lunes. 29.11.2021 |
El tiempo
lunes. 29.11.2021
El tiempo

Maiores máis que activos

Asistentes a unha charla promovida por Venconnós que impartiu o mestre e creador Daniel Díaz Trigo
Asistentes a unha charla promovida por Venconnós que impartiu o mestre e creador Daniel Díaz Trigo
O grupo Venconnós naceu en Castro hai un lustro co propósito de promover iniciativas para animar aos veciños «a saír da casa»

Unha conversa casual entre Lolita de Barreiras, que quería idear algo para xuntar a xente xubilada e facela saír da casa, e Pedro Díaz deu pé ao grupo de maiores Venconnós, que un lustro despois daquel diálogo mantén unha programación de actividades fixa na que participan un mínimo de 20 persoas.

«Había catro ou cinco que saían pasear todos os días e empezamos por aí, pero foi cambiando a cousa», lembra Pedro Díaz, un dos impulsores dun proxecto colectivo que aínda segue a facer camiñadas, pero que tamén soupo diversificar e ampliar as súas propostas.

Así, veñen de estrearse no mundo das charlas, cunha do mestre e creador Daniel Díaz Trigo, una idea que tivo boa acollida, polo que xa pensan en repetir, unindo esta iniciativa á súa programación estable, da que forman parte as clases de memoria e de ximnasia.

Venconnós promove todas as semanas clases de ximnasia e de memoria e organiza camiñadas e dúas excursións cada ano

Todos os luns ás 18.00 horas, o propio Pedro, que foi profesor de ximnasia, encárgase de coordinar esta actividade, posta en marcha nos inicios do grupo e na que os ao redor de 25 asistentes semanais fan xogos, exercicios para mover as articulacións ou estiramentos sinxelos.

E se os luns se traballa a parte física, os xoves á mesma hora toca exercitar a mente nas clases de memoria das que se encarga de coordinar de xeito voluntario Ángeles López Freire, ‘Marila’ e que están operativas dende hai dous anos con preto de 30 persoas que len autores en galego, escriben ou cantan.

O programa estable de iniciativas complétase con dúas excursións anuais dun día, unha no outono e outra na primavera, pensadas para coñecer Galicia. A última foi á Fonsagrada, coa participación de ao redor de medio cento de persoas, e a vindeira está por definir. Teñen varios destinos en mente, pero gustaríalles repetir a experiencia do ano pasado nas Rías Baixas, onde comeron nun barco, ampliando a proposta cun paseo polo mar.

«Fóra das viaxes, o que facemos non ten gasto ningún», resume Pedro, que incide en que estas actividades están abertas a todo aquel que queira sumarse. «O que queremos é que a xente saia, que non estea encerrada na casa», di, e pon como exemplo a súa propia experiencia: «Eu hai xente coa que nunca falara e agora somos amigos».

«Cada pouco aparece un novo», apunta Pedro sobre un grupo de maiores moi activo, no que a maioría son veciños de Castro, aínda que tamén conta con asistentes de lugares próximos como Bendia, Mondriz ou Matodoso.

Maiores máis que activos
Comentarios