Lugo negro

Cometendo a osadía de adentrarme no territorio do meu compañeiro Grial Parga, auténtico gurú da sabiduría cinematográfica nesta provincia xunto con Alfredo Pardo, atrévome a afirmar que non hai ninguna película relevante que estea ambientada en Lugo. Lembro unha sobre a guerra da independencia cun canón de proporcións esaxeradas polo medio na que un oficial británico pasaba por Lugo, pero non paraba a desfrutar da gastronomía. Do resto, non teño constancia.

Cada cidade ten unha serie de características que a identifican ante os ollos do mundo. Dese xeito, Sevilla é a urbe das esmorgas e a devoción católica, Cádiz a do humor e o haxix, A Coruña un barrio segregado de Madrid, e Lugo... a do bon comer e a vida relaxada. Esta cualidade de Lugo faina moi recomendable para vivir nela, especialmente ás persoas
aqueixadas de stress, pero réstalle outras posibilidades. Imaxinan, por exemplo que Georges Simenon nacera en Monforte e se criara en Lugo no canto de vir ó mundo en Lieja e madurar en París? Sería difícil que as súas novelas cobrasen toda a forza narrativa que teñen se estivesen ambientadas na Tinería e non no barrio latino da cidade da luz.

Os autores de novela negra non escollen a cidade das murallas como escenario das súas creacións. E eso que, coa policía local desaparecida das rúas, sería un caldo de cultivo axeitado para que se producisen os crimes máis extravagantes e as intrigas económicas e políticas máis sesudas.

Moitos pensarán que Xixón tampouco é precisamente o Chicago dos anos vinte e, nembargantes, alí celébrase cada ano con máis éxito a Semana Negra, un certame no que se dan cita músicos, novelistas e cineastas dese xénero que a tantos seduce e que en España deixou perlas como o filme ‘El Crack’ ou as novelas de Pepe Carvalho, obra do grandísimo Vázquez Montalbán. Non propoño, con esto, que en Lugo se copie o que fai en Xixón xa que a cidade ten suficientes iniciativas máis lúdicas e para tódolos públicos, eso si coas que encher a súa programación cultural ó longo de todo o ano. Crimes como o do Garabelo, en Meira, ou o do Paulino, en Chantada, son os grandes refrentes nesta provincia no tocante a sucesos sanguentos pero, salvo as reportaxes nos xornais, ninguén volveu abordalos dende unha perspectiva literaria ou cinematográfica. Eu aposto por que Lugo sega a ser unha cidade pequena e tranquila e non un niño de delincuentes.

Comentarios