Martes. 20.11.2018 |
El tiempo
Martes. 20.11.2018
El tiempo

Lugonovo reclama a protección da mámoa do leirapárking do Hula

Membros de Lugonovo co historiador Xabier Moure, cerca da mámoa
Membros de Lugonovo co historiador Xabier Moure, cerca da mámoa
A formación cre que a construción dun aparcadoiro poría en perigo o patrimonio histórico do achado

O grupo municipal de Lugonovo reclama a protección do túmulo megalítico situado nunha zona próxima ao Hula coñecida como leirapárking, co obxectivo de evitar que o Concello utilice esa parcela como aparcadoiro.

A marea lucense insta á protección urxente da mámoa e busca poñer fin ao proxecto que cre que poría en perigo o patrimonio histórico da zona. «A construción dun aparcamento sobre a mámoa causaría estragos e danos irreparables no xacemento histórico», segundo esta formación política.

O experto en prehistoria Xabier Moure, do blog O Noso Patrimonio, acompañou a unha delegación de Lugonovo ata a mámoa para constatar que o monumento necesita unha protección superior aos cinco metros de pechadura de madeira propostos polo Concello de Lugo. A lexislación galega dicta que os xacementos desta tipoloxía teñen que incorporar unha zona de protección integral que alcance os 200 metros.

Así mesmo, o grupo municipal urxe a colocación dun panel informativo no que se explique o contexto histórico da mámoa e as súas características, coa finalidade de poñer en valor o seu patrimonio.

A voceira de Lugonovo, Cristina Pérez, solicita unha adecuada xestión do patrimonio e resalta a importancia de coidar os restos arqueológicos prerromanos situados fóra da cidade.

A concelleira lamentouse de que os gastos destinados á mellora tecnolóxica dos museos da cidade non contemplen medidas para evitar o abandono dos xacementos exteriores.

O túmulo necrológico, datado no 3.000 a.C., está incluído no inventario de xacementos arqueológicos da Xunta de Galicia no marco da zona de protección do monte de San Cibrao.

Este xacemento xa aparece recollido nos Cadernos de Estudos Galegos que escribíu Antonio Fraguas no ano 1953. O historiador identificou no artigo titulado Apuntamentos sobre mámoas un total de sete túmulos megalíticos, dos que hoxe soamente quedan seis.

Lugonovo reclama a protección da mámoa do leirapárking do Hula
Comentarios