Lunes. 24.09.2018 |
El tiempo
Lunes. 24.09.2018
El tiempo

Lugo defende a súa sanidade

Os agradecementos son interminables. Asociacións, colectivos, colexios oficiais. Citan aos sindicatos, demonizados hoxe. Dan grazas ao Colexio de Enfermería, ao Comité do Hula, a loitadora SOS Sanidade Pública. Pola megafonía, gratitude para os partidos. Todos? Non, falta o que promete e non cumpre. O que diante das eleccións fai electoralismo e logo esquece aos que perden o máis prezado, a saúde. Agradecen a presenza de miles de lugueses que saíron a defender a súa sanidade.

Esquece o representante dos veciños ausencias notables, a xerarquía da igrexa, o bispo. Semella que o seu reino non é deste mundo. Pero, non foi fundada para defender aos últimos?, para consolo dos enfermos?, para levar boas noticias aos machucados pola vida?

Vendo aos lugueses que se manifestan, poderíase titular ‘Os maiores loitan pola sanidade’. Ou ‘Avós detrás das pancartas’. Porque, aínda con excepcións, o día 26 faltaban os novos. Non loi-ta nin se manifesta a rapazada. A universidade, esa ola a presión onde debía ferver o caldo dos movementos sociais, vive de costas á cidade. Universitarios que usufructúan un estado de benestar regalado viven alleos á realidade. Caladiños, non protestan.

Pasa a manifestación por Bispo Aguirre e a rapazada, sentada nas terrazas, bebe os cartos dos pais que protestan e mira como zombis aos avós coas pancartas. Algúns trastean nas pantallas porque internet e as redes sociais teñen efectos secundarios de apampamento masivo.

Protestan os lugueses contra o castigo inxusto nunha provincia en declive demográfico que coa sanidade lle arrincan anacos de vida. Pola megafonía que funciona ben, o doutor Jorge Somoza explica claro e alto por que son tan necesarios os servizos que faltan, e que xestionados con sentidiño aínda aforrarían cartos. Fala da súa importancia no Hula coa contundencia de quen leva toda unha vida como médico de urxencias. Fala do desprezo do goberno galego aos lugueses nun tema alleo ás cores políticas como é a saúde.

A xente non entende o silencio ante unha ILP signada por 41.000 cidadáns. Empeza a sospeitar que a sombra das privatizacións é moi alongada nunha sanidade pública barata, que funciona moi ben pero con tantas espadas de Damocles enriba dela.

E falou, en fin, Alejandro Fdez. Pumariño, avogado. Con forza e cun chisco de emoción le o Manifesto das Asociacións Veciñais e de ‘Abre a Muralla’ preguntando que máis temos que facer. Gobérnase para o pobo ou contra o pobo? Porque eleximos gobernos para que xestionen o público e xamais para que privaticen a súa xestión en mans do negocio privado.

O Hula, un dos mellores hospitais, está inacabado. Como faltan os servizos de hemodinámica, radioterapia e medicina nuclear, Lugo loita na rúa pola súa sanidade.

Lugo defende a súa sanidade
Comentarios