Luisa Castro: ''Me parece una hipertrofia que los escritores tengan que defender la lengua''

O ARTIGO CO QUE LUISA CASTRO gañou o premio Puro Cora trata da convivencia das linguas, un asunto sobre o que ela reflexiona continuamente como persoa que se expresa en galego no cotío e que ten en castelán case que toda a súa produción literaria. A autora pretende que Galicia viva a convivencia de varios idiomas con tanta naturalidade coma ela.

PREGUNTA: O título do seu artigo, Providence, cadra co título dunha novela de Juan Francisco Ferré.
RESPOSTA: Si, de feito eu estaba con Juan Francisco eses días e el comentoume que ía sacar unha novela. Ambos os dous estabamos participando nun encontro organizado polo Departamento de Estudos Hispánicos da Brown University, que é unha das sete universidades más prestixiosas de Estados Unidos. De feito, unha das fillas de Emilio Botín estudou alí e el está moi implicado con esa institución a través do programa Universia, co que o Banco de Santander financia actividades como esa á que me convidaron.

P: En que consistiu a intervención que inspirou este artigo?
R: Eu fun dar unha charla sobre a miña narrativa e a miña poesía en relación co manexo do galego e o castelán. Eu falaba dende o punto de vista dunha persoa que escribe en dúas linguas, que ten unha de referencia literaria, o castelán, e outra de uso habitual, o galego. Contei como se interfiren e como escribindo en castelán son unha escritora galega, sendo unha escritora española no contexto universal.

P: Hai moitas persoas que discuten esa opinión...
R: Teño máis que ver con Celso Emilio Ferreiro ca con Juan Francisco Ferré. As miñas lecturas e a miña formación fan que sexa escritora galega. É interesante ver como se interfiren as tradicións. En moitos casos a lingua é secundaria. Hai autores que escriben en galego con máis referencias de autores españois ou franceses ca min, que non teñen a impronta popular na súa obra, que non dan importancia ao xeito no que a xente conta as cousas.

P: Algo que non lle acontece a vostede, que fai unha narrativa e unha poesía bastante coloquiais e mesmo autobiográficas.
R: Si, hai que falar de como a biografía particular inflúe no teu traballo. No meu caso sempre está presente nos temas que trato, pero logo a imaxinación ten as súas armas. A ficción ten que ter unha apoiatura na realidade porque senón, non é ficción. Non me interesa a literatura que non se sostén coa realidade, disfruto da literatura realista, mesmo da hiperrealista; por moito que fantasíes, hai un apoio na realidade. Un pouco como o que fai Coetzee... está arraigado na realidade directa e, a partir de aí, cada escritor ten a súa cociña.

P: Algúns dos seus personaxes son recoñecibles, persoas que pasaron pola súa vida.
R: Eu reparto entre a obra e a vida. Teño moi claros os feitos da miña vida e os feitos da fición, polo que eu non teño esa confusión. O lector pode tela, pero eu podo contar algo que me pasou e podo modificalo completamente. Con respecto á realidade que me pertence síntome libre de manipular en función do resultado que soamente se debe a lei da verdade e a verdade da literatura faise coa imaxinación.

P: En 'Providence', o artigo premiado, hai tamén apego á realidade?
R: Falar para un público que descoñece o que ti fas aclara moito do teu traballo porque tes que analizalo. Este artigo é unha reflexión a partir dese encontro. Eu faleilles aos estudantes da miña experiencia como escritora e eles preguntábanme por Rosalía, Otero Pedrayo ou Celso Emilio Ferreiro, tiñan máis interese polas fontes ca polas outras cousas.

P: En Galicia acontécelle ao revés, que lle preguntan pola súa lingua de escrita, non pola tradición da que sente que procede.
R: Pregúntome por que é tan difícil explicar iso que en Madrid ou en Barcelona entenden tan ben e que en Galicia hai poucas oportunidades de explicar... todos somos fillos da nosa tradición. No caso do galego é importante que estea normalizado e equiparado en categoría e estudos ao castelán. Cando haxa equilibrio non haberá a hipertrofia de que os escritores teñan que defender a lingua. Debería ser a sociedade quen a defenda porque é un ben común.

P: Sente vostede ese peso?
R: Hai que liberar aos escritores desa carga de defender a lingua, o escritor debe escribir e construír a súa obra, non manifestarse nin poñerse en pé de guerra porque  iso é politizar a túa opcion artística. O traballo dun artista non é mecánico, require moita enerxía, para, a maiores, exercer un labor social ou militante de algo que eu encontro pesadísimo e penso que non favorece nada á literatura. A literatura é unha arte máis, como a danza, que se expresa na lingua da creación. O feito de ser galego, castelán, inglés ou francés é secundario á hora de establecer literaturas nacionais porque os autores que pagan a pena son transnacionais, non poden estar no seu couto e telo valado para o seu uso, debe haber interferencias de culturas.

P: Como percibían os estudantes de Boston o bilingüísmo tendo a súa sociedade unha única lingua oficial?
R: En Estados Unidos a xente dos departamentos de estudos hispánicos son americanos co español como segunda lingua. Moitos deles son hispanos ou fillos de hispanos. É un perfil de estudantes que está afeito a manxearse en dúas  linguas. A maiores, o español é a primeira lingua estranxeira que están estudando os americanos e os hispanos están copando postos políticos.

P: Ese ascenso social non conleva que renuncien á súa lingua como aconteceu en Galicia?
R: Non, eles poñen en valor o español. Son moi militantes porque é a lingua que os une por riba de que veñen de países diferentes. O seu selo é o español antes que ser cubanos, portorriqueños ou costarricenses. Para eles é unha referencia de identidade e de presenza política. Permítelles ser unha comunidade unida e é un medio para medrar no reparto dos gobernos.

P: Existe unha reacción dos anglófonos?
R: Si, hai unha reacción dos máis conservadores, que están de uñas por este avance do español. Trátase dun problema de supremacía política porque as linguas non pelexan entre si, teñen avances naturais en función dos falantes que vaian tendo.

P: Ese panorama reprodúcese en Boston?
R: A sociedade de Boston é máis civilizada, máis europeizada. Están todos estudando español e a favor do seu avance porque o inglés non periga.

P: Vostede propón un equilibrio coma ese en 'Providence'.
R: A conclusión é que abandoar o cultivo da nosa lingua, a que nos formou e na que nos transmitiron o sentir e o escoitar. Eliminar iso aos rapaces é deixar ese campo a bravo. Non cultivalo é mermar capacidades de progreso, quitar algo que hai para ben e non para entorpecer. Axuda a mellorar no sentido de tolerancia e a apertura de saberse manexar en máis dun código. Non se poden formar nunha lingua e tomar outra de broma porque é un privilexio para unha sociedade ter dúas linguas ao mesmo nivel, debe ser un patrimonio de todos e querido por todos.

P: Percibe que todos os galegos ven a lingua como patrimonio seu?
R: Eu non dou receitas, cada un sente ao seu xeito. O galego é a miña lingua natural e non me trae conflito á hora de escribir en castelán porque o castelán tamén é o meu idioma. A xente que ten como lingua nai o castelán... o que eu diga non vale para nada para esa xente. Non me podo meter nos sentimentos de ninguén nin en como ninguén administre o seu patrimonio cultural. Eu estou moi agradecida por ter unha visión da literatura española e de ter estudado galego, aínda que estudei pouco, pero o suficiente para espertar o meu interese.

Comentarios