Más grande que la vida

Un retrato de Churchill. ep
photo_camera Un retrato de Churchill. ep

Existe unha expresión en inglés que fai referencia ao tamaño mítico de certos persoeiros. Dise que son «larger than life», ou sexa, máis grandes cá vida mesma. Non hai moitos destes, e a tarefa de afrontar as súas biografías é normalmente titánica... ou sisífica, dado que nunca se remata de conducir ata o cumio a pedra dos detalles. Por fortuna, aqueles que acometen a tarefa, alomenos, deixan acabar a vida do biografado denantes de sacar o incensario, non coma algúns autores españois e/ou hispanistas, que por exemplo xa sacaron algunhas biografías da súa exmaxestade campechana que agora non valen practicamente para nada. Admítense apostas sobre cando aparecerá a primeira autorizada da súa preparada e nova maxestade, que supoño nos rescatará da crise e nos dará paz e prosperidade durante outros corenta anos -como xa sei o final da historia, non sei se poñerme eu a iso-.

Se hai un persoeiro británico biografado ata a saciedade e ao que lle acaia mellor a expresión citada, este é Winston Churchill. Reedita agora a editorial Península o perfil que lle dedicou Roy Jenkins nun só tomo, moi groso e malia todo do máis curto e sinxelo á hora de acceder ao heroe da Segunda Guerra Mundial. Sendo Churchill un home que nunca se caracterizou pola contención e que deixou polo tanto centos de miles de documentos espallados polo mundo adiante, os seus biógrafos, comezando polo seu propio fillo, sempre tiveron tarefas practicamente interminabeis. De feito, a biografía que agora mesmo se pode considerar de referencia no mundo anglosaxón, ‘The last lion’, acabou coa vida do seu autor, William Manchester, denantes de que chegase a rematala, e só Paul Reid a completou no ano 2012... vintenove anos despois de que o autor orixinal a iniciase.

Roy Jenkins non é un biógrafo ao uso. Para comezar, nin sequera era (faleceu no 2003, pouco despois de publicarse o orixinal da obra) historiador ou humanista, senón político do Partido Laborista. De feito, ocupou dous cargos ministeriais de enorme importancia nos sesenta e os setenta, como foron os ministerios de Interior e Facenda. A mediados dos anos sesenta deu comezo a unha serie de biografías dos primeiros ministros británicos do comezo do XX, culminada a nivel de premios coa de Gladstone e que fixo parada entre outros en Asquith, para que vostedes se centren, o bisavó da actriz Helena Bonham Carter. A de Churchill era o clímax desta serie e como tal, non pode rematar de lerse sen coñecer alomenos un chisco do contexto británico dacabalo entre a época vitoriana e a eduardiana.

Onte cumpríronse setenta anos do desembarco de Normandía. A Segunda Guerra Mundial foi un acontecemento tan enorme que mesmo é quen de reducir a biografía do estadista máis lonxevo da Europa occidental contemporánea. Demasiados ollos, para comezar os meus e os de Jenkins, se centran en Churchill nese conflicto, cando en 1898 estivo preto de Fachoda, en 1915 fracasou con Gallipoli e anos despois, en 1951, aínda foi quen de vencer nunhas elecións, recobrando o sillón que perdera namentres aínda era o grande líder británico na guerra. A victoria de Clement Attlee nos sufraxios de 1945, magnificamente relatada por un Jenkins que a viviu en primeira persoa, seguiría resultando para o non británico un enigma de non mediar descricións xeniais coma a do autor.

Non hai cousa peor nun libro deste tipo que convertelo nunha haxiografía, e Jenkins conseguiu non facelo: os excesos de Churchill coa bebida e o xogo, os seus dispendios económicos, a súa arbitrariedade con asesores como Lindemann, conviven co seu xenio militar, o seu intelecto e a súa desbordante capacidade retórica. Tamén acada o autor o difícil logro de introducir unha cantidade axustada de fragmentos de cartas e outros documentos, que ilustran sen abafar e ademais ofrecen o extra de retratar a outros personaxes fundamentais, como Chamberlain ou Eden. Agora que os políticos e estadistas autóctonos están en perigo de extinguirse, nada mellor que buscar referentes nun dos berces da democracia.

CHURCHILL, Roy Jenkins. Editorial Península. Páxinas 1.130 Prezo 29,90 €

(Publicado na edición impresa o 7 de xuño de 2014)

Comentarios