Luis Iglesia: "Aproveitamos esa arma mortífera, a retranca, para rirnos de todo"

A obra '‘Sede de mal'’ será este venres, ás 22.00 horas no centro sociocultural Manuel Gesto, o preludio da XXV Festa da Filloa de Muimenta
Luis Iglesia
photo_camera Luis Iglesia

Naceu en Riotorto, pero o actor Luís Iglesia ten sangue chairego. Seu pai é de Castro de Rei, onde saboreou as mellores filloas da súa vida quen lle prestou a súa cara e/ou a súa voz ao inesquecible Carmelo de ‘Matalobos’, a Emilio en ‘Pazo de Familia’ ou a outros moitos personaxes.

En que pensa se lle din filloas?

Nas que facía miña madriña Hortensia, na aira da casa dos avós de Prevesos, en Castro do Rei. As filloas de sangue máis saborosas que probei na vida.

Que supón ser os teloneiros desta festa, xurdida do impulso veciñal?

Sempre é unha honra participar en iniciativas veciñais polo que iso significa, o tesón e o empeño da xente por facer algo xuntos. E con moito sacrificio, porque o outro día atopeinos vendendo camisetas e promocionando a festa na Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto. E aínda por riba xogo na casa, que para min é especialmente importante, xa que non é doado prodigarse pola provincia de Lugo.

Que vai atopar o público? Que lle diría para que vaian vela?

Humor, diversión, e un pouco de reflexión ao son das guitarras. Rímonos moito de nós mesmos, e aproveitamos esa arma mortífera, a retranca, para rirnos de todo. E prometemos abrir outro tipo de apetitos, xa que a esas horas o de comer estará satisfeito.

De onde vén o título?

No espectáculo fálase da maldade dende o humor. ‘O ben está moi ben, pero o mal non está tan mal’. Isto en Galicia enténdese ben, baste recordar o de ‘Deus é bo, pero o Demo non é malo’. Máis vale ser malo ca ser peor. Ademais, coincide co titulo da película de Orson Welles e o outro gran tema é o mundo do cine e da televisión.

Como xorde este proxecto?

Xabier Deive e eu traballamos xuntos en ‘Matalobos’ e en ‘Gaivotas subterráneas’, un espectáculo teatral que nos deu moitas alegrías. Pensamos en facer algo de humor, e o primeiro paso foi agasallar aos nosos seguidores de ‘Matalobos’, nunha das xuntanzas de fans da serie, con algunhas das ideas e cancións que logo conformarían o espectáculo. A partir de aí...

Levan xa moito percorrido, ‘Sede de mal’ ten data de caducidade?

Setenta e pico funcións, que non está nada mal! Caducidade? Teremos que mirar no fondo do envase (risas). Nós non lla temos posta e espero que o público tarde en poñerlla.

"Sempre é unha honra sumarse a iniciativas veciñais polo que significa, o tesón e o empeño por facer algo xuntos"

Que proxectos ten en carteira?

Seguramente rodar máis capítulos de ‘Pazo de familia’, que tan boa acollida está tendo; as galas que saían coa Gallaecia Big Band; e seguirei no mundo dos monólogos, posiblemente para setembro nas ‘Noites de retranca’. E no entanto, todo o que vaia xurdindo.

Se tivese que escoller, decantaríase polo teatro ou polo audiovisual? Que lle achega cada medio?

Engadiría a dobraxe á que tan agradecido lle estou, á que lle adiquei tantos anos e esforzos, e a música, na que me permitiron meter o fociño hai algún tempo. Cada espazo ten os seus códigos e as súas técnicas, todas son importantes e todas se complementan. Para min o que fai interesante o medio é que esteas a gusto co proxecto e que che aporte algo a nivel profesional e persoal.

Como está de saúde o sector en Galicia, hai traballo?

A dobraxe, mal. Non parece que lle importe a ninguén. Cada vez se inviste menos e o camiño non é alentador. O que nos vai levar a ‘desvaldir’ aos mellores profesionais, e os investimentos de 30 anos de oficio en Galicia. O teatro parece que empeza a asomar a cabeza despois desta crise tan dura, aínda timidamente, e o audiovisual, sen estar nos mellores momentos, é o que está gozando dunha mellor saúde, aínda que sen grandes alegrías tampouco.

Traballou tamén a nivel nacional, hai diferencias con Galicia?

Fundamentalmente os cartos. Máis cartos implican máis medios, máis tempo, máis seguridade laboral... Persoalmente penso que os equipos humanos que temos en Galicia, técnicos e artísticos, non teñen nada que envexar ao que hai por aí fóra.

As redes sociais piden a volta de ‘Matalobos’, hai esperanza?

Pasou moito tempo e non creo que se pense en recuperar esa serie. Polo que eu sei, a idea era finalizala definitivamente.

É natural de Riotorto, case unha porta da Chaira, que representa para vostede esta comarca?

Son fillo de chairego e mirandesa. Meu pai, como deixei entrever antes, era natural de Prevesos, meus tíos e primos estaban espallados por Saldanxe, Tellán e Prevesos. Xa que logo, as miñas raíces tamén son chairegas. Hai algúns aspectos do carácter da xente da Terra Chá: a nobreza, a xenerosidade ou a hospitalidade, que me fan sentir profundamente orgulloso de ter parte do sangue chairego.

Comentarios