miércoles. 03.06.2020 |
El tiempo
miércoles. 03.06.2020
El tiempo

Lutero e España

Cando un estuda Filoloxía Hispánica remata toupando dun ou doutro xeito con Erasmo e España, a obra mestra de Bataillon sobre a recepción de ideas erasmistas

Acceda a todos os contidos da última edición do suplemento 'Táboa Redonda'

CANDO UN estuda Filoloxía Hispánica remata toupando dun ou doutro xeito con Erasmo e España, a obra mestra de Bataillon sobre a recepción das heterodoxas ideas erasmistas na España imperial. O erudito francés recuperou para a nosa cultura o xenio de Rotterdam, pero ninguén estivo nunca en condicións de facer tal cousa con Martín Lutero, probabelmente o personaxe da historia universal menos coñecido en España. Por isto resulta de especial interese a tradución case que inmediata de Martín Lutero, renegado e profeta (Editorial Taurus), premiada biografía do reformador alemán escrita por Lyndal Roper, catedrática de Historia en Oxford.

O luteranismo pasou por dúas fases claramente diferenciadas na historia cultural. A primeira foi a de enfrontamento, dende a batalla de Mühlberg inmortalizada nas botellas de coñac ata a Historia dos heterodoxos españoles, de Menéndez Pelayo, tan desmesurada coma o intelecto do seu autor; a segunda a de ignorancia, unha vez que os protestantes deixaron de ser a principal ameaza para os católicos, substituídos polos liberais, os comunistas e o progreso en xeral.

Recoñezamos antes de continuar que Lutero non é un personaxe inspirador para o século XXI sempre que nos afastemos das haxiografías e nos acheguemos á ciencia, algo que evidentemente fai unha autora tan rigorosa coma Roper. Precisamente cara o final da súa biografía amósasenos a súa faciana máis intolerante: os ataques a amigos e un furioso antisemitismo ao que nin sequera lle faltan gráficas descricións escatolóxicas e demonolóxicas. Andamos estes días moi ocupados coa islamofobia e demais coitas e os ateos nisto levamos vantaxe: non temos que finxir tolerancia por ningunha relixión porque as consideramos todas malas por igual. Xa que logo, Lutero como personaxe relixioso non esperta máis nin menos simpatías ca Calvino, Pablo de Tarso ou Mani.

Dito isto, o percorrido inicial da Reforma, que podemos seguir da man de Lyndal Roper, si resulta unha aventura chea de paixón e controversias e nel podemos apreciar as virtudes do personaxe. Lutero ergueuse por noxo instintivo contra as institucións dunha igrexa romana corrupta, debateu cos maiores enxeños da Alemania da época sen ceder ante ningún -Johannes Eck en especial- e estableceu unha relación entre a persoa e a fe relixiosa coa que si pode sentirse identificado ata o irrelixioso, unha filosofía individualista da interpretación, que elimina mediacións e tivo como produto un fomento da lectura e a cultura nos países protestantes que xusto coincidiu co peche cultural dos países católicos tras a Contrarreforma tridentina.

Outro elemento que dificulta o coñecemento axeitado de Lutero é a tipoloxía das súas obras. Roper está especialmente hábil ao deterse e explicar unha grande cantidade de opúsculos e panfletos coas súas causas e consecuencias. A grande obra de Lutero non foi unha sistematización do seu pensamento —de feito, non creou unha igrexa de seu— como as Institucións de Calvino senón a tradución da Biblia e, en especial, no Novo Testamento, algo que só pode apreciar un verdadeiro especialista en alemán renacentista. Para a miña desgraza, non coñezo ningún -creo-.

Dirán vostedes que pasar un verán acompañado dun monxe agostiño do século XVI bastante impopular en España non é precisamente un plan ideal, pero pódolles asegurar que a obra de Lyndal Roper consegue dar vida á figura do grande reformador e enche un baleiro cultural no noso país grazas a unha prosa áxil e unha investigación rigorosa ao tempo que entretida, o que dá como resultado unha obra de grande importancia no terreo da biografía.

Lutero e España
Comentarios