La lucense Mariña Casais llevará el corto 'Izquierda. Nada' al Festival de Cannes

Mariña Casais (foto superior) e un fotograma de 'Izquierda. Nada'
photo_camera Mariña Casais (foto superior) e un fotograma de 'Izquierda. Nada'

«Xa me vexo en Cannes como Paco Martínez Soria», chancea Mariña Casais, luguesa de Vilalba e con orixes familiares en Ribadeo e na Pontenova, que estará na presente edición no prestixioso festival de cinema da Costa Azul porque a súa curtametraxe 'Izquierda. Nada' foi seleccionada para ser exhibida no certame.

Casais, nada en 1985, é licenciada en Comunicación Audiovisual pola Complutense de Madrid e diplomada en Dirección de Cine pola Escola de Cine de Alcorcón. Neste último centro presentou 'Izquierda. Nada' como proxecto fin de carreira e, un pouco por probar, mandou tamén recado ao festival francés. «Cal foi a miña sorpresa cando escolleron o traballo!», sinala a realizadora. «Aínda estou que non o creo», recoñece.

O de estar en Cannes, aínda que non sexa na sección de curtas a concurso —«son só catro ou cinco», di— é un soño feito realidade. «Nas miñas ensoñacións nunha me vin gañando un Oscar, senón unha Palma de Ouro en Cannes —chancea—; por iso de que é máis cultureta e menos comercial».

'Izquierda. Nada' é unha película de nove minutos que mestura imaxe real e animación e que está realizada a partir da técnica de 'stop motion'. «Pero dun xeito reinventado», di a directora. «Trátase dun conto fantástico feito cunha cámara de fotos. En vez dos 24 fotogramas por segundo da linguaxe cinematográfica esta película é de catro imaxes por segundo. E foi así porque se «disparaba o traballo» no caso dos debuxos animados.

O feito é que o recurte converteuse en fortaleza e os catro fotogramas por segundo que ralentizan a imaxe «son tamén unha aposta estética». «É un contiño máxico no que os personaxes reales interactúan con debuxos a rotulador. Introducimos unha voz en off e hai diálogos, pero son insignificantes», comenta a directora. Como nas películas mudas dos anos 20 ou 30 do século pasado, os personaxes nin moven os beizos nos diálogos e a pista de son foi introducida posteriormente.

Semella que a audacia deulle sorte a Mariña Casais, directora e guionista da película, que botará os once días do festival de Cannes —entre o 11 e o 22 de maio— un pouco como relacións públicas da súa película. «As curtametraxes en exhibición estarán nun espazo —a esquina das curtas—, dividido en salas, con pantallas, para que as vexan os críticos e o público e teremos nós que invitar aos asistentes ao festival a que elixan as nosas», conta.

A cineasta de Vilalba non estará soa, xa que acudirá acompañada polo debuxante da animación, o cántabro Jacobo Gómez Briz. Tamén conta con poder achegarse uns días ata Cannes a outra luguesa do equipo, a ribadense Julia Díaz, que é a directora de fotografía de 'Izquierda. Nada'.

Tanto Mariña Casais como Julia Díaz participaron o verán pasado na mostra Mariñarte, que se celebrou en Ribadeo, e a directora agracede o apoio que sempre recibiron do Concello mariñano para desenvolver o seu traballo.

Ademais de facer realidade o seu soño de vivir dende dentro o festival máis prestixioso de Europa, Mariña Casais conta con que a selección de 'Izquierda. Nada' sexa un pulo. Polo cedo, haberá reseñas da curta de Cannes no Cahiers du Cinema. «Traballo como teleoperadora en Bilbao, porque hai que comer», admite. Pero non descoida o seu currículo.

Foi finalista no Festival de Ciudad Real grazas a 'Experimentación sensorial', ten encargados videoclips e gústalle o xénero fantástico. O próximo proxecto que ten en mente é ambicioso: «Estou a buscar financiamento cunha produtora para filmar nos EE.UU.; en Nova York ou Los Ángeles».

Comentarios