Lugo viste de lixo

E o diaño viste de Prada mentres a cidadanía grande e miúda disfrázase de castrexos e romanos no Arde Lucus con máis matronas e vestais, con máis senadores que a Roma imperial.

Merda e cheiro nas rúas de pedra e historia nunha folga anunciada. Como ao final a cadea rompe polo elo máis feble, cómpre estar cos traballadores, aínda que se equivoquen e fagan tremer un dos poucos motores económicos da cidade adurmiñada. As folgas teñen que molestar e, ao longo da historia, as conquistas obreiras costaron fame e miseria, dor, sangue e moitas bágoas. Esas conquistas da dignidade humana estanse a perder en pouco tempo nas mans da cobiza dos indignos.

Co lixo sementado e o cheiro abafante nestes días de festa e tanta calor, hai que anotar algúns fracasos. Por exemplo, a falta de cintura do concello nuns días estratéxicos, para retocar o decreto de servizos mínimos e reconducir as protestas. Ou da empresa da contrata municipal que con cartos públicos impón a defensa implacable do seu negocio. E se fracasa, incapaz de solucionar os problemas, as mans públicas teñen que amañar a desfeita. Aviso a navegantes: cando xigantes insaciábeis como ACS, propietaria de Urbaser, monopolizan tantas concesións, quen se enfrontará a eles? Fracaso dos traballadores que fan ben en defender as súas reivindicacións, os seus dereitos, pero sen dúbida calcularon mal, equivocaron a estratexia e ao final fixeron pagar aos de sempre. Chama e moito a atención a inquina dunha parte da cidadanía contra os imprescindibles e máis que nunca necesarios sindicatos, e como se silencia que as organizacións empresariais reciben maiores subvencións públicas. Éche o que hai, este é un país que nas revoltas contra a fame acostuma queimar as panaderías.

Lugo viste de merda, pero máis aló do conflito laboral, o paseo pola cidade revela as agresións impunes ao pobre parque de Rosalía. Os contedores de lixo mostran o fracaso colectivo dunha cidadanía que recicla pouco e moi mal, que mestura papel e residuos orgánicos, mobles e televisións vellas, botellas, roupa, latas e cristal, todo. Algúns restaurantes e supermercados semellan ter barra libre sen que ninguén lles controle. O lixo é responsabilidade de todos.

Este sistema consumista revela o suicidio colectivo ao que se encamiña o planeta cubrindo a pel da terra con residuos, velenos, tanto plástico. O consumo que nos consume, o consumismo que nos degrada, mostra a obesidade duns poucos que se apropian dos froitos da terra condenando á inmensa maioría.

Cheira moi mal no Arde Lucus que rememora o noso mellor pasado. Claro que se a recreación histórica fora real habería que recordar que lixos e cheiros asolagaban poboados castrexos e as rúas da mesma Roma. Vinte séculos despois é difícil aceptar que Lucus Augusti vista de lixo.

Comentarios