasmados coa reforma. Rajoy atreveuse a declarar que a propuxo xa hai un ano, dando a entender que si existise esa norma, o seu propio partido non se tería embarcado en débedas tan elevadas como as do concello de Madrid ou comunidades como Valencia ou Murcia, onde pedir préstamos elevouse á categoría de relixión. Non é suficiente agora con mandar á señora Cospedal que limpe cunha fregona o charco que deixa o socialismo manchego, creando así un icono da austeridade que faga esquecer ao electorado as propias culpas.

Só queda por engadir que esta reforma foi o último gran empeño político de Zapatero. Que el queira velo como un triunfo é máis que irónico, pois é o capítulo final do seu fracaso. Algún día saberemos se realmente o presidente cría todo o que nos foi dicindo durante a xestión da crise ou se detrás das súas manobras estaba un home intelixente que sabía, desde o primeiro día, como estaba realmente a situación e nos tiña enganados. Viena e Helsinki acaban de ser elixidas como as mellores capitais de Europa para vivir. Nestas circunstancias un chega pensar a sorte que é ser austríaco ou finlandés. É algo así como envexa.

Comentarios