Lucía ou a pegada galega

Un ano máis, Eurovisión pasou polas nosas vidas deixándonos unha chea de sensacións imborrables. Dous xemelgos idénticos con movementos histriónicos representando a Irlanda, un cantante lírico cunha fermosa peza integramente en corso por Francia, un efectista tema dance interpretado de xeito formidable pola cantante de Hungría ou o pegadizo ritmo de Estonia son algunhas das razóns que fixeron grande esta edición.

Non cabe dúbida de que o dúo de Azerbaián, malia pouca química entre os seus integrantes (por ser un grupo creado para o certame) chamou a atención. Non en van conseguiron, de forma imprevista, o primeiro posto. Nin o propio José María Iñigo, con ampla experiencia en retransmisións deste tipo, era quen de explicar o triunfo deste país que participa por cuarta vez en Eurovisión.

Pero non nos enganemos, se Eurovisión segue viva hoxe en día é porque ten sabido evolucionar e adaptarse aos novos tempos. Pouco ou nada ten que ver o festival na actualidade co que foi nos anos 60, 70, 80 ou 90. E, quizais por iso, está a atraer o interese de xeracións máis novas que non tiñan sequera nacido cando Massiel ou Salomé conseguían gañar o festival por España. Ou cando aquel fermoso ‘Lady, lady, lady se pinta los ojos de azul’ obtivo o terceiro posto no ano 1984 a cargo do grupo Bravo.

Con dúas victorias moi axustadas —unha compartida con outros tres estados, a de Salomé en 1969—, non podemos dicir que o noso país sexa unha grande potencia nisto de Eurovisión.

A razón? Non é unha soa, senón que son moitas e variadas. O feito de que España nunca quixera pasarse ao inglés, o idioma predominante na maioría das composicións que se presentan a concurso; o gran número de países que compiten na actualidade logo de que se ampliase o ámbito de participación ao leste europeo; ou o xusto interese de RTVE por promocionar correctamente o tema elixido son algunhas.

É curioso, ademais, que moitos cantantes e grupos consagrados do noso país se neguen a considerar sequera participar nun certame coma éste, unha excelente oportunidade de darse a coñecer fóra das nosas fronteiras. Hai anos, representar a TVE era un orgullo para calquera cantante e xente como Raphael (nada menos que en dúas ocasións), Julio Iglesias ou Karina non dubidaron en tomar parte no concurso.

Aínda que a fortuna non volveu estar da nosa parte tampouco nesta ocasión, a participación de Lucía non puido ser máis digna. A do Incio saiu con forza ao escenario e cunha vistosa coreografía fixo levantar dos asentos á maior parte do público reunido no Düsseldorf Arena. A nivel vocal estivo formidable e conseguiu imprimirlle á canción toda a enerxía que o tema precisaba.

O día anterior Lucía confiaba en dárenlle á volta as enquisas que a situaban ao final da táboa nesta edición do certame. Porén, non foi posible acadar máis que o posto 23. Aínda así, a publicidade que supón participar nun show televisivo que reúne a 150 millóns de espectadores é innegable. Por iso, Lucía pode sentirse satisfeita de ter representado a España en Eurovisión 2011.

Ademais fixo patria elixindo deseñadoras de Galicia para o seu vestiario e tamén para o calzado. E a gran sorpresa chegou co son das gaitas nos arranxos definitivos que lle deron ao tema un toque máis celta se cabe. Podemos dicir, con orgullo, que Lucía foi quen de deixar moi alto o pavillón galego ante Europa.

España leva xa varias edicións sen situar a súa representación entre as dez mellores. Lonxe quedan as actuacións dos ‘triunfitos’ Rosa, Beth ou Ramón que colocaron os seus temas nos postos sétimo, oitavo e décimo, respectivamente. Por iso, aínda ‘Que me quiten lo bailao’ só conseguira mellorar leventeme a Soraya Arnelas, penúltima, podemos sentirnos orgullosos da dignidade e profesionalidade que amosou a do Incio. A súa seguridade no impresionante escenario chamou a atención dos presentes que non paraban de corear a canción nos ensaios e na actuación final. De feito, o tema foi un dos máis repetidos nas discotecas xermanas.

Este ano a retransmisión máis sobria de Íñigo deixou de lado as agoreiras predicións, xa clásicas por outra banda, de José Luis Uribarri. Neste caso, esas cábalas non lle servirían de nada, aínda que xa é tradición que os países do leste se voten entre si, o espectador non puido exclamar iso de «todo é política». Países como Reíno Unido, Francia ou Suecia chegaron as primeiras posicións con certa comodidade, algo que non sucedía nos últimos tempos. A destacar o segundo posto de Italia, que non concorría dende hai tres lustros, indignados polo desprecio habitual nas calificacións. Non foi casual que a mesmísima Raffaella Carrá exercera de voceira dos seu xurado. Dende que presentou a preselección en TVE hai catro anos comezou unha campaña na RAI para que o seu país volvera ao festival.

De todos os xeitos, países como Romanía. Estonia, Letonia ou Xeorxia enviaron grandes espectáculos, para eles isto é algo bastante máis importante que para nós. Se España está presente a nivel internacional con deportistas de primera liña como Nadal, Alonso, Lorenzo, o Barça ou a propia selección española, que lles queda a esas pequenas nacións? Pois aínda que non o crean: o Festival da Canción de Eurovisión. Esta é, probablemente, a súa única oportunidade de amosar o seu potencial. Sumemos a ese ‘patriotismo musical’ a promoción interestatal dos cantantes elixidos para representalo dun xeito oficial, o que os leva a ser máis coñecidos entre todos eses territorios que o resto de aspirantes.

Comentarios