Luz na longa noite

VISITAMOS en Santiago de Compostela, nos locais do benemérito Museo do Pobo Galego, a exposición ‘Un canto e unha luz na noite’, sobre o asociacionismo cultural en Galiza entre os anos 1961 e 1975. Tivemos oportunidade de asomarnos, de xeito didáctico e eficaz, a aqueles primeiros anos do activismo cultural que nós non coñecimos e, tamén, de contemplármonos no espello do período final do franquismo, no que si participamos. O labor de recolleita e sistematización do inxente material foi levado a cabo por Ricardo Gurriarán, baixo o patrocinio do Consello da Cultura e da Fundación 10 de marzo.

Unha boa parte do material exposto versa sobre as entidades primeiras, as asociaicións O Galo de Santiago e O Facho da Coruña, con actividade desde o inicio dos anos sesenta. De algún xeito cavaron un suco para as que logo viñeron, que foron moitas. En Vigo, Pontevedra, Ribadavia, na Rúa, en Viveiro, Ribadeo, Ourense, etc. As actividades son variadas e diversas, en función sobre todo do medio e as posibilidades que os propios lugares ofrecian, ainda que hai características comúns, sobre todo implicar a bastante xente nova no activismo cultural a prol do país. Nun dos paneis figura un retallo de prensa que recolle unha especie de texto programático de Ramón Piñeiro que publicou ‘La Noche’ nunha data temperá, 1963 e que divide os obxectivos en varios apartados, entre eles, lingua, economia e xuventude. Ainda que logo, a medida que o movimento asociativo medraba, comezaron a esgazarse varias ponlas que obedecian polo xeral á influencia ideolóxica dos partidos clandestinos, a influencia de Piñeiro foi determinante, utilizando dun xeito realmente eficaz a correspondencia postal como método de información e contacto, algo do que xa temos falado aquí.

A mostra, sen dúbida ha subscitar traballos sobre tan atractivo fenómeno, ainda que quizais estes deberían ampliar o período inxerindo os anos posteriores á dictadura, moi interesantes desde todos os pontos de vista tendo en conta os cambios de todo tipo que se produciron en Galiza: a reforma política, a legalización dos partidos e as primeiras eleccións, a Constitución e o Estatuto, as eleccións municipais. Foi a partir de 1975 cando o común denominador que unia ás asociacións -a loita contra a ditadura e a afirmación cultural galeguista, ainda que con matices-, eclosionou, e comezaron as actitudes sectarias, algunhas delas alén do puramente verbal. Co gallo dunha colaboración para o amplo e ilustrador catálogo da exposición, tivemos oportunidade de sinalar que eran tempos sen dúbida cheos de ilusión, pero cunhas alfas de totalidade abafante, na percura do monopolio cultural. Posiblemente se trataba dun trasunto das posicións políticas, ainda que co paso do tempo o fervor foi amainando. Mesmo chegou a callar unha Federación de Asociaicións Culturais Galegas. Co seu esvaecemento remataba unha etapa que debe ser complementaria da que agora tan ben mostra e ilustra esta exposición, de poético rubro.

Comentarios