Lugo Emprende prepara en Pedrafita futuros empresarios innovadores

Os estudantes deseñaron negocios para cubrir ocos de mercado e contribuír ao desenvolvemento da localidade
Alumnos do CPI Uxío Novoneyra que participaron onte na actividade de Lugo Emprende
photo_camera Alumnos do CPI Uxío Novoneyra que participaron onte na actividade de Lugo Emprende

O programa Lugo Emprende chegou este martes ao CPI Uxío Novoneyra de Pedrafita do Cebreiro cunha actividade dirixida a futuros empresarios. Esta iniciativa, que desenvolven a Consellería de Educación, a Fundación Alcoa e o xornal El Progreso, pretende fomentar o espírito emprendedor do alumnado lucense.

Marisol Amoeiro, profesora de Formación e Orientación Laboral no CIFP A Farixa de Ourense, foi a responsable de guiar os alumnos no obradoiro, 18 rapaces de sexto de primaria e de todos os cursos de secundaria.

A mestra parte de que a creatividade é fundamental para o emprendemento e de que todos os nenos contan con ela. Sostén, porén, que esta habilidade se ve restrinxida por certos hábitos sociais e educativos que restrinxen o desenvolvemento dos rapaces.

A actividade de onte tivo como obxectivo espertar ese potencial dos mozos e mostrarlles as vantaxes de traballar en equipo.

Afrontaron problemas e buscaron solucións. Reflexionaron sobre como podían cambiar o mundo e empezaron polo seu concello. Analizaron as necesidades e tras poñer en común as diversas ideas, concluíron que Pedrafita carece dunha oferta variada de ocio e actividades para o tempo de lecer.

Puxéronse mans á obra e deseñaron ‘Pedrafiesta’, un macropolígono destinado ao tempo libre con actividades diversas -karts, caza, discoteca, pubs, turismo deportivo e de aventura...- para dar servizo á poboación local e atraer visitantes e ingresos para un sector hostaleiro forte que contribúa ao desenvolvemento da zona.

PROGRAMA. A Fundación Alcoa, a Consellería de Educación e El Progreso colaboran no programa Lugo Emprende, co fin de ofrecerlles aos estudantes ferramentas que lles faciliten o desenvolvemento de proxectos empresariais.

O obxectivo é ofrecer estratexias aos futuros emprendedores, para orientalos na súa andaina polo mundo laboral.

Participan neste programa alumnos de primaria, secundaria e formación profesional de distintos puntos da provincia de Lugo. En cada centro, o plan Lugo Emprende programa actividades diversas, desde obradoiros para aprender a falar en público a ferramentas para presentar un currículum atractivo ou proxectos de xeito impactante. Os participantes aprenderon, ademais, os pasos a seguir para crear unha empresa, que nalgúns centros levaron á práctica.

A actividade forma parte do programa impulsado por Alcoa, a Xunta e El Progreso para fomentar o espírito emprendedor dos alumnos

Comentarios