Mafalda co Príncipe de Asturias

Por fin unha boa noticia. Veñen de conceder o Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades a un rapaz de 81 anos, Joaquín Salvador Lavado, Quino para os amigos. Moito tivo que esperar polo premio ao que chega cansado. Claro que Mafalda, a súa creación máis coñecida, xa é unha nena de 50 anos.

Ilustrador e humorista gráfico, ao longo de moitos anos na dura realidade arxentina desnudou implacable o cotiá inoculando sorrisos e reflexión co seu humor ácido é humano, tan fresco e iconoclasta que andaba o poder coa mosca detrás da orella e, ás veces dentro: tivo que exiliarse dun país só apto para cegos, mudos e xordos. O humor de Quino, debuxado con tinta corrosiva e chea de tenrura é así de serio, tanto que en 1973 anunciábase só para adultos.

E iso que Mafalda aposta pola mirada ao mundo desde a altura dos ollos desta nena e os seus amigos. As tiras de Quino alimentaron co seu humor intelixente varias xeracións, e néganse a envellecer porque a significación política e social, a filosofía, a ecoloxía e o pacifismo resisten o paso efémero das modas.

Mafalda é unha icona do mellor de nós mesmos, a nena inxenua, soñadora e descarada que algunha vez habitounos por dentro. A nena de dez anos cumpríu cincoenta pero segue a ter a mirada limpa e afiada sobre o mundo inhóspito dos adultos, sempre cos ollos abertos ao asombro, rabuñando nas feridas dunha realidade tan fea.

As tiras de Quino son así de intelixentes e irónicas, inconformistas e abradacadabrantes ao redor desta nena preguntona, que lle gustaría traballar na ONU porque lle preocupa a paz e os dereitos humanos. Só agora nos damos conta de que foi en 1973 cando deixou de publicalas. Menos mal, porque se Mafalda volverá ter dez anos decataríase de que o mundo máis que avanzar semella xirar en círculos cara a ningures. Iso sí con velocidade e smartphones.

A carón deste home notable, sentado na mesma altura intelectual e moral doutros premiados como Anne Leibovitz, Alain Touraine, Zygmunt Bauman, Jean Daniel ou Ryszard Kapuscinski, están Felipe e Manolito, Susanita, Miguelito, Libertad e Guille, a nai agobiada e o pai despistado, é dicir, case todo o arco humano. E Mafalda, claro, intelectual e concienciada, a loitadora pola igualdade e a liberación da muller, a nena idealista e utópica, preocupada, pesimista e curiosa.

Escoitará as palabras solemnes do Príncipe mentres se pregunta a que século pertence o ano 2014. Seguro que baixo o brazo leva Todo Mafalda para regalar a personaxes tan aburridos e importantes que terían que rabuñar nos faiados da memoria para atopar a mirada dun neno. Quino move a cabeza e sorrí mentres Mafalda está a piques de preguntar ao Príncipe: «coñeces a Saint-Exupéry? É que ti non te pareces ao Principiño».

Comentarios