"A Terra Chá é o territorio da infancia. É unha comarca que asocio con beleza e liberdade"

Luís Valle: "Hai que potenciar o asociacionismo e as políticas culturais para darlle pulo á zona"

O escritor, artista plástico e xestor cultural Luís Valle, nacido en Lugo pero con raíces na parroquia de Moncelos, en Abadín, exercerá o vindeiro 1 de abril como pregoeiro da Mostra Exposición Muimenta (Moexmu), unha noticia que recibiu con moita «ilusión». As súas múltiples facetas profesionais estarán presentes no seu discurso, no que primará o sentimento e o cariño pola súa terra.
Luís Valle
photo_camera Luís Valle

VISITARÁ POR primeira vez a Moexmu e farao en calidade de pregoeiro. Luís Valle, nacido na capital lucense e con raíces na parroquia de Moncelos, en Abadín, avanza que preparará un discurso «sinxelo, claro e sentido» para dar o pistoletazo de saída, o vindeiro 1 de abril, a unha nova edición da mostra gandeira máis importante da volta. Este escritor, artista plástico e xestor cultural, espera gozar da experiencia, mentres anima á xente a acudir a esta cita, que partiu dun grupo de veciños dunha pequena vila e que xa se converteu na mellor carta de presentación dunha comarca que loita por manter vivo o sector gandeiro.

Como recibiu a noticia de ser o pregoeiro da Moexmu? Fíxolle especial ilusión?

Pois a verdade é que podo dicir que si me fixo ilusión. Trátase dunha mostra que se celebra a poucos quilómetros da miña casa paterna, na parroquia de Moncelos, en Abadín.

Que significa para vostede dar o discurso inaugural desta festa?

É unha honra. Bríndame a oportunidade de coñecer a Mostra Exposición Muimenta (Moexmu). E ademais, falarei para persoas que sinto próximas dunha comarca como é a Terra Chá.

"Hai unha serie de recursos patrimoniais e naturais que cómpre seleccionar e dar a coñecer"

Estivo algunha vez nesta feira con anterioridade?

A verdade é que non. Será a primeira vez que vaia.

Considera que eventos coma este axudan a dinamizar o rural?

Penso que si. É unha das citas feirais que reúne máis xente das que se celebran no contorno, nunha zona que, ademais, é das de maior peso agropecuario de toda Galicia. Bastante xente vai só a ver, pero tamén moita outra acode para facer negocios.

Escritor, artista plástico e xestor cultural. As súas facetas profesionais estarán presentes no discurso que lerá o vindeiro 1 de abril no recinto feiral Manuel Vila de Muimenta?

Seguro, non pode ser doutro xeito. Falarei desde a miña experiencia. Aínda non sei como vou enfocar o pregón, pero será algo sinxelo, claro e sentido.

De que xeito cre que se podería potenciar máis a nivel cultural esta zona?

Creo que non son a persoa máis apropiada para falar disto porque hai máis de dez anos que non traballo aquí e, polo tanto, descoñezo moitos factores importantes na actualidade. A cultura e o turismo son ámbitos distintos, pero nalgúns aspectos resultan complementarios.

Pero é un dos seus sectores de traballo. Algunha clave que poida axudar?

No eido cultural creo que potenciar o asociacionismo, o desenvolvemento das políticas culturais locais, unha planificación estratéxica e coordinada a nivel comarcal da oferta cultural e a profesionalización dos xestores e dos axentes culturais que xa coñecen e traballan nesta comarca sería bo. Trátase de que sexamos quen de descubrir o que necesitamos, o que queremos e como o podemos lograr. Por suposto, todo isto na práctica non é sinxelo.

E no turístico?

No ámbito turístico, máis ou menos acontece algo semellante. Hai experiencias mancomunais que foron funcionando e que quizais sería importante potenciar. Internamente, é moito máis importante colaborar que competir, tendo claro cales son as características, motivacións e espectativas das persoas que veñen á Terra Chá.

Recursos hai dabondo.

Iso é. Hai unha serie de recursos patrimoniais e naturais moi importantes que cómpre seleccionar e dar a coñecer axeitadamente nos foros correctos, como son o castro de Viladonga, Fonmiñá, a Lagoa de Cospeito, Penas de Rodas, os montes de Neda, o Xistral, etc. Todo isto, ademais, debe completarse cunha oferta hostaleira adecuada ás necesidades e aos gustos dos turistas, dos visitantes e dos peregrinos, o que tampouco é fácil.

"Considero que a Moexmu é unha das citas feirais máis importantes do contorno"

Das súas facetas profesionais, que son moitas, cal diría que é a que lle achega máis satisfaccións?

Non sabería dicir. Eu basicamente son un traballador da cultura, pero depende máis do equipo de traballo que do sector. Nalgún proxecto de consultoría de empresas de base tecnolóxica tiven a oportunidade de colaborar con persoas tremendamente brillantes coas que aprendín e desfrutei moitísimo. Logramos fitos como que unha App feita en Galicia, chamada Wob Lifestyle, fose a Nokia App Champion do 2012, ou chegase a ser finalista dos Mobile Premier Awards, un ano despois, no 2013.

Cre que a poesía é unha boa ferramenta de expresión?

Defendo que a poesía é esencial e imprescindible para poder apelidar a nosa vida como humana. Para min non se trata só dunha ferramenta, dun medio, é un fin en si mesma.

Os últimos anos traballou en distintos gabinetes do Goberno autonómico, en consellerías con competencias en cultura, educación e turismo. Que é o que lle gusta deste labor?

Hai moitas cousas boas que me gustan, pero se tivera que destacar unha soa diría que o mellor son as compañeiras coas que traballo diariamente, unhas persoas coas que me honro de colaborar pola súa calidade humana e a súa profesionalidade.

Ten en mente algunha meta ou proxecto de futuro?

Gustaríame seguir traballando no ámbito cultural, preferentemente en Galicia, e crear, pouco a pouco, unha obra poética sólida e honesta.

Comentarios