Mais Madeira

AS IMAXES DA CATÁSTROFE EN MADEIRA causan impacto. Xunto coas Canarias, esta illa proxecta unha imaxe idílica, gracias a un clima que ven a ser unha bendición pois disfruta dunha perpétua primavera ou suave verán que atrae aos europeos do norte, aterecidos polos oscuros invernos. Ambos arquipélagos están próximos a África, pero a súa poboación síntese europea. Proximamente irei a Madeira, invitado pola súa universidade a participar nun ciclo de conferencias sobre territorios insulares. Estes poden parecer lugares como calquer outro pero, de feito, son mui particulares. Se ben todos soñamos algunha vez con asentarnos nunha illa, a ser posible deserta, o certo é que, como lle ocorreu a Robinson, atoparíamos moitos problemas, comezando pola supervivencia. Nomeadamente, durante séculos as illas Atlánticas foron fonte inagotable de emigrantes que buscaron, maiormente nas Américas, un futuro mellor. O caso das Azores é emblemático, nos últimos trinta anos case a terceira parte da poboación marchou a Estados Unidos ou Canadá, donde existen centos de milleiros de persoas de esta orixe, moitos máis dos apenas douscentos mil que quedaron na casa; o caso da emigración Canaria, sobre todo a Venezuela, é tamén ben coñecido. A organización política tamén é complexa. Nin en Madeira, Azores ou Canarias chegaron a enraizar movementos independentistas, interesados como están en vencellarse a Europa, pero hai un permanente sentimento de olvido e agravio que se veu a compensar, tanto por parte de España como da centralista Portugal con estatutos de autonomía. Outro caso distinto é, no outro lado do océano, o das illas caribeñas. Aparte dos casos ben coñecidos, como Cuba, Haití ou Santo Domingo, hai outros pequenos países, que recorren o mapa desde Xamaica ata Trinidad; a maioría foron colonias británicas. Cando chegou a fin do Imperio en Londres non sabían que facer con elas. Probaron a facer unha federación pero as liortas e localismos fixérona inviable. Finalmente, nos anos setenta e oitenta foron acadando a independencia. Agora teñen bandeira e himno propios pero, como ocorre nos pequenos concellos do rural galego, apenas teñen cartos para pagar os recibos. Son países pobres, donde a agricultura, noutros tempos principal fonte de sustento, entrou en declive, xa que sobra produción e falta mercado. Menos mal que disfrutan dunha paisaxe espectacular e un clima privilexiado. Porén, de cando en vez, esa mesma natureza cobra unha peaxe en forma de furacáns ou ciclóns. Algúns, como estamos a vivir, chegan ata Galicia, pero por duro que nos embistan, consolámosnos pensando que estamos ancorados a unha terra máis firme.

Comentarios