martes. 19.10.2021 |
El tiempo
martes. 19.10.2021
El tiempo

Lugo céntrase na semana adicada a Xoán Montes para borrar a súa mala sombra

Fernando G. Jácome argumentaba onte, na inauguración do ciclo Xoan Montes. Sóache? no Museo Provincial de Lugo, que «non temos conciencia do grande que é; deberiamos sentir orgullo dun músico coma el, que anda polo mundo grazas á película ‘Mar adentro’».

Jácome referiu unha enquisa de rúa feita polo grupo Sólo Voces, que se pode ver nunha proxección na propia mostra, e que manifesta a ignorancia que existe sobre o compositor de quen «como moito, nos citaban ‘Negra sombra». Ese descoñecemento «xustifica estas xornadas», ao seu entender.

O vicepresidente da Deputación Provincial, Antón Bao, concorda na apreciación de que «a figura de Xoán Montes debe ser coñecida máis a fondo polos lucenses xa que ata o de agora permaneceu no esquecemento».

Por ese motivo, o seu departamento decidiu apoiar  estas xornadas, que servirán para «poñer en valor e dar a coñecer a súa pegada».

O director de Sólo Voces, Fernando G. Jácome, lembrou que en 1999 se organizaran unhas xornadas co gallo de cumprirse o centenario do seu nacemento. Desta volta trataron «de que soe a súa música, que é o importante». 

Indicou que escolleron pezas de todos os xénero que tocou Montes: composicións para orfeón e para banda, música de cámara —tanto baladas como para corda—, e temas relixiosos. O obxectivo era ofrecer unha visión ampla do compositor.

Esa visión ampla vese completada por unha mostra instalada no Museo Provincial de Lugo na que hai varios paneis resumindo a súa vida e contextualizando as súas composicións. Eses datos van acompañados da súa batuta, un molde para facerlle a estatua instalada agora en Lugo, e algunhas partituras orixinais nas que se aprecia a súa escrita.

O ciclo comezou cun concerto da soprano galega Carmen Subrido e do pianista lucense Xoán Elías Castiñeira, que interpretaron as ‘Baladas gallegas’ de Xoán Montes, ‘As lixeiras anduriñas’, ‘Doce sono’, ‘Negra sombra’, ‘Lonxe d’a terriña’, ‘Unha noite n’a eira do trigo’ e ‘O pensar d’o labrego’.

O pianista expresou a súa ledicia por poder interpretar en directo as obras «dunha figura necesaria» como a do homenaxeado, ao que, alén de cuestións musicais, únenlle outras persoais entre as que figura ter estudado no instituto de Lugo que leva o seu nome.

Falando das obras que ían interpretar no concerto de onte, manifestou o seu orgullo de que uns temas tan galegos como as ‘Baladas gallegas’ «soen tan aos lieder de Schumann, tras ser compostas nun lugar tan afastado da cultura centroeuropea».

Engadiu que «temas que aparecen nas ‘Baladas’ coma a emigración e a saudade, a desgraza ou a paixón amorosa son os temas dos grandes poetas centroeuropeos», e tamén son as letras de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Aureliano Xosé Pereira, que selecciona Xoán Montes para musicalas.

A Sala de Mosaicos do Museo Provincial, onde actuaron, estaba onte cheo de persoas interesadas en asistir ao concerto.

Lugo céntrase na semana adicada a Xoán Montes para borrar a súa...
Comentarios